Galicia pode ofrecer xa máis de 1.300 prazas para os refuxiados que están a chegar á Unión Europea, a maioría deles sirios que pelexan por escapar da guerra e do terror do Daesh. A Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) pechou este mércores o primeiro inventario dos recursos ofertados xa por diferentes entidades locais, en concreto os definitivos achegados xa por uns 40 concellos e dúas deputacións (a de Lugo e a da Coruña), á espera da oferta definitiva e detallada darredor doutros 30 concellos máis e doutras entidades que amosaron a dúa disponibilidade a colaborar con máis prazas e que agardan agora detallar os seus recursos.
Son máis de 900 prazas xa habilitadas e listas -máis de 700 por parte deses 40 concellos e unhas 180 camas entre a Deputación da Coruña e de Lugo- para usar de inmediato ás que se unirían as 300 postas a disposición pola Xunta e as case 130 que, por exemplo, achega Cáritas. En total, máis de 1.300 confirmadas. Pero haberá moitas máis, ao ser esta só unha primeira lista provisional "á espera de que se pechen os recursos definitivos ofertados por todos os municipios e entidades", asegura a Fegamp, que agradece a "enorme solidariedade e rapidez coa que reaccionaron as administracións locais e a cidadanía en xeral".
Uns 40 concellos e dúas deputacións xa puxeron a disposición dos refuxiados 900 prazas
A Fegamp actúa como enlace e coordinador entre concellos, deputacións e Consellería de Traballo e Benestar, que está a elaborar un plan de acollida -coa colaboración tamén das ONG- que "non só supón ofrecer unha vivenda ou axuda económica", senón "integrar" esas persoas que serán "galegos e españois de pleno dereito en canto cheguen", tal e como dixo a conselleira Beatriz Mato. Contarán con tarxeta sanitaria, os nenos serán escolarizados e terán acceso a unha renda de inserción.
Agora, esta primeira listaxe de recursos pechada foi enviada a Benestar pero tamén á Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), ambos interlocutores ante o Goberno central, que é quen ten as competencias en Inmigración e quen, finalmente, terá a última palabra sobre a xestión da crise humanitaria no Estado e a repartición dos refuxiados.
De repartir os refuxiados segundo a poboación de cada provincia, a Galicia corresponderíanlle menos de 1.200 persoas
O número total de refuxiados que chegarían a Galicia nos vindeiros meses aínda se descoñece. Finalmente, serán 17.680 os que acolla o Estado ao aceptar a proposta da Comisión Europea, o que supón a acollida de catro persoas por cada 10.000 habitantes. Destas, 16.321 serán trasladadas desde Hungría, Austria Grecia ou Italia, mentres que o resto chegarán de campos de desprazados na fronteira con Siria e que forman parate doutro programa da UE. No caso de que de distribuísen as persoas entre as diferentes provincias en función da súa poboación, á comunidade autónoma galega corresponderíanlle 1.132 (132 en Ourense, 140 en Lugo, 393 en Pontevedra e 467 na Coruña, aínda que a repartición non será exacta nin está detallada).
Entre os concellos que xa ofreceron os seus recursos e un número detallado de prazas atópanse A Coruña, Lalín, Vilagarcía ou Cambados, pero hai moitos máis que xa amosaron a súa disposición a ofertar á espera de detallar toda a súa disponibilidade. Entre eles, Ferrol ou Compostela, onde a administración local presentou xa unha batería de medidas para acoller as persoas refuxiadas en colaboración coas organizacións non gobernamentais e xa ten activo un fomulario para que os cidadáns acheguen as súas propostas de axuda.
No caso das cidades de Pontevedra e Vigo, están tamén dispostas e preparadas para ofrecer prazas para os refuxiados, pero aínda non concretaron a oferta. No caso da cidade do Lérez, o Concello pediu á Fegamp que o Fondo Galego de Coooperación xestione a axuda humanitaria e lembroulle que xa habilitou unha achega especial de 25.000 euros para transferirlle ao devandito Fondo en canto sexa preciso. En Compostela,
Por outra banda, o Concello de Lugo vén de anunciar este mesmo xoves que ofrece os pisos de emerxencia dos que dispón e o albergue municipal para acoller refuxiados sirios, ademais de pór a disposición deles toda a rede municipal de prestacións e axudas sociais. No caso da Coruña, a concelleira e Igualdade, Rocío Fraga, e o alcalde, Xulio Ferreiro, reuníronse con cidadáns sirios que xa viven na cidade e amosaron a súa intención de que os familiares destas persoas que están a escapar do seu país poidan chegar á localidade para "facer máis doada a súa inserción social", polo que intentarán trasladar unha listaxe deste grupo de familiares e a súa ubicación actual á Fegamp.
Ademais, o Concello da Coruña destaca que houbo xa 63 ofrecementos particulares da cidadanía dun total de 200 prazas para os refuxiados, unhas achegas dos veciños que tamén se deron noutros moitos concellos, aínda que a intención da Xunta é recorrer primeiro aos recursos que ofrecen as institucións e deixar os privados para a súa posible utilización nun futuro.
Servizo de apoio do Colexio Oficial de Psicoloxía
Por outra banda, o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia está xa a organizar un servizo de apoio psicolóxico dirixido a este colectivo de cara a "ofrecérllelo ás diferentes administracións, tanto locais como autonómicas".
Desde a institución estase a crear unha lista de profesionais voluntarios, procedentes dos diferentes ámbitos da psicoloxía, que poidan asesorar para a integración nas comunidades de acollida e "superar traumas que poidan sobrelevar, tanto de antes do abandono do seu país de orixe como na viaxe a Europa". "Unha vez se coñeza como se vai canalizar a recepción de persoas refuxiadas na nosa Comunidade e as necesidades detectadas, porase en funcionamento este servizo grazas á colaboración dos colexiados e colexiadas", aclara o Colexio.
Este ofrecemento únese a outros como o do Colexio de Avogados da Coruña, que xa se puxo en contacto con 93 concellos da provincia para porse á súa disposición para tramitar as peticións de asilo dos refuxiados, ademais de para colaborar en calquera outro trámite que precisen.