O vindeiro 3 de setembro pechará o Hospital Xeral de Vigo. Será cando remate de vez o traslado de material, infraestrutura e pacientes ao novo hospital Álvaro Cunqueiro que se está a levar cabo estes días. Poñeráselle punto final nese mesmo día, no que unha manifestación convocada pola xunta de persoal da área sanitaria viguesa e apoiada pola Plataforma para a Defensa da Sanidade Pública pedirá deter os recortes e reclamará "un hospital 100% público, sen recortes de camas e con laboratorio central" no que será -ou debería ser- o centro de referencia para todo o sur de Galicia.
Persoal sanitario denuncia graves deficiencias en canto a traballadores e materiais no traslado ao novo hospital de Vigo
Pero as queixas e polémicas non se deteñen. Mesmo durante o traslado, traballadores sanitarios denuncian graves deficiencias en canto a persoal e materiais a poucos días do cambio definitivo. Quéixanse de consultas atrasadas e insisten nas importantes eivas deste novo hospital que acumula meses de polémicas. A última, os 12 euros ao día que calquera persoa que acuda ao centro ten que pagar por deixar o coche no aparcadoiro e nunha infraestrutura bastante afastada do núcleo urbano.
"O do párking non é máis que outro exemplo máis de improvisación e unha demostración de que só se mira polos intereses da concesionaria e non dos usuarios", resume Manuel Martín, voceiro de SOS-Sanidade Pública e un dos grandes coñecedores da situación do Álvaro Cunqueiro. "Súmalle o pagamento da autoestrada e da gasolina", advirte quen lembra que mesmo os traballadores terán que afrontar 40 euros á semana para deixar o seu vehículo de non conseguir unha das 500 prazas gratuítas para os máis de 2.000 empregados que se xuntan nunha quenda. "É un copago máis dos moitos que sufrimos", insiste. De estar ingresado e querer un bono de dous días para televisión, radio e internet, o paciente terá que pagar máis de 13 euros. Por tres días, máis de 18.
Deixar o coche todo un día no párking supón 12 euros e a maioría de traballadores teñen que pagar tamén por estacionar no hospital
O do aparcadoiro é a última queixa dun novo hospital que acumula denuncias, liortas políticas e manifestacións desde hai anos. Tantas como as que chegaron desde que se cambiou o modelo de financiamento, de público a unha concesión público-privada, e que levou o caso aos tribunais e a un incremento do custo "duns 450 a uns 1.400 millóns", sen ter en conta todo o que se lle cede á empresa concesionaria ou "o atraso de máis dun ano argumentando falta de financiamento para que ao final o Goberno acabe por pagar o 60% da obra para a que dicía non ter cartos". "É todo unha falsidade para darlles o negocio aos seus amigos", di en referencia aos executivos do PP.
A xunta de persoal denuncia que a área sanitaria de Vigo conta agora con case 750 menos camas das prometidas ante un novo recorte
Tal e como denuncia a xunta de persoal da área sanitaria de Vigo, os resultados foron os que se agardaban: "recortes e privatización". O novo hospital había ter, segundo anunciou a propia Consellería de Sanidade, 1.465 camas, que engadidas ás do Meixoeiro e ás do Nicolás Peña, farían un total de máis de 2.000. Pero "a realidade é ben distinta", segundo denuncian os traballadores: o Álvaro Cunqueiro abre con 845 camas e redúcense en máis de 400 nos outros dous centros. En total, 1.260 camas na área, case 750 menos das prometidas.
"A cambio dun hospital novo privatizado e recortado en tamaño e servizos, pechan o Hospital Xeral, o Cíes, o Rebullón e os centros de especialidades de Coia e Doblada, mantendo o concerto con Povisa", que mantén unha media de lista de espera do dobre da de Galicia. E mentres, a apertura de zonas no novo centro vai descubrindo eivas e máis eivas que SOS-Sanidade Pública atribúe "á intención de abaratar custos".
Segundo denuncian, eliminouse o módulo de investigación, un hotel de pacientes, un espazo para a atención de enfermos críticos, reducíronse os metros cadrados e zonas de aparcadoiro e a escada calidade dos materiais na construción fixeron "que o centro perdese a eficiencia enerxética e teña que pagar máis por calefacción e aire acondicionado". Ademais, xa houbo pingueiras, denunciouse a escaseza de lavabos, a redución substancial de quirófanos ou a perda da metade de espazo previsto para Urxencias. "Un desastre e unha desfeita", insiste Martín, que advirte que o Álvaro Cunqueiro "non vai ter as calidades previstas".
Pingueiras, menos espazo para Urxencias, falta de aparcadoiro, escaseza de quirófanos... "É un desastre", denuncia SOS-Sanidade Pública
Ademais, e segundo recoñeceu a propia Xunta, as resonancias fanse, cando menos ata outubro, nun camión aparcado no exterior do centro hospitalario. Porque o Álvaro Cunqueiro non ten polo momento equipamento para estas resonancias nin para os TAC, ademais de carecer do laboratorio cetnral, que se ubicará no antigo Xeral ata que se rematen as obras no Meixoeiro, a varios quilómetros da nova infraestrutura.
"Ía ser referencia para a área sur de Galicia, pero perdeu xa moitos servizos de referencia en varios ámbitos que estarán exclusivamente en Compostela e que obrigarán a moitas persoas a desprazarse aínda máis", advirte tamén SOS-Sanidade Pública, que confía en que algo cambie coas mobilizacións, pero que recoñece que "a teimosía do Goberno e o afán de enriquecemento da concesionaria van poñer as cousas moi difíciles". "Seguiremos con colapsos en Urxencias, con 500 camas menos, máis listas de espera e conxestións... Manteranse os problemas e a única beneficiaria será a empresa concesionaria", remata.
As resonancias, cando menos até outubro, fanse nun camión aparcado no exterior do novo hospital
"Coa privatización e o recorte de camas desaparecen e privatizan moitos postos de traballo e, como consecuencia, darase un peor servizo á cidadanía", alerta a xunta de persoal.