O xuíz investiga a Villar Mir e Eduardo Zaplana na operación Lezo. O empresario dono de OHL e Ferroatlántica xa fora investigado polos papeis de Bárcenas. O maxistrado pide agora datos sobre ambos, se ben non están formalmente imputados polo momento.
Fálase
Falece Mariví Villaverde. A escritora, exiliada tres veces pola persecución franquista, morreu este domingo. Era filla do primeiro alcalde republicano de Vilagarcía e deputado, Elpidio Villaverde, e viúva do activista Ramón de Valenzuela. Foi Republicana de Honra pola CRMH da Coruña en 2012.
Activo un novo incendio, desta vez en Sober, que afecta xa 100 hectáreas. Van máis de 1.100 hectáreas queimadas en Galicia desde o pasado mércores.
Trinta mil galegas deixan de traballar por coidar nenos ou maiores. Apenas 2.600 homes deixan o emprego ou a busca del para labores familiares. Cóntao Faro de Vigo.
Tan só un de cada catro franceses votou os partidos que gobernaron sempre. Con case o 100% escrutado, Macron obtivo o 23,9% dos votos fronte ao 21,4% de Le Pen, o 19,9% de Fillon e o 19,6% de Mélenchon. O socialista Benoît Hamon, queda cun 6,4%.
Macron e Le Pen enfrontaranse na segunda volta das eleccións francesas. eldiario.es está a facer seguemento da noite electoral.
Celta e Deportivo perden os seus partidos de Liga 0-1 ante o Betis e 1-0 ante a Real Sociedad, respectivamente.
O vigués Diego Gago, elixido este sábado en Sevilla novo presidente de Nuevas Generaciones do PP, defende a Esperanza Aguirre: “Seguro que ela é a máis decepcionada”. A elección de Gago estivo rodeada pola polémica que suscitaron as súas declaracións atribuíndo a Guerra Civil á “confrontación social”.
Dous concelleiros do PSOE de Vigo son chamados a declarar como investigados por subirlle o soldo a un funcionario. O PP cualifica o goberno de Abel Caballero como “a cova de Alibabá”.
O BNG márcase o obxectivo de ter designados os seus candidatos ás municipais de maio de 2019 antes dun ano. Así o decidiu este sábado o seu Consello Nacional, que aprobou un plan de traballo que contempla unha campaña Contra o agravio do Estado a Galicia que culminará coa manifestación do 25 de xullo.