Galicia mobilízase para acoller refuxiados que foxen de Siria

Refuxiados sirios en Budapest CC-BY-NC-ND EadaoinFlynn

Galicia prepárase para acoller refuxiados sirios que foxen da guerra que devasta o seu país. Tras a iniciativa pioneira do Concello de Lalín -cuxo alcalde, Rafael Cuiña, remitiu unha carta ao ministro de Asuntos Exteriores ofrecendo a cesión de infraestruturas municipais-, axiña se sumaron outros municipios. O de Compostela e o da Coruña anunciaron que xa están a "mobilizar os recursos institucionais e sociais" para ofrecérense como cidades refuxio e rexedores doutras urbes anunciaron tamén a súa dispoñibilidade a colaborar.

Ademais, este mesmo venres, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, trasladou ao Goberno central a disposición do país a acoller ata 300 persoas, precisamente a cifra que lle correspondaría á comunidade se o Estado aceptase a cota de poboación refuxiada que reclama a UE (algo menos de 6.000) pero que non só non dá oficializado Rajoy, senón que parece querer reducir. Tendo en conta a poboación por provincias, A Coruña acollería 142; Pontevedra, 119; Lugo, 43; e Ourense, 40. 

Logo da iniciativa pioneira de Lalín, A Coruña e Compostela poñen os seus municipios a disposición dos refuxiados sirios

Feijóo aclarou que Galicia levará a cabo a axuda "unha vez que a Unión Europea acoute o alcance e contido das obrigas de cada Estado membro”, pois  as instalacións do país "e as nosas capacidades asistenciais acreditan que podemos darlles servizo”. “A Consellería de Traballo e Benestar está traballando desde xa nun plan de acollida e se porá en contacto con todas as organizacións para ter prevista esta eventualidade”, explicou o presidente galego. 

“As imaxes que estamos a ver nas últimas semanas acreditan que a UE ten que establecer unha política concreta e única para actuar fronte a este problema de emerxencia humana e social”, salientou Feijóo, nun discurso idéntico ao que leva a cabo Mariano Rajoy. Ademais, aclarou que estes 300 refuxiados poderían ser máis dependendo da cantidade de familias galegas que se ofrezan como voluntarias para acoller refuxiados.

Feijóo traslada ao Goberno central a disposición de Galicia a acoller ata 300 persoas, pero pide antes que a UE "acoute o alcance e contida das obrigas de cada Estado"

Porque as necesidades van moito máis aló. Bruxelas proporá aos Estados membros un novo cupo de 120.000 demandantes de asilo para reubicar os refuxiados, segundo adiantou El País. Esta cifra triplicaría os 40.000 incialmente propostos, unha cantidade sobre a que nin tan sequera houbo acordo e cuxa repartición foi rexeitada pola gran maioría dos gobernos. Serían, agora, 160.000 e España debería asumir perto de 17.000, segundo difundiu The Times atendendo ás cifras que manexa a UE. 

 

AGE e BNG piden un Plan de Acollida

En Galicia, tanto AGE como BNG propoñen xa que se active un Plan de Acollida para “poñer en funcionamento centros de acollida de persoas en condicións dignas” e que conte cunha dotación económica. Ambas as dúas formacións presentaron senllas iniciativas e criticaron que "a magnitude da traxedia non parece, no entanto, impedir unha actuación urxente da UE e da comunidade internacional, como non sexa para levantar novos muros que deixen do lado de fóra a miseria e a dor provocada por eles mesmos", tal e como dixo o Bloque.

Bruxelas proporá aos Estados membros un novo cupo de 120.000 demandantes de asilo, o triplo da demanda inicial e que non foi aceptada

Mentres, os gobernos da Marea Atlántica e de Compostela Aberta na Coruña e en Santiago tomaron a iniciativa. No caso do primeiro, o alcalde Xulio Ferreiro anunciou que o Concello  leva uns días traballando con diversas cidades do Estado, como Valencia, Madrid ou Barcelona entre outras, así como con múltiples entidades do tecido social da cidade para "poñer o municipio a disposición dos e das refuxiadas sirias". “É urxente facer algo para poder achegar o noso gran de area e paliar a situación de miles de persoas que están percorrendo Europa nunha situación humanitaria acuciante”, explicou o alcalde, Xulio Ferreiro, que "testeará" tamén os seus "recursos propios e a vontade da cidadanía, de cara a poñer todos os recursos posibles a disposición dos refuxiados e refuxiadas sirios que están pasando por este calvario”

Tamén desde Compostela, o alcalde Martiño Noriega avanzou que o goberno local xa se puxo en contacto co Foro Galego da Inmigración e con outras ONG con experiencia na axuda a persoas inmigrantes e refuxiados para colaborar na preparación de todas as infraestruturas e medios necesarios que o Concello poida achegar. "Santiago está disposta a exercer como capital solidaria, sempre dentro do realismo e na medida das nosas capacidades", aclara o executivo local. 

Compostela e A Coruña traballan xa con ONG e o tecido social para achegar toda a axuda, pero aclaran que o Estado debe xestionar e tomar a iniciativa

Tanto desde A Coruña como desde Compostela aclaran que o feito de que concellos gobernados por candidaturas de unidade popular colaboren para intentar paliar este drama humano non quita que "esixan" ao Goberno central que asuma as súas responsabilidade e xestione a axuda. “Queremos que a administración central actúe xa, consideramos que axudar a estas persoas é unha obriga humanitaria e por iso apelamos á responsabilidade do Executivo central, a quen hai que esixirlle que achegue os recursos necesarios”, advertiu a concelleira de Igualdade e Diversidade da Marea Atlántica, Rocío Fraga.

Tamén en Vigo, o seu alcalde, Abel Caballero, ofreceu "toda a cooperación" para axudar no refuxio dos cidadáns sirios e pediu que "todos os concellos da Europa desafogada lle digan aos gobernos europeos que resolvan este problema gravísimo". "Temos que tomar moi en serio isto", asegurou. Na Coruña, Marchas da Dignidade convoca a cidadanía a concentrarse este venres ás 19.30 horas no Obelisco en solidariedade cos demandantes de asilo. 

Mentres, o alcalde de Santander e presidente da Federación Española de Municipios (FEMP), Íñigo de la Serna (PP) criticou a iniciativa promovida por Ada Colau para a creación dunha rede de cidades refuxio porque "sería un grave erro que desde grupos de concellos se propiciase a desunión do municipalismo". 

Cartel que dá a benvida a@s refuxiad@s © Marea Atlántica
Refuxiados sirios en Budapest CC-BY-NC-ND EadaoinFlynn

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.