O agro galego saca centos de tractores en dez localidades en demanda de "prezos xustos" e menos burocracia

Tractorada no centro da Coruña, camiño da sede da Delegación do Goberno CC-BY-NC-SA SLG

Prezos xustos, reducir a burocratización exixida ás explotacións, cumprimento da Lei da Cadea Alimentaria, máis apoio aos mercados locais, rexeitar os tratados de libre comercio da UE ou adaptar a PAC á realidade da agricultura e a gandaría galega. Son algunhas das reivindicacións que as organizacións convocantes das tractoradas que este martes percorreron varias localidades galegas fixeron ás administracións públicas. Foi nunha xornada de protesta convocada polo Sindicato Labrego Galego (SLG), Unións Agrarias (UUAA) e a Asociación Agraria de Galicia (Asaga) que, tal e como advertiran, agardaron a que pasasen as eleccións autonómicas para sacar os seus tractores e as súas demandas ás rúas. 

Lugo, Ourense, Lalín, Compostela, A Coruña, Ortigueira, Vimianzo, A Gudiña, Ribadeo e Pedrafita acolleron desde primeiras horas mobilizacións de gandeiros e gandeiras, con presenza ante a Delegación do Goberno de España na cidade herculina e ante a Consellería do Medio Rural e a sede da Xunta en Santiago. Foron arredor de 600 tractores os que se desprazaron ás diferentes marchas, nas que participaron unhas 4.000 persoas segundo as organizacións convocantes. 

Uns 600 tractores e milleiros de gandeiros mobilizáronse en dez localidades por uns "prezos xustos", polo cumprimento da Lei da Cadea Alimentaria e contra a excesiva burocratización

Tractoradas en dez localidades que provocaron cortes e unha importante desaceleración do tráfico en numerosos puntos que se viron afectados polas mobilizacións, especialmente na entrada ao país pola Gudiña ou Ribadeo. Protestas das que se desmarcou o colectivo Agromuralla, que si participou activamente nas marchas en Galicia, máis minoritarias, que tamén se desenvolveron en varias provincias de España durante as últimas semanas. Porque non se lles "permitiu", denunciaron, participar na organización. 

As mobilizacións, celebradas de forma conxunta en toda a cornixa cantábrica, centran as reivindicacións na demanda de prezos xustos para os produtos do sector primario, no rexeitamento dos tratados de libre comercio, a eliminación da burocratización, así como a adaptación da Política Agraria Común (PAC) "á realidade da agricultura e gandaría galegas", ademais mantemento da redución no prezo do gasóleo, unha "negociación real" co sector e o cumprimento da Lei da Cadea Alimentaria. 

En declaracións aos medios en Compostela, Félix Porto, secretario de coordinación de UUAA, explicou que estas mobilizacións son o inicio das que se prevén para exixir que "se cumpra a lei de cadea alimentaria" e que "non sexa papel mollado", á vez que se pide control por parte da AICA (Axencia de Información e Control Alimentarios) para que os contratos se cumpran con prezos xustos. Ademais, demanda "unha PAC que sirva para as persoas", coa que "deixen de desaparecer explotacións" de carne e leite.

SLG, UUAA e Asaga, convocantes das protestas, fan unha "chamada de auxilio", piden "unha PAC que sirva ás persoas" e defenden a "dignidade" do rural

Desde Lalín, a secretaria xeral do SLG, Isabel Vilalba, advirte "dunha chamada de auxilio dun sector fundamental", polo que "se non se mira por el en poucos anos seguirán aumentando ese problema de peche de explotacións dramático", pois en próximos anos xubilaranse "seis de cada dez titulares". Así mesmo, lembra que o próximo 26 haberá unha nova mobilización en Madrid, ante o Ministerio de Agricultura.

Pola súa banda, en Santiago, o presidente de Asaga, Francisco Bello, sinalou que se busca "demostrar que hai un medio rural vivo" que se mobilizan por toda España para "defender a dignidade de vivir no rural e de producir alimentos". E avisa de que o futuro da alimentación en Europa está "en grave risco".

Nesa mesma cidade, unha trintena de tractores concentráronse cara ao mediodía ante a Xunta, diante da Consellería do Medio Rural, aínda que outros 60 --procedentes da comarca-- atopábanse nunha rotonda próxima en San Caetano ao non deixarlles acceder a Policía para rodear o complexo administrativo.

Mobilizacións agrarias na Coruña, Santiago e Lugo, este 20 de febreiro CC BY-SA Imaxe: SLG | Montaxe: Praza.gal

Ao tempo, na Coruña, unha vintena de tractores accederon ao centro da cidade cunha concentración convocada ante a Delegación do Goberno en Galicia, na que xa, antes da chegada dos vehículos, concentráronse representantes do sector cunha pancarta coa lema común de En defensa do agro galego. "Ministro, escoita, o campo está en loita", foi unha das proclamas durante a protesta, con presenza de medio cento de persoas.

