Suicídase, un ano despois do desaloxo, unha das vítimas do desafiuzamento de Aríns

Intres previos ao desaloxo na parroquia compostelá de Arins CC-BY-SA GZ Contrainfo

O 19 de setembro de 2014 unha familia da parroquia de Aríns, en Compostela, foi expulsada da súa vivenda. Un matrimonio (Carlos e María), dous fillos e unha persoa maior con mobilidade reducida quedaban na rúa, a pesar da presión que exercera Stop Desahucios, que lograra evitar o lanzamento en dúas ocasións ao longo do verán. Este luns, un ano despois do desaloxo, Carlos suicidouse. Stop Desahucios Compostela difundiu unha nota de prensa na que "lamenta profundamente que a voracidade duns poucos, a súa guerra económica contra as persoas de abaixo e as nefastas condicións psicolóxicas e vida ás que a maioría social estamos sometidas sigan a levarse vidas por diante".

Dende o colectivo explican que unha vez que a familia perdeu a súa casa, atopou a axuda duns amigos, que os acolleron na súa vivenda, aínda que Carlos e María insistiran en pagarlles un pequeno aluguer. Stop Desahucios chama a atención sobre a "angustia" que acompaña as situacións de mala situación económica e de desafiuzamentos e reclama protocolos para previr a consumación de suicidios, lembrando o aumento nos últimos anos en Galicia das mortes provocadas por esta causa e a ausencia (agás en Ourense) de unidades especializadas, como hai unha semanas subliñaba tamén o MGSM.

 

Historia dun desaloxo

Stop Desahucios critica que "a voracidade duns poucos siga a levarse vidas por diante"

A vivenda fora construída pola propia familia, pero para facer fronte aos custes tiveron que solicitar un crédito bancario de 35 mil euros. Unha vez que o home perdeu o seu traballo, foron incapaces de pagar os prazos de devolución, e a cantidade inicial incrementouse, cons intereses de demora, ata os 68 mil euros. Aí entrou en xogo unha suposta estafa, pois a familia chegou a un acordo cun empresario francés residente en Benalmádena, que se ofreceu a comprar a casa. A compra realizouse finalmente por 105 mil euros, e a cantidade que lles esixiu para poder recomprar a vivenda elevouse ata os 150 mil. 

O 15 e o 28 de xullo de 2014 tiveron lugar os primeiros intentos de desaloxo, evitados grazas á presión social e ao labor dos expertos legais de Stop Desahucios Compostela. Finalmente, a pesar da concentración no lugar de varias ducias de persoas, o lanzamento produciuse o 19 de setembro, cunha forte presenza policial e moita tensión. Foi detida unha persoa, acusada de resistencia á autoridade e desobediencia, e varias foron identificadas. Posteriormente, varios dos e das activistas identificadas foron citadas a un xuízo de faltas con esas mesmas acusacións. Máis de 200 persoas autoinculpáronse.

O desafiuzamento fora detido, en primeiro termo, en xullo © Stop Desahucios Compostela
O desaloxo caracterizouse pola tensión e a gran presenza policial CC-BY-NC-SA Stop Desahucios Compostela

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.