R, de Caixanova a MásMóvil nunha década

Instalacións de R na Coruña © Euskaltel

Nacida hai máis de vinte anos, a empresa de telecomunicacións R volve mudar de mans. Farao por terceira vez en pouco máis dun lustro, logo de se integrar en 2015 en Euskaltel e despois de que o fondo británico Zegona pasase a ser o primeiro accionista da desta operadora en 2019. Agora chega a OPA amistosa de MásMóvil sobre a compañía vasca, que xa conta co apoio dos tres accionistas maioritarios que suman máis de 52% do capital: Zegona, Kutxabank e Corporación Alba. 

R volve mudar de mans tras integrarse en Euskaltel en 2015 e logo de que o fondo Zegona se convertese en primeiro accionista do grupo vasco en 2019

A confirmación da operación daría como resultado o cuarto gran grupo operador do sector das telecomunicacións no Estado, só por debaixo de Movistar, Orange e Vodafone. MásMóvil ofrece 11,17 euros por acción, o que supón unha prima do 26,8% sobre o prezo medio no último medio ano dos títulos  de Euskaltel, compañía que valora nuns 2.000 millóns de euros. A participación que mantén Abanca na firma vasca logo de que esta se fixese con R, algo máis do 4%, situaríase por riba dos 80 millóns

Tenda de R en Galicia © R

Caixanova, o Pastor, Unión Fenosa e outras empresas galegas impulsaron R en 1998; dez anos despois a caixa do sur convertíase na máxima accionista

A da entidade galega é a pegada que aínda queda das antigas caixas no grupo onde se integra R, compañía que leva acumuladas máis de vinte mudanzas accionariais desde os seus inicios. Daquela, Caixanova, Unión Fenosa, Banco Pastor e outras empresas e empresarios galegos impulsaron a firma, que xurdiu en 1998 baixo a denominación Grupo Gallego de Empresas para el Cable a raíz do concurso para a adxudicación do despregamento do cable en Galicia. 

Aos dez anos, en 2008, Caixanova liderou un dos principais cambios ao mercar o 35,44% que tiña Unión Fenosa, absorbida xa por Gas Natural, acumulando así máis do 66% da empresa. 

Menos de dous anos despois, o fondo de capital risco CVC Capital Partners, con sede en Luxemburgo, facíase cunha participación do 35% e unha opción de compra doutro 35% que consumaría só uns meses máis tarde, ata alcanzar o 70% do accionariado. 

O fondo CVC fíxose co 70% do accionariado en 2010 e en 2015 Euskaltel mercaba todas as accións de R por 1.190 millóns

Caixanova quedaba co 30%, practicamente o mesmo paquete accionarial que antes da saída de Unión Fenosa. Antes da chegada de CVC á firma de telecomunicacións, Inversiones Gallegas de Cable -sociedade que agrupaba diferentes compañías como Estrella Galicia, o Grupo Tojeiro ou Jealsa- era a segunda máxima accionista co 10,5%, seguido de Banco Pastor (9,91%) e de Cable Total, co 9,85%. 

En outubro de 2015, Euskaltel anunciaba un acordo de compra de todas as accións de R Cable por un prezo definitivo de 1.190 millóns de euros, incluíndo 300 millóns de débeda. A firma galega pasaba a ser xa unha filial do grupo vasco, que en 2017 adquiriría a asturiana Telecable para acabar fusionándoa coa propia R. 

MásMóvil farase co control de Euskaltel © MásMóvil

Durante os cinco anos baixo a propiedade de Euskaltel, R acabou por ser unha das empresas máis rendibles para o grupo, cunha achega duns 100 millóns en dividendos, aínda que a unión con Telecable lastrou os seus resultados. 

Aquela fusión coa empresa asturiana, aínda que mantendo ambas as marcas, e o control de Zegona en Euskaltel provocou a deslocalización de numerosas subcontratas que traballaban para R, principalmente cara á sede que o grupo asiático ZTE ten en Asturias, o que provocou importantes mobilizacións sindicais. 

MásMóvil comprométese a preserver o emprego, a marca e a sede de R en Galicia

Agora, MásMóvil comprométese a preserver o emprego, a marca e a sede de R en Galicia, segundo asegurou nun comunicado no que advirte do mantemento tamén de Euskaltel e Virgin e no que destaca que as firmas asturiana, vasca e galega sexan "referencia en servizos converxentes de telecomunicacións nos seus respectivos territorios". 

Queda por ver como queda o "perfil galego do grupo" que, segundo explicara Euskaltel, saíra reforzado o verán pasado coa incorporación como conselleira independente de Beatriz Mato, ex-conselleira e última candidata á alcaldía da Coruña polo PP, á que a firma vasca fichou pola súa "grande experiencia e coñecemento do tecido empresarial e institucional de Galicia". 

Mentres, o ano pasado Euskaltel bateu récord de clientes e beneficios ao gañar case 80 millóns de euros, un 28% máis malia a crise e a elevada competencia no sector. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.