0 Gardados para despois

Ángel Cameselle: "O problema no hospital de Vigo é político; a Xunta non defende o público"

Miguel PardoMiguel Pardo | @depunteirolo


Ángel Cameselle, presidente da xunta de persoal do novo hospital de Vigo e secretario xeral de CCOO-Sanidade fai balance das últimas semanas de caótica xestión no Álvaro Cunqueiro logo dunha histórica e masiva manifestación. Confía en que haberá reaccións, pero reclama un cambio "profundo e de fondo" nun centro no que "todo está feito para que a concesionaria gañe cartos". 

A xunta de persoal prepara unha denuncia ante a Fiscalía pero CESM xa presentou unha...

A semana pasada, despois da manifestación, anunciamos que pensabamos en facer unha denuncia. Este luns a xunta de persoal en pleno acordamos poñela e reunirnos o mércores para poñer todo en común entre os sindicatos e contactar cos avogados para levala adiante. O que ocorre é que, malia que todas as centrais o acordamos, a CESM presentou unha demanda pola súa conta e á marxe de todos nós. É o mesmo colectivo que tampouco convocou a manifestación, así que andan un pouco por libre. 

"A xunta de persoal acordou presentar unha denuncia ante a Fiscalía; sabíao a CESM pero demandou pola súa conta; vai por libre"

Cambiou algo na situación do Álvaro Cunqueiro nos últimos días?

Houbo unha gran demostración de forza por parte da cidadanía na rúa. Sabemos que hai movementos e que se están dando pasos e teño claro que algo ten que cambiar, tanto en canto á xente que dirixe a nivel político e sanitario esta xestión do novo  hospital de Vigo, como en canto ás melloras que se teñen que levar a cabo. 

E que pasos se darán desde a xunta de persoal e os sindicatos?

Seguiremos mobilizándonos. Faremos unha mobilización o mesmo día no que a conselleira compareza no Parlamento e chamaremos ao resto de xuntas de persoal de Galicia para que se concentren xunto a nós. Tamén queremos facer un acto en Vigo en defensa dun hospital público e no que queremos contar coas once xuntas de persoal de Galicia, máis representantes dos concellos da área sanitaria de Vigo e todas aquelas plataformas sociais e partidos que queiran unirse para facer forza común. 

"A conselleira Mosquera riuse dos cidadáns e séguese rindo; non pode seguir no seu posto"

Sabe se haberá destitucións por parte da Xunta?

Nós non sabemos nada. Sabemos que nas súas declaracións Feijóo non amosou demasiado apoio á conselleira, pero o que temos claro é que Rocío Mosquera non pode seguir no seu posto. A xunta de persoal fará público en breve un acordo de todos os sindicatos no que pedimos o cesamento da conselleira, do xerente e do resto da dirección da área sanitaria de Vigo. Non sabemos se Feijóo a destituirá ou non, pero estamos falando dunha persoa que se riu dos cidadáns, que botou un sorriso cando foi ao hospital ante as denuncias de pacientes. Séguese rindo de nós e non queda outra máis que o seu cesamento e o do xerente, en ambos casos tamén pola súa inoperancia e mala xestión. 

Mantéñense os problemas que se denunciaban acotío desde o hospital?

Segue a haber problemas de vías de augas por rotura de tubaxes, caeron teitos anteriormente, houbo denuncias de suciedade e almacenamento de lixo, protestas por un servizo de limpeza que é moi mellorable... O traslado faise en moi pouco tempo, en menos que o do hospital de Lugo cando neste caso é máis complexo. Pola súa complexidade, polo peche de centros que supón e polo persoal e pacientes que hai que mover, o traslado deberíase facer nun ano e aquí quere facerse en dous meses. E faise nun hospital en obras que pode ser un foco de asperxilo e de problemas. Obviamente, nun centro que aínda está por rematar sempre é máis fácil que haxa este tipo de problemas e desde a xunta de persoal sempre reclamamos que o traslado se levase a cabo co hospital rematado. E non o está. 

Varios sindicatos aseguran que o traslado acelerouse para que a concesionaria empezase a cobrar os canons canto antes. Cre que foron estes os motivos ou hai outros como os electorais?

É un pouco de todo. O negocio para a concesionaria é redondo. O hospital planificado anteriormente costaba, arriba ou abaixo, uns 400 millóns de euros e este vale case catro veces máis. Falamos dun pago cada ano durante vinte, máis a explotación de servizos non sanitarios, máis o párking... É evidente que canto antes empecen, antes cobrarán. Tamén hai motivos electorais, claro. Xa antes das eleccións municipais, o propio goberno galego presumía do aumento de camas na área sanitaria. A Xunta chegou a dicir que seriamos o primeiro hospital en camas por número de habitante, cando en realidade se reduciron un terzo, así como o espazo de Urxencias, que quedou na metade. Estabamos falando dun hospital moito máis completo que quedou noutro moito máis precario que costa 1.400 millóns, ademais de todos os gastos engadidos de explotación que vai haber. 

"O problema de fondo no hospital de Vigo é político; o modelo sanitario da Xunta non defende o público"

Que medidas urxentes cre que se deberían tomar no Álvaro Cunqueiro?

Hai múltiples problemas. Algúns pequenos probablemente serán negociados polo Sergas logo da gran manifestación da pasada semana. Por exemplo, xa falan de aumentar nalgúns centos as 500 prazas de párking gratuítas para traballadores e esperemos que se dea solución á xente que ten que pasar moitas horas no hospital para non ter que asumir os prezos que agora hai. Estas pequenas cousas seguro que se poden resolver cunha negociación. De feito, xa empezan a dar auga de balde nas comidas aos enfermos cando antes non se lles daba, pero seguimos falando de cambios formais máis que reais. Queremos que se solucione o problema de fondo, que é un problema político: esta Administración ten un modelo sanitario que non defende o público. Por iso queremos que as forzas políticas da oposición fagan un compromiso público de que reverterán a situación deste hospital, privatizado na súa xestión e en moitos máis aspectos, para que volva ser público. Sabemos que non é doado, pero hai moitas vías para poder intentalo. 

