Pasaba un minuto das once da noite deste martes cando chegou ás redaccións dos medios de comunicación un comunicado da Xunta. Informaba de que ás 12 da mañá deste mércores o presidente do Goberno galego e a conselleira do Medio Rural teñen intención de reunirse "con representantes do sector lácteo". O Executivo anunciaba esta decisión cando o complexo administrativo de San Caetano estaba xa completamente arrodeado por tractores, un cerco que non rachará, cando menos, ata que se produza esa xuntanza, que se celebrará mentres se prepara unha nova manifestación do sector lácteo polas rúas de Compostela e outra, en Lugo.
A axenda pública de Alberto Núñez Feijóo non incluía, inicialmente, unha recepción que os gandeiros reclamaron dende a tarde do martes, cando a comitiva gandeira decidiu dirixirse á sede do Goberno galego antes do previsto, percorrendo o centro de Compostela entre numerosas mostras de apoio da veciñanza. Despois do acto de protesta contra os baixos prezos que incluíun un reparto de leite de balde a asemblea dos gandeiros decidiu adiantar a protesta ante San Caetano, onde Feijóo os recibiría "si ou si". Nesta conxuntura, semellaba difícil que o presidente acudise á unha da tarde a recibir no seu despacho o embaixador de Corea do Sur en España, como estaba previsto, sen antes atender en primeira persoa as reivindicacións dos gandeiros.
O anuncio da recepción do presidente produciuse despois de que a tractorada adiantase o cerco a San Caetano
Esta recepción producirase mentres os tractoristas intensifican a presión sobre cadeas de distribución como DIA, que carga contra as protestas, e despois de que este martes se producisen os primeiros episodios de tensión coas forzas de seguridade. Despois dunha mañá marcada por unha certa cordialidade coas forzas antidisturbios que custodian as mobilizacións, o adianto do cerco a San Caetano deu lugar a discusións cos axentes, especialmente cun deles que, tal e como recolleu a TVG, lle propinou un golpe nun ombreiro a un gandeiro tras acceder á cabina do seu vehículo acusándoo de pasarlle por riba dun pé cunha roda dun tractor.
Manifestación en Lugo
Asemblea de gandeiros en Lugo, este martes / X.V.
Algúns dos congregados en Lugo seguen a salientar as súas diferenzas a respecto dos sindicatos e a Plataforma evita alentar a división
Estas xuntanzas e protestas na capital galegan cadran co sétimo día de tractorada en Lugo, onde xa se xuntan uns 1.500 tractores, tanto arredor da Muralla como noutros puntos da cidade, como a avenida Infanta Elena. Os participantes na protesta de Lugo continúan a recoller sinaturas de apoio ás súas reivindicacións coa intención de entregalas na Consellería do Medio Rural, e desbotan sumarse á manifestación deste xoves en Compostela. Algúns deles continúan a salientar as súas diferenzas a respecto dos sindicatos agrarios, mentres os participantes na asemblea de Santiago, a través da Plataforma pola Defensa do Sector Lácteo Galego, evitan alentar a división do sector: "Estamos de acordo en que cómpren prezos xustos para o leite", salientaban este mércores.
Tanto a tractorada de Lugo como a de Santiago continuarán, cando menos, ata este xoves, xornada na que se producirá en Madrid unha xuntanza que se prevé decisiva entre produtores, industria láctea e distribución no Ministerio de Agricultura coa presenza da súa titular, Isabel García Tejerina. No caso de que neste encontro se acadase un acordo de prezos mínimos aínda habería que agardar se sería aceptaro polos gandeiros que se desmarcan da representación das organizacións sindicais.