33 mulleres foron asasinadas por violencia de xénero en Galicia dende 2008

Concentración contra a violencia machista en Vigo CC-BY-SA Marcha Mundial das Mulleres

Un novo asasinato machista, en Vigo (o segundo no último mes) elevou este luns a 4 o número de mulleres mortas en Galicia a mans das súas parellas ou ex parellas no que vai de 2015. A vítima recibira no pasado atención sanitaria por ter sufrido malos tratos por parte do home, que acabou por quitarlle a vida antes de suicidarse. Nas últimas 72 horas outras dúas mulleres (en Murcia e Biscaia) foron tamén asasinadas nestas circunstancias. Dende o ano 2008 33 mulleres perderon a vida por causa da violencia de xénero en Galicia, 515 en toda España.

A Deputación de Pontevedra convocou xa un minuto de silencio para as 11 horas desta mañá en repulsa polo asasinato deste luns en Vigo.  O asasino suicidouse a continuación. Outras institucións e entidades preparan para este martes actos de condena da violencia machista e de solidariedade coa familia da muller asasinada. O vindeiro 7 de novembro colectivos feministas de todo o Estado levarán a cabo unha marcha "contra todas as violencias machistas", que percorrerá as rúas de Madrid.

Os últimos datos do Observatorio contra a violencia doméstica e de xénero do Consello Xeral do Poder Xudicial revelan que o pasado ano se incrementaron en Galicia as denuncias presentadas por situacións de violencia de xénero. Foron 5.209 denuncias, 14 por día, algo máis que en 2013 pero lonxe das que se rexistraban en 2008, antes do comezo da crise económica: ao redor de seis mil. Esa evolución tamén se ve nas cifras relativas ás ordes de protección e afastamento dos maltratadores e supostos maltratadores. En 2014 presentáronse en Galicia un total de 1.327, unha cifra que nos últimos anos permaneu estancada e que mesmo descende con respecto a 2013. O número de ordes efectivamente adoptadas tamén se reduce en Galicia, ata as 829, un 18% menos das 1.011 aprobadas en 2008.

As estatísticas derruban ademais algúns falsos mitos, coma o da abundancia de "denuncias falsas" por violencia machista. As causas por denuncia falsa son 0,018% do total de demandas por violencia de xénero.

 

As 33 asasinadas

2015
8 de maio. María Isabel. Ourense
3 de xullo. Beatriz. Arbo
6 de setembro. Divina. Vigo
5 de outubro. ?. Vigo

2014
13 de xaneiro. Adela. Cervo
23 de febreiro. María Luísa. Vilaboa
24 de abril. María Elena. Foz
30 de abril. María Belén. A Coruña
30 de xullo. Sara. Pazos de Borbén.
25 de agosto. Mónica. Barro

2013
29 de marzo. Elena. Lugo
15 de setembro. M.F. Verín
26 de decembro. Isabel. Marín

2012
2 de marzo. Julia. Vilardevós
25 de xuño. Iria. Narón
5 de novembro. Marisol. Narón
21 de decembro. Matilde. Ferrol

2011
14 de maio. ?. Noia
11 de outubro. ?. Vigo
12 de decembro. Matilde. A Coruña

2010
26 de agosto.?. Lugo
15 de setembro. María Rosa. Ponteceso

2009
13 de xaneiro. ?. Cabanas
11 de febreiro. María Socorro. Ourense
16 de xullo. ?. A Coruña
8 de agosto. ?. Coristanco
28 de agosto. Laura. Toén.

2008
31 de xaneiro. ?. Cangas
18 de agosto. A.D. Vigo
10 de novembro. ?. Cambre
30 de novembro. ?. Pontecaldelas
20 de decembro. ?. Portas
24 de decembro. ?. Fene

Casos de violencia machista denunciados, por idade da denunciante Dominio Público Praza Pública
Acción contra a violencia machista na Coruña CC-BY-NC-SA GZ Contrainfo
Evolución das ordes de protección e as denuncias por violencia machista en España Dominio Público Praza Pública
Ataúdes para protestar contra a violencia machista, no Parlamento CC-BY-NC-SA BNG Compostela
Concentración contra a violencia machista en Vigo CC-BY-SA Marcha Mundial das Mulleres

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.