Falecida unha enferma de cancro no CHUAC tras catro días agardando o ingreso en planta

O Hospital Universitario da Coruña © Sergas

"Non queremos indemnización, nin nada. Queremos explicacións, que se saiba e que non lle volva ocorrer a ninguén". Carmen López-Sangil advírteo antes de contar a historia. A denuncia sobre as circunstancias que arrodearon a morte da súa nai o pasado venres 16 no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC) e que engade máis polémica á situación caótica que se vive nalgúns hospitais galegos tras os recortes sufridos en sanidade nos últimos anos. Ás críticas que xorden de moitos centros, nomeadamente desde hai meses na área sanitaria de Vigo, únense agora casos como os desta familia, que denuncia o falecemento desta paciente de 73 anos, enferma de cancro, logo de pasar catro días sen ingresar en planta e dando voltas por diferentes zonas do hospital. 

A muller de 73 anos faleceu tras catro días agardando o ingreso en planta malia que esa foi a indicación do primeiro médico que a atendeu

E todo malia que ao entrar e ser diagnosticada cun encharcamento de pulmón, o médico que a atendeu indicou que debía ser ingresada en planta para ser tratada. Foi o pasado luns 12 de outubro nunhas Urxencias "caóticas, con xente polos corredores, sen espazo e doentes desatendidos", segundo relata a súa filla Carmen e tal e como tamén explicou a familia na reclamación que xa presentaron no servizo de atención ao paciente do CHUAC. "Os médicos e enfermeiros dicíannos que non podían máis, que non daban feito por falta de medios", explica. 

Logo de pasar varias horas nun corredor e mesmo sentada nunha cadeira, a muller enferma de cancro pasa o día seguinte, martes á noite, a un box "improvisado e sen medios" xunto con outros cinco doentes, pero no que non había "nin enfermeiros, nin médicos", o que obrigou a que os propios familiares tivesen que axudar cando lles era permitida a entrada. "Os pacientes axudábanse entre eles", insiste Carmen.

"Os pacientes axudábanse entre eles" ante a falta de medios e persoal, segundo a familia da falecida

Ao día seguinte, segundo a familia, unha enfermeira aparece para atender aos doentes, pero só contratada por unhas horas e ante a saturación e insistencia dos familiares desesperados pola desatención. "Só estaba destinada a atender ese box e, obviamente, non tiña coñecemento da situación dos enfermos nin do seu historial", aclara a filla da falecida, que na noite do mércores, "e logo de moito protestar", pasa a unha unidade de preingreso. Alí permanece ata que o xoves, sobre as catro da tarde, é finalmente ingresada na planta de oncoloxía, tal e como indicara o primeiro diagnóstico o luns. Logo de tres días en urxencias e un nunha unidade de preingreso. 

A saturación levou ao centro a contratar unha enfermeira "por horas" para atender cinco doentes nun 'box'

Tan só unhas horas despois, ás 7 da mañá do venres, a doente falece "sen que desde o seu ingreso e ata o seu pasamento tivese recibido o tratamento médico correspondente nin se informase os familiares ou a ela mesma do seu estado". A día de hoxe, segundo a filla da falecida, ningún dos seus achegados recibiu información sobre as causas do pasamento.

"Non era unha enferma terminal, tiña unha vida activa e era moi forte... Non foi tratada por médico ningún nin atendida correctamente; e sufriu", engade Carmen, que asegura que hai espazos do hospital con varias camas que se manteñen pechados e que lembra como traballadores do centro lle insistían en que "non podían máis". "Se non denuncian é porque moitos se están a xogar o posto", advirte, aínda que os sindicatos e a xunta de persoal levan tempo advertindo dos recortes e da falta de medios que sofre o CHUAC. 

A muller faleceu logo de tres días en Urxencias e un en preingreso e sen que as causas da súa morte lle foran explicadas aínda á súa familia

"Deixaron morrer unha persoa en condicións inhumanas", advirte a familia, que denuncia "mala praxe profesional e un total desleixo e abandono por parte do persoal sanitario respecto á paciente", así como "unha total ausencia de información da situación" e "unha evidente falta de recursos e organización que conduciron a esta lamentable situación". Fontes hospitalarias, segundo informa Radio Coruña, aseguran que analizarán a reclamación presentada e adoptarán as medidas necesarias. 

O Hospital Universitario da Coruña © Sergas

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.