O sector lácteo retira o bloqueo ás industrias tras lograr compromisos de "prezos sostibles"

Tractorada en Sigüeiro, o pasado martes CC-BY-SA SLG

"Esta mobilización xa forma parte da historia do campo galego". Quen fala é o gandeiro Román Santalla, que como un dos voceiros da Plataforma pola Defensa do Sector Lácteo Galego e membro de Unións Agrarias estivo nas últimas semanas nas estradas do país en tractoradas e bloqueos mentres, simultaneamente, miraba pola supervivencia da súa explotación gandeira. Santalla relata, non sen emoción, que no seo da plataforma se vén de apostar por desconvocar o bloqueo ás industrias e mais a folga de entregas. Faise tras o que consideran "unha mobilización histórica" coa que, asegura, "conseguíronse algúns aspectos importantes" para a supervivencia do sector.

As protestas, lembra Santalla, desenvolvéronse durante semanas nas que "ministerio, industria e distribución" non "nos fixeron nin caso", "nin na cooperación para a formación de prezos nin nas sancións aos incumpridores". Pero o panorama, di, e ratifican outras fontes consultadas, comezou a mudar cando dende finais da pasada semana a plataforma apostou polo bloqueo á industria e, selectivamente, tamén á distribución. Algunhas grandes cadeas comezaron a facer xestos cos prezos e algunhas industrias, a "rachar con contratos" que xa estaban en vigor.

A plataforma asegura que as mobilizacións serviron para incluír no acordo referencias a prezos sostibles que non baixarían dos 33 céntimos por litro de leite

As asembleas de gandeiros e gandeiras terán que ratificar agora definitivamente unha desconvocatoria que chega tras unha presión mobilizadora que, afirma Román Santalla, logrou incluír no preacordo formulado a pasada semana no Ministerio de Agricultura "un dos temas máis importantes, unha referencia ás cantidades que poden ser consideradas "prezos sostibles". "Nós queríamos saber o que é prezo sostible e agor afaise mención" a un intervalo que iría dos 33,7 aos 45 céntimos por litro e que, polo tanto, garantiría a fin da produción por baixo do prezo de custo.

"Puidemos marchar como os de Lugo, pero pelexamos; saímos disto unidos, como un bloque"

Ese logro en canto a prezos, unido ao compromiso de entrada en vigor do pacto con data de 1 de outubro "fronte á proposta inicial do 1 de decembro" son algúns dos motivos que levan os gandeiros a asumiren a fin do bloqueo, que non da protesta, a cal tomará outros vieiros. "Estamos tamén á espera -agrega- de que o texto inclúa un réxime de sanción dos incumpridores", o cal afianzaría aínda máis o conseguido.

"Podíamos ter marchado como marcharon os de Lugo, co rabo entre as pernas ou enganados", di Román Santalla en conversa con Praza. "Pero non marchamos, pelexamos e houbo xestos das industrias, da distribución e do ministerio". "Agora -resolve- queda comprobar que o acordo contén todos estes temas, asinar e que se cumpra". "E o máis importante -advirte- o sector sae disto unido, como un bloque".

Feijóo censura as protestas

O presidente desdeñou as mobilizacióna cualificándoas de "políticas" e culpou a oposición de "incitar" os gandeiros a non asinar

Este xesto dos gandeiros chega horas despois de que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, afondase no Parlamento na liña argumental despregada pola Xunta e o PP nas últimas datas, que combinou o enxalzamento do grupo de gandeiros de Lugo que se desmarcaron das mobilizacións con críticas a quen optaron por mantelas. En resposta ao BNG o xefe do Executivo debuxou un panorama no cal a oposición en xeral e o Bloque en particular "incita" os gandeiros a "non aproveitar unha gran oportunidade" asinando o preacordo formulado no Ministerio de Agricultura por industria e distrubicón.

"Exerza como presidente, reúna o sector, negocie unha proposta de país e presione en Bruxelas e Madrid", esixiulle o voceiro do BNG, Francisco Jorquera, para quen a redacción orixinal do preacordo estaba "chea de inconcrecións" e non ofrece "as mínimas garantías". "Os gandeiros teñen todo o dereito do mundo a facer política", retrucou o presidente, na enésima mención ao termo "político" en sentido pexorativo durante o pleno. "Non permitamos que ningún interese que non sexa o do gandeiro estea por tras deste conflito", esixiu, xa que, asegura, o proposto en Madrid xa era o "máximo" ao que se podía chegar dentro da legalidade.

Román Santalla e Manuel Iglesias, da OPL, en rolda de prensa © Revista Afriga

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.