0 Gardados para despois

DESCARGABLE | 'Patrimonio natural, paraíso terreal', unha guía para explorar os espazos naturais de Galicia e o norte de Portugal

Redacción | @prazapublica

Un patrimonio que é todo un "paraíso terreal". O Eixo Atlántico de concellos de Galicia e o norte de Portugal vén de lanzar, en formato impreso e dixital, unha guía turística pensada para que a cidadanía da Eurorrexión poida explorar os espazos naturais das dúas beiras da raia. A riqueza natural de Galicia e do norte de Portugal é recompilada nesta guía clasificada segundo o seu recoñecemento oficial -parques nacionais, reservas da biosfera, parques naturais- e tamén segundo a súa localización para poder achegarse a elas máis facilmente.

Ourense, Tras-Os-Montes, Lugo, a Eurocidade Chaves-Verín, Alto Douro, Área Metropolitana do Porto, Pontevedra, Minho, A Coruña... son algunhas das contornas que a guía turística dos espazos naturais da Eurorrexión convida a coñecer. Inclúe, concretamente, detalles sobre seis reservas da biosfera, dez parques naturais e un cento de lugares protexidos "para preservar a súa paisaxe, a súa fauna, a súa flora e a súa excepcionalidade", explican dende o eixo.

A distribución desta guía turística comeza xa coa súa publicación en Praza.gal e continuará nas vindeiras semanas coa súa divulgación tanto a través de internet como, o 6 de outubro, en formato impreso en varios xornais galegos e do norte de Portugal. Co gallo desta publicación e da man do Eixo Atlántico o público de Praza.gal poderá tamén participar no sorteo dunha estancia nun espazo senlleiro do norte de Portugal. As condicións desta promoción serán anunciadas proximamente.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

Unha fin de semana de balde en Santa Maria da Feira con Praza.gal e o Eixo Atlántico

No marco da promoción do coñecemento mutuo entre a cidadanía de Galicia e o norte de Portugal, no que se encadra a guía dos espazos naturais da Eurorrexión, o público de Praza.gal ten a oportunidade de pasar unha fin de semana de balde en Santa Maria da Feira, a histórica cidade situada a 30 quilómetros do Porto cuxo castelo é todo un emblema histórico e cultural portugués.

Da man do Eixo Atlántico a audiencia de Praza pode participar no sorteo de dúas noites de hotel para dúas persoas con almorzo incluído no Hotel Nova Cruz de Santa Maria da Feira. As persoas que desexen optar ao premio deben ser seguidoras de Praza Pública nas redes sociais e compartiren publicamente a publicación específica sobre o sorteo en Facebook, en Twitter ou en ambas redes sociais ata o 19 de outubro ás 12 da mañá. Entre todas elas realizarase un sorteo o propio 19 de outubro de 2018 e, a través das devanditas publicación e mais na sección Fálase de... deste xornal divulgarase o nome da gañadora.