As subas no leite prometidas tras a presión gandeira confírmanse á falta de compromisos fiables

Reparto de leite de balde en Compostela CC-BY-SA Praza Pública

As pequenas subas nos prezos de leite que se lles pagan aos gandeiros prometidas por parte dalgunha industria e firma distribuidora durante as semanas de maior mobilización e presión gandeira confírmanse nestes días. Os mínimos "xestos" cos que algunhas empresas reaccionaron ás mobilizacións mantéñense en pé á espera do avance dun acordo lácteo que, como aclaran SLG e Unións Agrarias (UUAA), non é polo momento o causante destes mínimos aumentos. 

"Son subas aplicadas dun xeito unilateral, pero non produto da aplicación de acordo ningún nin dunha negociación"

"Son subas aplicadas dun xeito unilateral, pero non produto da aplicación de acordo ningún nin dunha negociación", aclara Roberto García, secretario xeral de UUAA, que xunto ao SLG non asinaron o acordo que si firmaron industria, distribución e parte do sector gandeiro, aínda que non os dous sindicatos que representan a maioría dos gandeiros. "Non estamos vendo un compromiso efectivo, nin moito menos; sería faltar á verdade dicir que isto chega grazas ao acordo asinado", engade Isabel Vilalba, secretaria xeral do SLG, que lembra que, tal e como denunciaran as dúas organizacións, o pacto non fornece de "mecanismos legais" que garantan uns prezos dignos e mesmo por riba dos custos de produción. 

Con todo, Leche Celta e Central Lechera Asturiana (CLAS), tal e como anunciaran hai case un mes, están a paralizar os contratos á baixa que ofrecían aos gandeiros e propoñendo outros con pequenas subas. No caso da primeira das empresas, o acordo sería por catro meses, cun incremento de 1 céntimo para o vindeiro mes e de 2,5 para decembro. Ademais, Larsa está a ofrecer mellores condicións e anulando os compromisos á baixa, mentres que tamén Kaiku se puxo en contacto directamente cos seus gandeiros provedores para propoñerlles subas no importe por litro que varía segundo o punto de partida do contrato. 

Celta, CLAS, Larsa ou Kaiku ofrecen novos contratos en mellores condicións aos gandeiros

Será a partir deste outono cando deberían plasmarse esas melloras a expensas do que se avance nas reunións que, froito do acordo lácteo, se seguirán celebrando nos vindeiros días. Mentres, os incrementos quedan pendentes de decisións "unilaterais" e de "xestos" por parte das empresas, tamén das de distribución, cuxos anuncios de aumentos no prezo deberían notarse nas próximas semanas. 

Segundo fontes do sector, marcas que traballan con Mercadona como Iparlat, Entrepinares ou Puleva tamén confirmaron un aumento de prezo que pode chegar a un máximo de 2 céntimos por litro logo de que a empresa de supermercados se comprometese a aplicar os incrementos aos gandeiros a través das súas industrias provedoras. Eroski, pola súa banda, tamén anunciara unha suba de 2 céntimos que pretende que lle sexa traslada directamente ás explotacións por cada litro de produto.

As industrias provedoras de Mercadona tamén confirman o traslado da suba do prezo aos gandeiros

As medidas, positivas aínda que mínimas, non arranxan nin moito menos o problema de fondo, sobre todo mentres -tal e como advirten SLG e UUAA- non se activen mecanismos que garantan cando mínimo que os gandeiros cubran os custos de produción e faga pervivir un sistema que permite que industrias como Reny Picot "paguen moito máis polo litro de leite a unha granxa situada a poucos metros doutra tan só polo feito de que unha está situada en Galicia e outra en Asturias", tal e como denuncia Isabel Vilalba.

Tampouco a retirada do leite como produto reclamo se está a confirmar polo momento. Todo o contrario. A Unión de Pequeños Agricultores y Ganaderos (UPA), onde de inclúe UUAA, denunciou que Carrefour xa rachou co pacto asinado en Madrid ao tirar os prezos do leite con ofertas agresivas, romprendo así o compromiso que adquiriran as empresas de distribución de "valorizar o leite e os produtos lácteos, en particular establecendo medidas concretas que imkpidan o seu uso como produtos reclamo nos seus establecementos que banalicen os produtos lácteos ante o consumidor".

A UPA denuncia que Carrefour xa incumpriu co pacto de non usar o leite como produto reclamo

Aos poucos días da sinatura do acordo lácteo en Madrid, unha oferta da empresa Carrefour en varios puntos do Estado ofrece descontos do 30% no ao comprar caixas de tetra brik e queixos. Como exemplo, comprando varios litros de auga de determinada marcas, aforrábanse ata preto de cinco euros en todo o pack. 

Por outra banda, e tal e como explica Campo Galego, o mercado dos produtos lácteos industriais é un dos termómetros que segue o sector para valorar as perspectivas do prezo do leite no campo, xa que a tendencia dun condiciona o camiño do outro. Os índices de prezos do Global Dairy Trade (GDT), unha plataforma internacional de subastas xestionada pola neocelandesa Fonterra, caeron entre a primavera e o pasado mes de agosto, en paralelo aos baixos prezos no campo, con caídas dos índices durante cinco meses consecutivos. Desde entón, o GDT realizou catro subastas nas que se rexistraron subas dos prezos, a última este martes, cun aumento medio das cotizacións do 9,9%, un movemento que pode impulsar un chisco os prezos do produto. 

Denuncia de UUAA polas "desigualdades" nas axudas

Alén disto, o sindicato Unións Agrarias anunciou que vén de interpoñer unha denuncia contra as axudas directas de minimis para "compensar as dificultades económicas do sector lácteo" que entraron en vigor o pasado mércores. Fano porque "xeran desigualdades entre os gandeiros". De feito, en Galicia percibirán as axudas de 300 euros por vaca aquelas explotacións que entre abril e xullo cobrasen o quilo de leite por baixo dos 24,5 céntimos, mentres que en Andalucía, poden beneficiarse dela todas as granxas que tivesen prezos de menos de 31,5 céntimos por litro no mesmo período. Para as axudas de 110 euros por vaca, no país esíxese que neses meses se cobrase menos de 27 céntimos, mentres que en Andalucía poderían cobrar aquelas que tivesen prezos de ata 34 céntimos. Unha "marxinación", segundo UUAA e tamén o SLG, que ten que ver co modelo que colle de exemplo o Ministerio de Agricultura.

Bloqueo na planta de Larsa en Outeiro de Rei © Óscar Pose
Explotación láctea galega © UUAA

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.