0 Gardados para despois

Festival de Pardiñas, 38 anos da Terra Chá ao mundo enteiro

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


"Fun a Parga e Guitiriz, Guitiriz e mais Teixeiro, fun a Parga e Guitiriz hoxe fun ao mundo enteiro...". A canción -ou himno- dos Diplomáticos de Monte Alto con letra de Pepe dos Bloques soou en innumerables ocasións no campo da festa do Festival de Pardiñas, máis dunha cos seus intérpretes no escenario. Este 5 e 6 de agosto ha soar de novo, con toda probabilidade, neste recuncho do Concello de Guitiriz que por trixésimo oitavo verán consecutivo xuntará milleiros de persoas na súa Feira e Festa da Música e da Arte, subtítulo imprescindible da cita.

O de Pardiñas é un festival particular por moitas razóns e, se cadra, ser o que máis edicións consecutivas acumula no país non é a máis relevante. Naceu coa década dos 80 do século pasado e xa daquela tiña á súa fronte unha asociación xuvenil e cultural, Xermolos, que non é posible comprender se o seu fundador -e alma-, Alfonso Blanco Torrado, que tamén é cura da parroquia e un inmenso dinamizador cultural da contorna. Aqueles "revoltosos", como definiu nalgunha ocasión Blanco Torado ás persoas que botaron a andar o festival, comezaron coa intención de "enriquecer" as festas do Santo Domingo e a criatura cobrou vida propia.

Fixérono aínda que non todo eran parabéns e non faltaban receos, tamén políticos. Entre os centos de persoas que se achegaban ese domingo de agosto a Pardiñas -o festival non se estendeu a toda a xornada do sábado ata mediados dos 90- había xente con "pintas" pouco recomendables para a xente disque de orde e, ademais, entre barbas, bandeiras, vestidos de cores e camisas de cadros distinguíanse rostros que para algúns eran sospeitosos. Mesmo subversivos. Algunhas desas persoas "xa non están fisicamente", pero "están estes días" dalgún xeito en Pardiñas, evoca Blanco Torrado: "Manuel María, Díaz Castro, Pepe Neira Vilas...".

Alfonso Blanco: "Manuel María, Díaz Castro, Pepe Neira Vilas... Dalgún xeito están estes días en Pardiñas"

Pero Pardiñas madurece sen concesión á nostalxia. En Xermolos contan que xa van pola terceira xeración que pon mans e corazón na organización de Pardiñas, que é tanto como dicir contratar concertos e escenarios, montar barras para o chigre, rozar a herba na contorna do balneario ou delimitar espazos de acampada. Pero tamén organizar os certames de pintura, escultura, fotografía e mais os de literatura e debuxo infantil no que participan "máis de 600 nenas e nenos de todo o país" e que enchen Pardiñas de familias na tarde do domingo, momento tamén para o pregón que este ano lerá Fina Casalderrey.

Os concertos combínanse coa mostra de instrumentos e actividades como os concursos infantís de debuxo e literatura

A Alfonso Blanco Torrado gústalle dicir que Pardiñas "é, un pouco, un convivio entre todas as artes", un "festival de raíces que se abre continuamente" e que proclama sen berrar moito algúns dos seus fitos. A lonxevidade é un. Outro, por exemplo, albergar a que foi primeira mostra de instrumentos de música tradicional de todo o Estado, que continúa a organizar a Asociación de Gaiteiros Galegos.

Davide Salvado, Os Melidaos, Cúig ou Quique Escamilla forman do menú musical da trixésimo oitava edición do festival, esta primeira fin de semana de agosto

Dende hai cinco anos o Festival estira xa un chisquiño os brazos para apertar tamén o venres e este 2017 tamén o fai. Tras o quecemento do Certame de Cantos de Tabernas polos bares de Guitiriz o sábado arrinca o menú musical. Como adoito, os primeiros en saltar ao campo da festa no serán do sábado serán os membros do Bloquinho de Xermolos, seguidos polos Melidaos, o mexicano Quique Escamilla, a unión vasco-portuguesa que representan Kalakan e Luís Peixoto, os irlandeses Cúig e, como fin de festa, Skandalo Gz

O domingo, o día máis familiar, Vintenbaio porá a banda sonora á sesión vermú e Kote Malabar tentará cautivar a rapazada. A tarde, coma sempre, será para o pregón e as entregas de premios e a noite, de novo para música con tres bandas galegas e unha do Canadá: Abóbriga, Davide Salvado e o seu grupo, Yves Lambert Trío e Sacha na Horta. Na Terra Chá e, dalgún xeito, no mundo enteiro.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.