Que pensa cando Feijóo cualifica de "irresponsable" a convocatoria dunha manifestación que acabou por ser tan masiva?

O primeiro que fago é lembrar cando desde a Administración dixeran que había unha gran satisfacción entre os usuarios do novo hospital. Nós sabiamos que non era así e que a manifestación ía ser un éxito porque o notabamos no ambiente. En todo caso, os únicos que enganaron e estafaron a sociedade foron eles. A Xunta negou ata o último día que o hospital sufrira recortes e segue negando o que é unha evidencia, que neste hospital o principal é o mercado. Págase moito polo párking, por internet ou pola televisión; a auga costa máis que noutros centros e un café págase coma se estiveses na rúa do Príncipe... En definitiva, o que se pretende é que a concesionaria gañe cartos. O do párking é algo moi significativo porque se cobra -e moito- por un aparcadoiro mentres ao carón do hospital hai un terreo valado e ao que non se pode pasar que é da Consellería de Sanidade. Se abren iso, acábase o negocio do párking. Está todo feito para que a concesionaria gañe cartos, aínda que sexa a costa dos veciños de Vigo e da súa comarca. 

"No Álvaro Cunqueiro o principal é o mercado; todo está feito para que a concesionaria gañe cartos, aínda que sexa a costa dos veciños"

O caso do asperxilo, máis aló da súa gravidade, serviu para concienciar a sociedade da problemática?

A xente xa estaba concienciada da problemática que había. O peor do tema do asperxilo é a forma de xestionalo por parte do xerente, que se fose responsable tiña que convocar o Comité de Saúde Laboral e explicar ben e con transparencia o que pasa. Se non se fala con claridade é cando se pode crear unha alarma social entre a sociedade. Nas condicións do hospital claro que pode pasar algo porque está en obras. Antes do traslado había que facer mostras de como estaba o hospital e repetilas semanalmente e non a última hora. Fíxose todo de forma improvisada e sen ter en conta os parámetros que hai que ter. 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

Lapelas Versión despregada

O pleno de Vigo reclama a gratuidade do párking co voto en contra do PP

O pleno do Concello de Vigo aprobou este martes cos votos a favor de PSOE e a Marea e en contra do PP pedir á Xunta que facilite a gratuidade do aparcadoiro do novo hospital. Entre múltiples acusacións duns e doutros, os socialistas pediron aos populares que "apoien o clamor popular", mentres que os conservadores recriminaron ao grupo de goberno que antes defendesen o modelo público-privado e agora se sitúen en contra. 

Nun tenso pleno, PSOE e Marea votaron a favor de reclamar a gratuidade do aparcadoiro

Os reproches aínda foron a máis cando a Marea de Vigo apoiou dúas mocións do PP. Mesmo o alcalde Abel Caballero decidiu intervir para criticar a "confluencia de Marea e Partido Popular votando a favor de Feijóo". O PSOE acusou a plataforma cidadá de ser o "flotador" do presidente da Xunta e a Elena Muñoz, voceira popular, de ser o "brazo executor" durante a súa etapa na Xunta da conversión do hospital de público en privado. 

O PP respondeu asegurando que o Concello ten "alternativas" en forma de terreos para facilitar tamén un aparcadoiro público pero acusou o PSOE de "alimentar o conflito". Ademais, desde a Marea de Vigo tamén se acusou o goberno local de "parte de responsabilidade" por non ter exercido "presión dabondo" para evitar que o hospital se levase a cabo da forma na que se fixo. 

Feijóo cingue as críticas ao hospital de Vigo a "algúns profesionais e algúns pacientes"

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, cingue as críticas á xestión do novo hospital de Vigo "a algúns profesionais e algúns pacientes" e asegurou que "a inmensa maioría" poderá comprobar que o Álvaro Cunqueiro supón "un antes e un despois" na sanidade viguesa e galega. "Todo o que sexa desprestixiar a sanidade pública, a Xunta non o comparte nin o apoia. Os que traballan no traslado teñen o noso respecto e, por riba de todo, está a seguridade e a tranquilidade dos pacientes, que as garante o Goberno galego", dixo tras participar nunha conferencia sobre atún en Vigo. 

Feijóo carga contra quen "desprestixia" a sanidade pública e cinxe as críticas a "algúns profesionais e algúns pacientes"

Feijóo foi máis aló e presumiu do pouco tempo que se tardou en construír o novo cenro, que "podería terse feito en doce anos", como o Hospital General de Asturias, pero "fíxose en menos da metade porque Vigo necesitábao con urxencia". O presidente da Xunta pediu ademais respecto para os profesionais que traballan no traslado porque fan "algo moi difícil" logo de destacar que o Álvaro Cunqueiro é "un dos mellores hospitais que se fixeron en España"

Feijóo asegura que a Xunta "garante" a "seguridade e tranquilidade" dos pacientes que sexan trasladados

O xefe do Executivo asegurou que a Xunta "garante" a "seguridade e tranquilidade" dos pacientes que sexan trasladados ao novo hospital, do que insistiu que é "público" e "propiedade do Sergas". Ao tempo, asegurou que "o máis importante" agora é rematar coa mudanza, que foi paralizada o pasado día 28 ao non  se poder garantir a máxima seguridade pola aparición de xermes en aire contaminado dalgunhas áreas do complexo hospitalario.