A unidade popular das Marchas busca encher o Obradoiro este sábado

Vista xeral da praza do Obradoiro polo 29N CC-BY-SA Praza Pública

As Marchas da Dignidade volven este sábado á rúa para reclamar de novo "pan, traballo e teito". O movemento, que agrupa máis de setenta organizacións sociais, veciñais, sindicais ou políticas -e que é apoiado por outras moitas- volverá intentar "encher o Obradoiro" como xa fixera hai case un ano aquel 29N

Apoiados por toda a esquerda rupturista, a oposición parlamentaria allea ao bipartidismo e as mareas cidadás e de moitas vilas, o 22M galego insiste en que "segue a haber condicións obxectivas para saír á rúa", que é "o verdadeiro lugar para o que naceron as Marchas". "A maioría social sofre porque está sendo agredida, séguese a desafiuzar xente e segue a haber un desemprego masivo; ademais, os que traballan fano nun contexto de escravitude e a presión sobre as clases populares, en forma de leis como a Lei mordaza, continúa", di Manuel Camaño, voceiro do movemento, que insiste en que "este horizonte totalitario obvio tan só se pode parar nas rúas". 

"Segue a haber condicións obxectivas para saír á rúa, que é o verdadeiro lugar para o que naceron as Marchas"

O acto final será a mobilización coa que se pretende ateigar o Obradoiro, este sábado ás 12 horas. Será presentado por Quico Cadaval e nel intervirán tamén Uxía Senlle, Aspergillus de Coira ou Ameaça de Bomba, para finalizar coa lectura do manifesto a cargo do veterano e coñecido activista coruñés Nicanor Acosta, protagonista nos últimos días polo recurso presentado á última sanción de 600 euros recibida por intentar paralizar o desafiuzamento da anciá Aurelia Rey. Antes, as tres columnas (a sur-suroeste, a norte e a este-sureste) xuntaranse respectivamente ás 11 no Eroski da Volta do Castro, en Salgueiriños e na rotonda do Castiñeiriño para camiñar xuntos cara á praza. 

Será alí onde se faga tamén unha reivindicación da "unidade popular" que "berra a súa dignidade na rúa" e unha nova mostra de forza do movemento "máis amplo e diverso non só no Estado, senón tamén en Galicia", tal e como lembra Camaño, que advirte que "moi posiblemente, hai máis unidade popular na rúa que nos despachos políticos". 

"As Marchas son un exemplo da construción da pluralidade para medrar e sumar.. Teremos que pensar porque noutros ámbitos non é así"

"As Marchas son un exemplo, imperfecto, pero un exemplo da construción na pluralidade para medrar e sumar... Terémonos que pensar porque noutros ámbitos non é así", insiste o voceiro do 22M galego, que destaca o "traballo complexo que moita xente fai mentres outra non está onde ten que estar, senón practicando o ilusionismo que creo que terá unhas consecuencias tremendas o vindeiro 21 de decembro", di. "Daquela se cadra acéndesenos a bombilla", insiste tras recordar tamén a diferente intensidade no apoio dunhas e doutras formacións á convocatoria. 

Entre as súas reivindicacións, as Marchas da Dignidade volverán reclamar que non se pague a débeda ilexítima, o dereito á vivenda, os dereitos para as persoas migrantes ou a retirada da reforma laboral. Ademais, volverán berrar pola defensa dos servizos 100% públicos e de calidade, pola independencia da xustiza, contra o TTIP, a corrupción, o fracking e a Lei mordaza ou a prol dunha "economía ao servizo do pobo". E reclamará, tamén, xustiza para as vítimas de Angrois. 

"As Marchas non son nin unha ilusión nin unha ocorrencia", reiindica Camaño, que considera "incomprensible" que a mobilización na rúa non se produza máis a cotío nos últimos tempos, "seguramente froito das pulsións políticas". "Este sábado non imos conquistar nada, pero a loita seguirá... As Marchas naceron para estar na rúa e para manter unha mobilización sostida e con perspectiva", insiste quen advirte que "non hai unidade popular se non hai unidade obreira na rúa". 

Dominio Público Praza Pública
Nicanor Acosta, ante os xulgados CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.