O 90% do persoal de Alcoa apoia o preacordo do ERE e seguirá mobilizado contra o peche

Concentración na Praza de María Pita da Coruña contra o peche de Alcoa © Concello da Coruña

A pasada semana Alcoa e os sindicatos con máis representación entre o persoal das súas factorías da Coruña e Avilés acadaron un preacordo. No límite do remate do período de negociacións do Expediente de Regulación de Emprego en ambas fábricas, pactaron un período de seis meses para agardar por un comprador das instalacións. Se non aparece, a multinacional estadounidense que mercou as fábricas estatais de Inespal ao Goberno de José María Aznar despedirá a metade do persoal con 60 días de indemnización por ano traballado.

Tras o apoio maioritario ao preacordo o persoal  de ambas factorías centra as mobilizacións en esixir aos gobernos galego e central que se impliquen na procura dun comprador

Este preacordo, que contemplou ademais medidas para manter parcialmente a actividade das fábricas nestes meses -a CIG desmarcouse del ao considerar que "non garante os empregos nin que se reinicie a actividade"- quedou a expensas da súa aceptación polo persoal, que en senllas votacións lle deu este luns o seu visto e prace de xeito maioritario. Tanto na Coruña como en Avilés o "si" ao pacto acadou un apoio superior ao 90% pero cunha advertencia: as mobilizacións non van cesar e tanto o Goberno central como o galego, no caso coruñés, teñen que implicarse na procura de comprador.

As mobilizacións volven á Coruña este 24 de xaneiro e estenderanse en febreiro aos portos de Vigo e Vilagarcía

Co resultado da votación na man -316 votos a pol fronte a 22 en contra na Coruña e unha participación superior ao 90%- os comités de empresa ultiman as seguintes protestas. No caso coruñés a próxima será este xoves, 24 de xaneiro, ante a Delegación do Goberno central en Galicia para "reclamar un marco enerxético estable para as industrias electrointensivas" co obxectivo de facilitar a entrada de investidores nas factorías en risco de peche.

Ademais, a mobilización sairá da Coruña. No calendario de protestas figuran tamén xa senllas concentracións ante as autoridades portuarias de Vigo e Vilagarcía de Arousa. A mensaxe en todas estas protestas será a mesma: agora é a quenda dos gobernos, afirman.

Un intre das votacións en Alcoa sobre o preacordo para o ERE CC-BY-SA CCOO Galicia

A ministra de Industria mantén que "hai vontade por varias empresas para poder mercar" as factorías de Alcoa na Coruña e Avilés

Con este pano de fondo o Goberno central manifesta a súa satisfacción polo resultado das votacións. "Alégrome de que os traballadores referendasen aos seus compañeiros que negociaron o preacordo; agora toca o estatuto electrointensivo e consolidar os empregos e a actividade industrial", afirma o delegado do Executivo de Pedro Sánchez en Galicia, quen asegura que "o Goberno seguirá defendendo e axudando aos traballadores".

Nesta liña, a ministra de Industria, Reyes Maroto, tamén ve unha "boa nova" a votación sobre o ERE. "Temos seis meses para buscar un investidor" e considera "posible" que suceda, "porque hai vontade por varias empresas para poder mercar Alcoa". Tanto o Goberno central como a Xunta e o Goberno do Principado de Asturias, asegura, tentarán facilitar que isto suceda.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.