A Deputación declara Pontevedra libre de touradas e dá outro paso para a abolición en Galicia

Manifestación contra as touradas en Pontevedra CC-BY-NC-SA gz.foto

Outro veto ás corridas de touros e un atranco máis para este espectáculo. O pleno da Deputación de Pontevedra aprobou este pasado venres, cos votos a favor de PSdeG, BNG e Marea, unha moción impulsada por Libera na que se declara a provincia como territorio libre de touradas.

Este novo pronunciamento contra os espectáculos que impliquen o sufrimento animal dexia as touradas en Galicia nunha situación cada vez máis precaria. Xa o pasado mes de setembro, a Deputación da Coruña tamén pediu por ampla maioría a abolición das corridas de touros co apoio de PSdeG, BNG, Marea Atlántica, Compostela Aberta e Alternativa dos Veciños, que aprobaron unha moción para non subvencionar estes eventos e que lle pide á Xunta que leve a cabo os trámites necesarios para rematar con esta práctica.

A Deputación de Pontevedra únese á da Coruña, que en setembro xa pediu a abolición das touradas e aprobou non subvencionalas

Neste verán, e malia a polémica, a vila de Triacastela celebrou unhas touradas que chegaron á localidade tras a negativa a organizalas en Sarria polo cambio de goberno local. Situouse así como unha das xa escasas e residuais localidades que acollen touradas en Galicia xunto con Padrón, cunha novillada menor no mes de abril, e, Pontevedra, co habitual cartel nas festas da Peregrina

Precisamente en Pontevedra, foi o deputado da Marea Xosé Lois Jácome o encargado de presentar a iniciativa na que se aprobou negar as subvencións a este espectáculo nun debate no que antes interviu a voceira da asociación animalista Libera, Patricia Barcala, que aclarou que representaba todos os colectivos antitaurinos de Galicia e que expresaba así o "sentir antitaurino na sociedade galega e na pontevedresa", reclamando a fin "de calquera promoción ou soporte público por parte da Deputación" ás touradas na capital provincial.

A Deputación aclara que entre 2009 e 2014 a institución destinou máis de 122.000 euros a publicidade ás touradas

Ademais, a presidenta da Deputación, Carmela Silva, informou que entre os anos 2009 e 2014 a Deputación achegou 122.786 euros en publicidade ás touradas, e que desde o 2001 ao 2013 subvencionáronse con 25.000 euros a distintas peñas taurinas. O vicepresidente César Mosquera engadiu a estes datos que o pasado ano a institución provincial tamén gastou 9.500 euros para mercar entradas para o coso de San Roque.

O acordo para o goberno que asinaran PSdeG e BNG na Deputación de Pontevedra xa aclaraba que a institución provincial "non presidirá as touradas e non dará axudas para este fin". O voceiro do PP, Ángel Moldes, argumentou o voto en contro do seu grupo por unha cuestión "competencial" ao entender que debe ser o Concello de Pontevedra e o Goberno galego os que se pronuncien. 

Ademais, desde Touradas fóra de Pontevedra amosan a súa "satisfacción" pola decisión maioritaria do pleno e "por posicionarse en defensa da abolición deste exemplo de tortura animal". O colectivo parabeniza o PSdeG, BNG e a Marea e cre que o PP "ficou de novo retratado como o partido pro-tortura animal que é".

"Este é un pasiño máis no camiño abolicionista, no camiño do peche do sustento económico das touradas por parte das institucións e no camiño da loita contra a súa lexitimación por parte dos gobernos", di a plataforma, que asegura que "as touradas en Galiza teñen os días contados se continuamos coa mobilización e con pequenas vitorias como esta que van abrindo paso cara o fin da excepción das touradas na lexislación autonómica sobre maltrato animal".

Touradas Fóra de Pontevedra asume a súa "satisfacción" e pide ao BNG que rache co convenio que permite o uso da praza

Ademais, Touradas Fóra de Pontevedra "reitera" a súa oposición ao "convenio que o Concello de Pontevedra mantén coa empresa dos Lozano para o uso da praza de San Roque". "A postura inmobilista do BNG local neste caso é cada vez menos entendíbel", di o colectivo, que pide "ocherencia coa postura antitaurina que se di defender".

En definitiva, e neste ano 2015, nas tres localidades onde se celebran touradas celebráronse cinco festexos, fronte aos oito en seis localidades que se organizaran en 2013 ou os 64 que tiveran lugar entre 2008 e 2012 en trece vilas do país, segundo datos achegados pola propia Xunta. Dunha media duns doce espectáculos taurinos ao ano en máis dunha ducia de concellos aos cinco festexos e tres municipios de 2015, un descenso do 64% con respecto a 2009, segundo aclara Galicia Mellor sen Touradas (GMST).

Tan só tres localidades (Padrón, Triacastela e Pontevedra) acollen algún tipo de festexo taurino en Galicia fronte ás máis dunha ducia de hai poucos anos

A retirada das subvencións públicas na Coruña, o que implicou a desaparición dunhas touradas nas que o Concello gastara 2,2 millóns nos últimos vinte anos, foi o símbolo máis visible dun aumento da mobilización social pola abolición que se veu correspondido en moitos lugares polo cambio político nas últimas eleccións municipais. Un cambio político na Xunta sería o último paso para lograr a abolición total das touradas den Galicia.

GMST xa ten previsto, en canto cambie a correlación de forzas, presentar unha Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) para a que tan só se requirirían 10.000 sinaturas, un número máis que asequible para un movemento abolicionista moi activo no país. A aprobación da supresión dos espectáculos taurinos, xa rexeitada polo PP noutras ocasións, precisaría de maioría simple no Parlamento galego, unha condición que xa non semella imposible a curto prazo.

Manifestación contra as touradas en Pontevedra CC-BY-NC-SA gz.foto
Touradas en Pontevedra © Touradas fóra de Pontevedra

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.