O conflito sanitario enquístase no sur de Galicia

Cabeceira da manifestación en Vigo CC-BY-NC-SA CCOO

A sombra de Rocío Mosquera é alargada e a da xestión sanitaria do actual Goberno galego, aínda máis. O novo conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, vén, non por casualidade, do sur do país e ten no sur unha das súas principais frontes herdadas e abertas. En apenas corenta e oito horas dúas mobilizacións lembráronlle ao exalcalde de Baiona que a comunidade sanitaria en Vigo e Pontevedra segue coas súas reivindicacións máis que vixentes, con fortes críticas ao modelo de xestión do novo hospital Álvaro Cunqueiro, no caso vigués, e coa reclamación de que o hospital de Montecelo sexa ampliado, todo isto sobre a base do modelo de xestión pública.

A marcha de Vigo celebrouse este domingo e, aínda que non foi, nin de lonxe, tan numerosa como a do pasado setembro, si serviu para manter acesa a reivindicación que o persoal do novo centro hospitalario mantén practicamente a diario. Tras dous meses de deficiencias -que o novo conselleiro asegura estar disposto a subsanar-, a Xunta de Persoal concibiu a protesta como unha camiñada dende o centro da cidade ata o centro hospitalario para "seguir a reivindicar unha sanidade pública de calidade e amosar o seu rexeitamento ás privatizacións"-.

O persoal do Álvaro Cunqueiro admite un "talante diferente" no novo conselleiro, pero "non solucionará nada se aplica a mesma política"

Neste sentido, dende sindicatos como a CIG Saúde ou CC.OO. lembrouse que as críticas ao modelo de colaboración público-privado están sustentadas nos "recortes en camas ou quirófanos", en verbas de Ángel Cameselle, de Comisións. As empresas concesionarias do complexo -que absorberán en 2016 a metade do incremento do orzamento de Sanidade- só buscan, para a representación do persoal da Área Sanitaria de Vigo, un "beneficio propio" que xa se manifestou en episodios como as filtracións de auga ou a carencia de equipamentos axeitados para os laboratorios. O novo conselleiro, admiten, amosa un "talante" ben diferente ao de Mosquera, pero "non solucionará nada se aplica as mesmas políticas".

Carta de Lores

Os berros a prol da sanidade pública escoitáronse tamén o venres en Pontevedra, onde se mantén a reivindicación de que, no canto de construír un novo hospital en Monte Carrasco, se amplíe o actual de Montecelo, sempre dentro do sistema público. Trátase, din dende SOS Sanidade pública, de subsanar as "deficiencias" do actual centro e de amplialo para adaptalo ás necesidades da cidade e do seu entorno. "Non queremos un hospital en mans privados que reproduza o que sucede no Álvaro Cunqueiro de Vigo", din.

A manifestación de Pontevedra esixiu o hospital único en Montecelo

As reivindicacións que saíron á rúa nesta manifestación fóronlle trasladadas tamén a Vázquez Almuíña polo alcalde pontevedrés, Miguel Anxo Fernández Lores, que nunha carta lle vén de detallar ao conselleiro que "a cidade está especialmente preocupada pola deriva que a sanidade pública está a levar na área sanitaria norte da provincia". O rexedor solicítalle unha entrevista ao conselleiro para "abordar as decisións estratéxicas" da Consellería en Pontevedra, especialmente "o interese por desbotar o non nato proxecto de hospital único de Monte Carrasco, e recuperar o demandado proxecto de Hospital Único de Montecelo, do que xa existían estudos técnicos, consignación económica, plan director e terreos".

Manifestación en Pontevedra © Concello de Pontevedra

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.