0 Gardados para despois

Competencia defende vender o leite por debaixo dos custos de produción

Miguel PardoMiguel Pardo | @depunteirolo


Nin o Sindicato Labrego Galego (SLG) nin Unións Agrarias (UUAA) asinarán o acordo lácteo que este mércores pretende selar o sector en Madrid. As dúas organizacións que representan a maioría dos gandeiros -integradas na COAG e UPA estatais que serán as que tamén descarten unirse ao pacto- reafírmanse así no rexeitamento que xa mostraron co preacordo do pasado 10 de setembro. E farano polos mesmos motivos logo de que o Ministerio de Agricultura desbotase as alegacións que ambas as dúas organizacións: nin hai concreción, nin garantía de prezo sustentable nin cobertura xurídica para aplicar sancións a quen rache co acordado. 

Nin UUAA nin SLG prevén asinar o acordo lácteo este mércores por non garantir prezo sustentable nin cobertura xurídica para sancionar

Anuncian que rexeitan o acordo o mesmo día no que a Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia (CNMC), organismo dependente do Ministerio de Facenda, defende que non é tan malo que algunha vez os gandeiros vendan o leite a perda. Unha gota máis no vaso a rebordar da paciencia de gandeiros e organizacións agrarias. 

De feito, a CNMC cre "pouco razoable prohibir ou criticar de forma xeralizada" a venda a perda. É o que di nun informe sobre o Código de boas prácticas da cadea alimentaria elaborado polo Goberno, que pediu que industria e distribución se unisen a el. Para Competencia, "en determinadas situacións a venda a perdas pode resultar pro competitiva e traer vantaxes para o consumidor". Para os sindicatos, as consideracións son xa "inconcibibles". 

Competencia cre "pouco razoable" criticar a venda a perda, que "pode ser pro competitiva en determinadas situacións"

Alén disto, UPA e COAG advirten de que o documento que este mércores se dará a firmar "non dá garantías de que a situación de crise no sector se vaia resolver". De non haber un cambio radical de última hora, o acordo será asinado na xuntanza convocada pola ministra Isabel García Tejerina por representantes da industria e da distribución, cooperativas e a organización Asaja. Tan só unha nova proposta por parte do Goberno central na mesma reunión que atenda as reivindicacións de UUAA e SLG cambiaría o panorama. 

E non parece que o vaia facer. A ministra asegurou este martes que o acordo que se asinará non incluirá un prezo mínimo, aínda que insiste en que "beneficiará a todos os gandeiros a pesar que as organizacións que os representen non asinen o pacto". "Todo o mundo está convocado para a sinatura dun pacto que é positivo para todos os gandeiros ao incluír o compromiso dos distribuidores e da industria de garantir a sustentabilidade do sector", insiste. Xa que logo, e sen cobertura xurídica sancionadora nin garantía, todo queda a expensas da boa vontade. 

"O último que desexaría é que os gandeiros tiveran que facer fronte a unha sanción por pactar prezos, algo que é contrario á normativa de competencia española e comunitaria", engadiu Tejerina para xustificar a non inclusión dun prezo mínimo. Os gandeiros intentan evitar vender a perdas e cobrar o leite por baixo dos custos de produción, algo que á Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia (CNMC) non lle parece tan mal. 

"Nin tan sequera se garante a recollida de leite", asegura Isabel Vilalba (SLG) que ve no acordo un intento de "lexislar para a industria"

Isabel Vilalba, secretaria xeral do Sindicato Labrego, recoñece aspectos "positivos" no último borrador, pero considera que, en global, é aínda peor que o anterior presentado polo Goberno central. Seguen sen haber un índice referencial ou desglose da cadea de valor que permita determinar que é o que se determina prezo sustentable, "nin tan sequera se garante a recollida de leite" e substítuese a alusión á garantía de cando menos cubrir os custos de produción por esa ambigua "sustentabilidade" do importe que se paga ao gandeiro. O texto, en definitiva, parece feito a medida da industria. 

"A idea de Xunta e Goberno central é garantir que a industria teña leite barato... É tan triste coma iso"

"Se o Ministerio lexisla para alguén é para a industira, pero non para os produtores", di Vilalba, que insiste en que este acordo "é insuficiente" e que critica o "desleixo total" tanto da Xunta de Galicia como do Goberno central por garantir o futuro dos milleiros de gandeiros galegos. "Dá a impresión de que a súa idea é garantir que a industria teña leite barato... É tan triste coma iso, aínda a costa da desaparición de miles de explotacións", advirte quen, de confirmarse esta proposta e este pacto, anima a que os produtores "sigan loitando ata que haxa solucións". 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.