Un patrimonio que é todo un "paraíso terreal". O Eixo Atlántico de concellos de Galicia e o norte de Portugal vén de lanzar, en formato impreso e dixital, unha guía turística pensada para que a cidadanía da Eurorrexión poida explorar os espazos naturais das dúas beiras da raia. A riqueza natural de Galicia e do norte de Portugal é recompilada nesta guía clasificada segundo o seu recoñecemento oficial -parques nacionais, reservas da biosfera, parques naturais- e tamén segundo a súa localización para poder achegarse a elas máis facilmente.
Ourense, Tras-Os-Montes, Lugo, a Eurocidade Chaves-Verín, Alto Douro, Área Metropolitana do Porto, Pontevedra, Minho, A Coruña... son algunhas das contornas que a guía turística dos espazos naturais da Eurorrexión convida a coñecer. Inclúe, concretamente, detalles sobre seis reservas da biosfera, dez parques naturais e un cento de lugares protexidos "para preservar a súa paisaxe, a súa fauna, a súa flora e a súa excepcionalidade", explican dende o eixo.
A distribución desta guía turística comeza xa coa súa publicación en Praza.gal e continuará nas vindeiras semanas coa súa divulgación tanto a través de internet como, o 6 de outubro, en formato impreso en varios xornais galegos e do norte de Portugal. Co gallo desta publicación e da man do Eixo Atlántico o público de Praza.gal poderá tamén participar no sorteo dunha estancia nun espazo senlleiro do norte de Portugal. As condicións desta promoción serán anunciadas proximamente.