A Xunta aproba o calendario laboral do 2018, con datas festivas habituais como o Día Nacional de Galicia ou o Día das Letras. Desta volta o 17 de maio é un festivo "recuperable" en función do criterio de cada empresa, ao non cadrar en domingo ningún festivo estatal co que intercambialo, como xa acontecera outros anos como 2000, 2001 ou 2007. A estas xornadas festivas engádense as de ámbito municipal.
Fálase
Rajoy anuncia o recurso do Goberno de España ante o Constitucional contra a lei do referendo de autodeterminación de Catalunya e mais o decreto de convocatoria, e reitera que "esa consulta non se vai celebrar en ningún caso". Esta acción, sinala, tamén "defende o autogoberno" catalán.
A Fiscalía Xeral do Estado anuncia querelas criminais contra a Mesa do Parlament e o goberno de Puigdemont.
O Banco de España dá por perdidos máis de 42.000 millóns de diñeiro público polo rescate bancario. O supervisor asegura que tan só se recuperaron 3.873 millóns e que no futuro só se poderán recuperar outros 10.400. No rescate de Novacaixagalicia perdéronse uns 8.000 millóns de euros.
As autoescolas piden a transferencia das competencias de tráfico á Xunta en pleno conflito pola folga de examinadores. Recólleo La Opinión. O Parlamento galego pediu estas competencias e o Congreso negounas nunha votación do ano 2010 que supuxo a fin do desenvolvemento da Policía galega.
O furacán Irma arrasa varias illas caribeñas con refachos superiores aos 300 quilómetros por hora. 4gotas explica neste post de Facebook a súa evolución.
O tribunal do caso Gürtel rexeita o careo entre Rajoy e Bárcenas que reclamaba a acusación popular a respecto da 'caixa B' do PP, cuxa existencia certificou a investigación da trama.
O alcalde de Becerreá, novo presidente da Sociedade Urbanística da Deputación de Lugo cos votos de PSdeG e PP e a abstención do BNG. Recólleo El Progreso
Os Multicines Norte de Vigo fanse coa xestión de Multicines Compostela. O seu modelo compaxina estreas con cine de autor e independente. Tras varios anos pechados, Multicines Compostela reabriran hai un ano cun modelo de negocio similar.
A Fiscalía non probou ningunha denuncia falsa por violencia machista en todo 2016. Mantense así a tónica de exercicios anteriores e no cómputo global dos últimos oito anos non chegan nin ao 0,2% de todas as denuncias.