O 27 de outubro poderá verse na Seminci de Valladolid Frankenstein-04155, un documental producido por Boneca Lareta que busca afondar nas causas do accidente do Alvia. Diríxeo o ourensán Aitor Rei (candidato aos Mestre Mateo por A última viaxe do afiador), que levou a cabo un intenso traballo de documentación e pescuda -de máis de dous anos- buscando achar, fío a fío e voz a voz, as causas todas que puideron provocar a traxedia de Angrois, o sinistro no que 81 persoas perderon a vida en xullo de 2013. O filme chegará ás salas comerciais en decembro.
O filme foi realizado en colaboración coa Plataforma de vítimas do Alvia e tras unha exitosa campaña de crowdfunding. Os seus responsables aseguran que presentará varios datos novos sobre o accidente que finalmente non se tiveron en conta na instrución do caso, pechada a semana pasada, "en falso", segundo a asociación que agrupa os e as afectadas do sinistro. Dende a Plataforma Alvia 04155 Jesús Domínguez (un dos seus voceiros) destacaba hai uns días a "estraña coincidencia" que ao seu xuízo se daba entre o anuncio do peche da instrución coa estrea inminente "dun documental no que van saír á luz datos reveladores para o caso".
Como chegas ao proxecto? Contactas coas vítimas ou elas encárganche o traballo?
Hai dous anos estaba preparando un documental con Iván Prado (Pallasos en Rebeldía) e tiñamos a idea de ir gravar a Libia. Pero houbo un incremento da tensión no país e tivemos que anular a viaxe. Nese momento, no que eu quedara sen actividade, vin as denuncias que facía a Plataforma de Vítimas, e pensei que aí podía haber unha boa historia que contar. Púxenme en contacto con eles, tivemos varias reunións, foi un proceso longo no que tiven que defender o proxecto ante eles, que acabaron votando en asemblea se se facía o documental. Tiven que someterme ás súas preguntas e deixeilles moi claro que eu tiña que ter o control total sobre o filme, porque doutro xeito non quería participar. Eu quería dar a miña visión exterior, non quería facer nada nesgado.
"Non me interesaba contar a dor das vítimas, iso xa está contado e ademais é evidente. O documental que fixemos vai dirixido ao cerebro dos espectadores, non ás súas vísceras"
Que querías contar co filme?
Este é un documental de denuncia e de investigación, hai miles de horas de traballo aí, dous anos de pescudas. A base do filme é o contexto no que se constrúe esa vía ferroviaria, por que se cambia o proxecto orixinal de construción, que intereses actúan nese cambio e forzan que se inaugure a toda présa. E, unha vez que se produce o accidente, queremos saber que pasa despois, se se recoñecen as causas que o provocaron. Quería entrar onde non entrara ninguén, quería contar o que non se estaba contando. Non me interesaba contar a dor das vítimas, iso xa está contado e ademais é evidente. O documental que fixemos vai dirixido ao cerebro dos espectadores, non ás súas vísceras. Pero creo que o único que pode calmar a dor destas persoas é saber a verdade sobre o que sucedeu.
Esta semana as vítimas do accidente difundiron un dato -o exceso de peso que levaba o tren-, revelado a partir do documental. Imos coñecer outras cousas novas sobre o sucedido a través do filme?
Temos moitos documentos moi comprometedores que están no filme e que van achegar novos datos á investigación. De feito, o recurso que presentou esta semana o avogado das vítimas está baseado en gran parte na película. O traballo está baseado en toda a documentación que baralla a asociación de vítimas, un intenso percorrido pola hemeroteca, as 25 mil páxinas da instrución e ducias de entrevistas a expertos, sobre todo enxeñeiros, uns 12 ou 14 especialistas en ferrocarril.
"Convidamos tamén a falar á ministra Ana Pastor, ao ministro Rafael Catalá e ao ex ministro José Blanco. E ningún dos tres quixo participar"
Tivestes problemas á hora de falar con expertos e con técnicos e cargos da administración? Houbo moita xente que non quixo aparecer no documental?
Si, si. Pero nin un, nin dous, nin tres. Moitos. E moita xente que tentaba confundirnos. Pero tiñamos moita documentación; eu ía ás entrevistas cunha maleta chea de carpetas. Si, tivemos moitas dificultades. Ten en conta que en España a única maneira de traballar en servizos ferroviarios é a través de Renfe ou Adif. E, por iso, hai moita xente que non quere falar en público. A través da plataforma de vítimas convidamos tamén a falar á ministra Ana Pastor, ao ministro Rafael Catalá e ao ex ministro José Blanco. E ningún dos tres quixo participar.
Como valoras o peche da instrución, que sinala un único culpable -o maquinista- e unha única causa para o sinistro -o exceso de velocidade-?
Mira, no documental tamén entrevistamos á presidenta da asociación de vítimas do metro de Valencia, ao vicepresidente da plataforma de vítimas do Yakovlev, á presidenta da organización de vítimas do accidente de Spanair e, evidentemente, aos representantes da asociación de afectados do sinistro do Alvia. A conclusión de todas estas persoas, vítimas dos catro accidentes máis grandes sucedidos en España nos últimos anos, é a mesma: sempre se lle bota a culpa ao último elo da cadea, neste caso o maquinista. E se morreu, moito mellor, porque xa se lle bota a culpa e punto, como me dicía unha das vítimas. No xuízo do accidente do Alvia está a repetirse o mesmo que pasou no Metro de Valencia, no Yakovlev e no accidente de Spanair. Sinálase a causa básica que provocou o sinistro, pero non se investiga a causa raíz, que é fundamental para que non se volva repetir un accidente deste tipo.
"Sinálase a causa básica que provocou o sinistro, pero non se investiga a causa raíz, que é fundamental para que non se volva repetir un accidente deste tipo"
No recurso de reforma presentado onte, o avogado das vítimas denuncia que este é un peche de instrución en falso. A desgraza para a sociedade é que como non se investiga, ao igual que non se investigou nas outras catástrofes, o máis probable é que volva ocorrer. Non se detectan todos os erros e non se depuran todas as responsabilidades. Hai máis responsables que o maquinista? Eu creo que si, creo que é bastante evidente. Que a xente vaia ver o documental e saque as súas propias conclusións. É moi triste que as vítimas teñan moita máis esperanza no documental e no debate que o documental poida xerar na sociedade que na propia xustiza.
"É moi triste que as vítimas teñan moita máis esperanza no documental e no debate que o documental poida xerar na sociedade que na propia xustiza"
Como vai ser a distribución do documental? Estades tendo dificultades?
Polo de agora estamos tentando proxectar o filme en festivais, e alí os xurados son independentes, non está habendo obstáculos. A nosa intención é chegar a finais de novembro ou a principios de decembro aos cines. Xa temos algunhas salas pechadas; non sei se serán 15 ou 20, pero imos estar seguro. Neste filme arriscamos moito dende a produtora, o crowdfunding funcionou bastante ben, pero o que se recadou serve para manter a empresa aberta durante seis meses, pouco máis. Aínda así a produtora -Boneca Lareta- tirou para adiante. Aquí hai 81 mortos. De arruinarnos, cando menos sería unha ruína doce, por un bo motivo, tratando de darlles voz a quen non a ten.