Os manifestantes sinalaron a todas as administracións, con críticas á UE e marchas ante a Delegación do Goberno central e ante a Xunta

Pola súa banda, en Lugo, uns 50 tractores chegaron ata a Rolda da Muralla e un cento de gandeiros e agricultores concentrouse ante o edificio da Xunta para marchar logo cara á sede da Subdelegación do Goberno. En Ourense,foron uns 70 os tractores, remolques e todoterreos que rodearon a Subdelegación do Goberno, procedentes de Xinzo de Limia, Castro Caldelas, Maceda, Coles, A Peroxa, comarcas do Carballiño e do Ribeiro. A concentración contou con aredor dun cento de persoas con apeiros de labranza e mesmo xente con grelos na cabeza, á vez que facían soar bucinas e chocas.

Houbo tamén mobilizacións e tractores en Lalín, Ribadeo, Vimianzo e Ortigueira, nunhas protestas, en toda Galicia, que provocaron cortes de tráfico nas provincias de Lugo e Ourense, en concreto en Pedrafita, con presenza dun cento de gandeiros a pé e tamén de tractores, ou na N-VI, en dirección Madrid. En Ourense, o corte produciuse na N-525, na Gudiña. 

Unhas marchas que apuntaron ás políticas da UE, pero tamén ás do Goberno central e ás da Xunta, como demostran as mobilizacións tanto ante a Delegación do Goberno e as subdelegacións como ante sedes da Xunta ou de Medio Rural. Precisamente, o conselleiro do sector, José González, dixo "comprender" as reivindicacións e estar ao seu carón, pero pediu poñer "o foco" na lexislación comunitaria

Segundo dixo, o que demandan os gandeiros e agricultores "ten que ver, sobre todo, coa necesidade de abordar a modificación dunha lexislación europea que impón múltiples trabas e que asfixia os agricultores e gandeiros pondo en perigo a súa viabilidade económica". "Se atendemos ás súas declaracións, cando falan de caderno dixital, do veterinario de explotación, do decreto de nutrición sustentable dos solos, de flexibilizar os ecoesquemas, de que é necesario cambiar a rotación de cultivos, é lexislación que vén de Europa e que despois ten os correspondentes decretos nacionais", apuntou, obviando calquera responsabilidade da Xunta. 

Tractores en San Caetano, en Santiago CC-BY-NC-SA SLG

Medio Rural pide poñer "o foco" na lexislación "inasumible" da UE e sinala o Estado; o Goberno central instou a Xunta a "asumir as súas responsabilidades"

Así, González expuxo que a Xunta "leva tempo manifestando ao Ministerio" que estas lexislacións "son inasumibles e poñen en perigo a viabilidade económica das explotacións". Este mesmo luns, lembrou o conselleiro, trasladoulle esta mensaxe ao ministro Luis Planas, ao que demandou que "fose o máis contundente posible ante a Comisión Europea para defender esta postura". Así, demandou unha moratoria á lexislación europea porque "os agricultores están asfixiados". 

Pola súa banda, o delegado do Goberno central en Galicia, Pedro Blanco, reivindicou as medidas promovidas polo Executivo central para dar resposta ás demandas de agricultores e gandeiros, entre elas un "prezo xusto" para os seus produtos e unha negociación "real", á vez que instou a Xunta a "arrimar o ombreiro".

"Entendemos a preocupación do sector", sentenciou o delegado do Goberno, que defendeu as "solucións" do Executivo central como unha dotación de "máis de 4.000 millóns de euros en axudas extraordinarias" e 18 propostas "sólidas e traballadas, froito do diálogo co sector".

Neste contexto, instou á Xunta a "arrimar o ombreiro" e a "asumir a súa responsabilidade" en lugar de "mirar cara a outro lado". "Unha verdadeira implicación con medidas concretas para resolver a problemática", recalcou. Por outra banda, apelou á colaboración coas organizacións agrarias e ao diálogo cun sector "estratéxico para a economía de Galicia".

A deputada do BNG Olalla Rodil e outros membros da formación, na tractorada de Lugo CC-BY-NC-SA BNG

"Sector fundamental"

Desde os partidos, o BNG participou nas mobilizacións do sector agrogandeiro en Lugo, coa presenza das deputadas electas do Parlamento Olalla Rodil e Montse Valcárcel, xunto con representantes do Bloque no Concello e na Deputación. 

Rodil afirmou que este sector "é fundamental e estratéxico para a provincia de Lugo e para toda Galiza", e engadiu "é preciso garantir o mantemento da actividade gandeira, cuns prezos en orixe que cubran os custos de produción". Ademais, anunciou que o BNG seguirá traballando en todas as institucións onde ten representación "para levar as reclamacións do sector agrario e das organizacións sindicais para garantir que se poida manter unha vida digna no rural galego".

Pola súa banda, PSOE e PP levaron ao Senado cadansúa moción de apoio á protesta agrogandeira que se desenvolve en todo o Estado. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.