0 Gardados para despois

O máis importante

As contas de Praza

A Fundación Praza Pública é a responsable institucional do xornal Praza Pública. É unha fundación sen ánimo de lucro que ten por finalidade o fomento da información e o debate público como forma de contribución ao exercicio cívico da cidadanía galega, ben como a promoción da cultura e a lingua galega. Constituíuse en maio de 2012 e está rexistrada como fundación de interese galego, polo que podes beneficiarte nas túas achegas de importantes desgravacións no IRPF e no imposto de sociedades.

Informe financeiro de 2015

De acordo coa nosa política de transparencia, andiantámosvos a estimación provisional dos resultados do ano 2015.

Neste ano 2015 entre todos e todas, logramos a sustentabilidade económica de Praza, melloramos moito no referido aos ingresos de publicidade grazas ás asociacións, institucións e empresas que nos deron o seu apoio mediante a inserción de anuncios, pasando de 34.000 € a 66.500 €, en canto as doazóns mantivemos os 33.200 € do ano anterior. Os gastos pasaron de 59.000 € a 73.000 € o que en conxunto nos permitiu ter un resultado anual positivo de 26.500 €.

Grazas ao incremento dos ingresos puidemos saldar no primeiro semestre todas as débedas pendentes dende o 2012 e así poder abordar a partir do último trimestre do ano novos retos e compromisos adquiridos, mellorando os salarios dos 3 xornalistas, que estaban reducidos dende o ano 2012, incrementando significativamente as colaboracións xornalísticas e contratando dende 1 de outubro un responsable de publicidade e atención á comunidade de Praza Pública. O incremento tamén nos permitiu conseguir unha pequena bolsa de cartos que reduza as tensións de tesourería provocada en moitas ocasións pola tardanza en cobrar as insercións publicitarias.

O obxectivo do 2016, coa vosa axuda, e seguir medrando en recursos humanos para poder chegar máis preto de vós. A nosa aposta pasa por procurar unha maior cobertura informativa achegándonos máis á información local, profundando nos xeneros xornalísticos e ampliando a información multimedia, con máis colaboracións e coberturas monográficas.

No 2015, pero en especial a partir do 2016, un cambio normativo recollido na lei 27/2014 do 27 de novembro, incremeita notablemnete a porcentaxe de devolución no IRPF e imposto de sociedades das cantidades que acheguedes como doazóns á Fundación Praza Pública. Por exemplo:  a devolución do 75% dos primeiros 150 € doados en total as entidades coas que estás colaborando, sendo a desgravación entre un 30%-35% para o resto das cantidades. Todas as achegas efectuadas no 2016 contarán coa corresponde desgravación na declaración do IRPF conforme á nova lei: http://praza.gal/info/21/desgravacion-de-doazons-a-fundacion-praza/

http://praza.gal/achegas/

Informe financeiro de 2014

A previsión de gastos nun escenario óptimo é de 90.000€ de ingresos anuais, dos cales 72.000€ se destinarían a gastos de redacción e xornalistas colaboradores (incluíndo impostos e gastos sociais) e mais 18.000 euros para gastos de mantemento tecnolóxico e de xestión. Non obstante, no orzamento do ano 2013 axustámonos a uns ingresos aproximados de 54.300€ (37.700 de doazóns dos socios, un 70%; e 16.600 de ingresos por publicidade, o restante 30%). Pola súa vez, o gasto anual foi de 57.800€ (53.300 para pagar a redacción e colaboradores xornalísticos, o 92% do total; e 4.500 de gastos de mantemento tecnolóxico e de xestión, un 8%), resultando un deficit no exercicio do ano 2013 de 3.500€.

Como sabes, a forza de Praza Pública son os seus lectores e lectoras, eses centos de persoas que fixeron posible botar a andar o proxecto e telo levado en menos de dous anos até un escenario moi próximo ao equilibrio de contas. Neste ano 2014, o noso desexo é darlle máis solidez ao xornal, evitando os problemas de liquidez e pensando en incorporar novos contidos e, se é posible, novos xornalistas que reforcen o actual plantel. Mais para conseguilo primero temos que cadrar as contas e iso só é posible co teu apoio. Por iso reiterámosche o noso agradecemento e pedímosche que renoves o teu compromiso con Praza Pública para seguirmos a contar cun medio que dea voz á Galicia que vén e que en boa medida, grazas a persoas coma ti, xa está aquí.

De acordo coa nosa política de transparencia, os adiantamos a estimación provisional a 13 de decembro do 2014: Documento pdf coas contas provisionais da Fundación Praza Pública para o ano 2014.

Neste segundo semestre, entre todos e todas, conseguimos dar importantes pasos para lograr a sustentabilidade económica de Praza, melloramos no referido aos ingresos de publicidade grazas ás asociacións, institucións e empresas que nos deron o seu apoio mediante a inserción de anuncios.

Avanzamos significativamente na redución das débedas dos dous primeiros ano de praza.gal, máis aínda quedan pendentes débedas con particulares de aproximadamente 6.000 euros pero xa estamos lonxe dos case 15.000 euros que chegamos a acumular. A intención do padroado é conseguir eliminar a débeda restante o antes posible para poder abordar novos proxectos xornalísticos en 2015.

Calquera achega extraordinaria que teñas a ben facer axudará a acadar antes este obxectivo de normalización financeira. Todas as achegas efectuadas antes do 31 de decembro contarán coa corresponde desgravación na declaración do IRPF do ano 2014. http://praza.gal/achegas/

INFORMES

Informe primeiro aniversario "1 ano na Praza, contigo"

Informe de transparencia económica do ano 2012 (PDF)

Informe de transparencia económica do ano 2013 (PDF)

Informe de transparencia económica primeiro semestre 2104 (PDF) (provisional)

Informe de transparencia económica ano 2014 (PDF) (estimación provisional a 13 de decembro do 2014)