As protestas no novo hospital de Vigo e nan área sanitaria da cidade intensifícanse. Traballadores de distintos departamento sumáronse este mércores ao peche que desde o luns manteñen celadores no interior do Álvaro Cunqueiro para denunciar as numerosas deficiencias que, segundo din, se están a detectar no centro, ademais de para apoiar o rexeitamento á privatización duns celadores que protestan logo de que unha empresa externa asumise boa parte dos seus traballos.
Así, foron varios os traballadores de varios departamentos do Sergas os que se uniron á loita dos celadores nun peche que se trasladará da entrada das consultas á entrada principal do novo hospital. Ademais, unha pequena manifestación polo exterior do Álvaro Cunqueiro pedir "un hospital e non unha sucursal" e volveu reclamar a dimisión da conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera.
"Álvaro Cunqueiro, hospital chafalleiro", berraron traballadores que instaron a "defender" a sanidade pública que "non se vende". Entre as denuncias, como lembra CIG-Saúde, as dunha usuaria do centro en cadeira de rodas que denunciaba que o edificio non respectase a normativa para evitar barreiras arquitectónicas. E mentres, longas colas -como as de case todos os días- volvían producirse para pedir cita para consultas.
“Este hospital é unha estafa, porque naceu con menos capacidade da proxectada”
Ademais, a xunta de persoal explicou en rolda de prensa todas as deficiencias que se levan rexistrado no Álvaro Cunqueiro desde a súa posta en marcha e lembraron a falta de persoal, de recursos materiais e de camas, que tería obrigado xa a suspender algunha operación. “Este hospital é unha estafa, porque naceu con menos capacidade da proxectada”, insistiron, tras recordar tamén en que están a remitir a diario escritos á Xerencia na que se enumeran todas estas eivas, tales como as queixas pola comida dos pacientes, polo aparcadoiro ou a escaseza de roupa.
“Xa advertimos disto cando se anunciou a privatización da lavandeiría e da cociña”, sosteñen desde a xunta de persoal, que pediu tamén a dimisión da conselleira e do xerente da área sanitaria. "Non lles importan nada nin os pacientes nin os traballadores, xa que o único que pretenden é facilitarlle o negocio ás empresas”, remataron.
Mentres, na sesión de control levada a cabo no Parlamento e ante as preguntas da deputada de AGE, Yolanda Díaz, Núñez Feijóo dixo estar "satisfeito da sanidade pública porque temos excelentes profesionais". Ademais, recoñeceu un "conflito" cos celadores e advertiu que haberá que ver "que é o que propoñen", pero asegurou que no novo hospital hai "sesenta celadores máis que no anterior".
Feijóo insiste en ter que "rescatar a sanidade pública das mentiras da oposición"
O presidente da Xunta acusou a Yolanda Díaz de "manipular" tras acusar a Xunta da "privatización" da sanidade e advertir das múltiples deficiencias no novo hospital de Vigo. "Cancélanse cirurxías e a falta de persoal obriga a desviar os transplantes de médula", dixo a vicevoceira de AGE, que lle preguntou a Feijóo se cre que "todos os medios están mentindo". Mentres, o xefe do Executivo insiste en ter que "rescatar a sanidade pública das mentiras da oposición".