O sector lácteo asinou finalmente un acordo no Ministerio de Agricultura sen o apoio das dúas principais organizacións agrarias galegas, UUAA e SLG, que teñen ademais a representación da maioría dos gandeiros no país. O pacto conta coa sinatura da industria, a distribución, cooperativas e Asaja pero non coa de UPA e COAG -onde se inclúen os dous sindicatos galegos- ao non atenderse as súas demandas de concretar o que é o prezo sustentable nin unha cobertura xurídica que permita sancionar a aqueles que non cumpran co acordado.
A ministra Tejerina asegura que "os maiores beneficiados" polo acordo "serán os gandeiros"
Malia todo, a ministra Isabel García Tejerina destacou a unión de forzas de toda a cadea de valor para dotala "estabilidade e sustentabilidade" e destacou o "ambicioso" dun acordo que, segundo di, "traducirase en mellores prezos en cada tramo da devandita cadea de valor". "É un acordo do que estou seguro que todo o mundo se beneficiará, pero onde os maiores beneficiados serán os gandeiros de leite españois", dixo.
Tejerina asegura que a industria se comprometeu a "reveter o beneficio aos gandeiros" e a facilitar os datos de venda e de cesión do leite líquido á distribución, ademais de prometer "un contrato tipo". O sector produtor, pola súa banda, tería asumido o compromiso de "organizarse". Mentres, desde o SLG, a súa secretaria xeral, Isabel Vilalba -presenta na xuntanza- asegura que o texto asinado hoxe "non só non mellora a proposta inicial do 18 de agosto, senón que a empeora ao facer concesións ás industrias e distribuidoras".
Así, aclara que desaparecen as alusións iniciais a prezos que cubran os custos de produción e se substitúen por algo tan vago como que os pagamentos das industrias “contribúan á sostenibilidade das explotacións”. Tampouco se garante a recollida do leite producido, mentres que no borrador de agosto si que se propoñía un compromiso de fixar un contrato tipo de compravenda que garantise ao gandeiro que ll recollerían o produto "a un prezo que permita a súa sostenibilidade e acorde co mercado, de polo menos un volume de leite equivalente á produción do gandeiro no último ano”. No documento asinado este mércores, desaparece a referencia temporal de finais de setembro e calquera referencia a garantir a recollida do leite, tal e como denuncia o SLG.
O SLG cre que o texto asinado "non só non mellora o borrador, senón que o empeora ao facer concesións a industrias e distribuidoras"
"Non garante un prezo remunerativo que, como mínimo, cubra os custos de produción. Trátase dun documento que non concreta nada e que segue confiando a súa validez á boa vontade das industrias e das distribuidoras, esa mesma boa vontade na que se basea a Lei da Cadea Alimentaria que se supuña amparaba tantos miles de granxas que hoxe están ao borde da ruína", insiste Vilalba, que recorda que tanto o SLG como a COAG cren "absolutamente imprescindible" que o acordo vaia acompañado das suficientes garantías de cumprimento por parte dos axentes que o subscriban. "E iso só é posible se hai un marco legal e un réxime sancionador que obrigue os operadores a cumprir cos compromisos asumidos", di.
Desde Unións Agrarias-UPA, Román Santalla admitiu o "interesante" dalgúns aspectos do acordo para o sector, pero lamenta que non se fose máis aló aplicando un réxime sancionador e definindo con claridade o prezo sustentable. De feito, asegurou que o seu sindicato non dubidará en sumarse a el de considerarse estas demandas, pero critica que o texto recolla a posibilidade de novas adehsións de industrias e distribuidoras, pero non de organizacións de gandeiros, algo que cre "inxusto e ilóxico", polo que piden á ministra que "non rache pontes". "Precisamos sinais de boa vontade por parte de industria e distribución que restablezan a confianza perdida na cadea láctea", dixo.
A Plataforma en Defensa do Sector Lácteo reunirase o vindeiro venres e non se descartan mobilizacións
Así, un e outra organización cualifican o acordo de "decepcionante" e remítense á nova asemblea que a Plataforma en Defensa do Sector Lácteo Galego celebrará en Compostela este venres 25. Estudarase alí o acordo e decidirase a que postura unitaria se chega, non descartándose novas mobilizacións nas vindeiras semanas.
Para a ministra, as peticións de UUAA e SLG non son posibles porque "o que non é legal non se pode facer" e insiste na imposibilidade de fixar prezo ningún malia asegura que "o prezo sustentable está contemplado". "Este acordo é tan ambicioso como o ordenamento xurídico español nos deixa. As sancións só se poden facer por norma, por iso non puideron ser contempladas. O importante é a presenza masiva da distribución e da industria onde os principais beneficiados son os gandeiros españois", insistiu.
Segundo o Ministerio, a distribución alimentaria comprométese a valorizar o leite e os produtos lácteos, impedindo que se usen como produto reclamo, mentres que a industria e a Federación Nacional de Industrias Lácteas (Fenil) asegura que aplicará nos seus contratos prezos e volumes de compra que, en concordancia coa evolución do mercado, contribúan á sustentabilidade das explotacións.
Leite Río, Feiraco, Celta, Gadisa e Froiz asinaron o acordo
O acordo foi asinado na sede do Ministerio polas empresas galegas Leite Río, Feiraco, Celta, Gadisa e Froiz, ademais de por Aces, Anged, Asedas, Ahorra Más, Alcampo, Carrefour, Condis, Consum, Covirán, El Corte Inglés, Hipercor, Supercor, Eroski, Euromadi Ibérica, Dia, Grupo IFA, Lidl, Mercadona, Grupo Miquel, Musgrave, Más y Más, Simply, Fenil, Clesa, Dhul, Calidad Pascual, Capsa Food, Central Quesera Montesinos, Coinga, Covap, Danone, El Buen Pastor, Lactalis, Hijos de Salvador Rodríguez, Reny Picot e Industrias Lácteas Monteverde.
Ademais, tamén o asinaron Iparlat, Kaiku, Lácteas del Jarama, Lácteas García Vaquero, Lácteas Toledo, Leche Gaza, Mantequerías Arias, Mondelez International, Nestlé, Palancares Alimentación, Postres y Dulces Reina, Queserías Entrepinares, Queserías Lafuente, Quesos Aldonza y Don Ismael, Schreiber, Coopertia lechera de Cadí, Queserías Rocinante, Láctesa Flor de Burgos, Cooperativas Agro-alimentarias e Asaja.
O acordo entrará en vigor aos dez días da súa sinatura e o cumprimento realizarase atendendo á normativa regulador do dereito á competencia, polo que quedarán a salvo as competencias instrutoras e resolutorioas, no seu caso, da Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia, que esta mesma semana defendía a venda a perda en determinadas circunstancias.