O Arcebispado esgrime que é propietario dos terreos que reclama o Concello da Coruña

Igrexa de Santiago, na Coruña CC-BY-SA Zarateman

O Arcebispado de Santiago de Compostela asegura que os terreos que lle reclama o Concello da Coruña son da súa propiedade. Así o asegura logo de que o goberno local coruñés lle reclamase xa por escrito que rectifique a inmatriculación que fixo de parcelas "de dominio público municipal", tal e como adiantou Praza

O Arcebispado de Santiago asegura que os terreos que lle reclama o Concello son da súa propiedade

O departamento de Patrimonio do Concello detectou, segundo a circular enviada ao Arcebispado, máis de 1.300 metros cadrados de terreo colindantes a tres centros parroquiais rexistrados polas autoridades eclesiásticas malia seren áreas propiedade da administración local. A Arquidiocese de Santiago responde asegurando que "non recibiu ningunha comunicación oficial por parte do Concello da Coruña a respecto dos terreos dos tres templos aludidos nas informacións", pero aclara despois que "a documentación sobre o inventario que obra en poder do Arcebispado acredita, en calquera caso, a titularidade eclesial dos terreos dos tres templos". 

"A documentación sobre o inventario que obra en poder do Arcebispado acredita titularidade eclesial dos terreos dos tres templos", di a Igrexa

A Área de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda do Concello enviou este luns ao Arcebispado unha circular na que "insta" a Igrexa "á rectificación voluntaria da inmatriculación" de tres terreos ao seren de propiedade municipal e estar rexistrados no catastro como se fosen da autoridade eclesiástica.

As reclamacións refírense a unha praza fronte á parroquia da Resurrección situada no Barrio das Flores e que ocuparía 678 metros cadrados, así como unha zona das rúas achegadas e máis o adro ou praza situadas xunto á Igrexa de Santiago e á colexiata de Santa María, ambos os dous espazos na Cidade Vella e que ocuparían 256 e 470 metros cadrados respectivamente.

A Igrexa inmatriculou indebidamente, segundo o Concello, máis de 1.300 metros cadrados de terreo colindantes a tres templos

O Arcebispado, consultado por este diario, aclara que "no caso dos adros dos dous templos da Cidade Vella, é evidente que ambos os dous espazos son de uso público, pero de titularidade eclesial", mentres que no que se refire ao templo da Resurrección, no Barrio das Flores, asegura que "os rexistros de propiedade eclesiástica circunscríbense única e exclusivamente á edificación parroquial, sen que se rexistrase praza ningunha, tal e como aparece nas informacións". 

O Concello, tal e como explica na circular enviada, recolleu información sobre as inmatriculacións feitas pola Arquidiócese de Santiago "por se puidesen incluírse espazos de dominio público local". Examinados os arquivos municipais, a Técnica de Administración Xeral do Departamento de Patrimonio Urbanístico comprobou que se inmatricularan espazos que eran de propiedade municipal. Fontes do executivo local insisten en que a Igrexa se "auto-adxudicou" terreos alleos e poñen o exemplo da parroquia do Barrio das Flores, onde "só o perímetro do centro lle corresponde á autoridade eclesiástica, aínda que apareza rexistrada como propiedade súa moito máis espazo". 

As inmatriculacións indebidas que reclama o Concello terían sido feitas tras a modificación legal do goberno de Aznar que permitiu á Igrexa a inscrición de milleiros de parcelas

O Concello coruñés dá un prazo de dous meses á Igrexa para que proceda á rectificación das inmatriculacións indebidas, tendo o Arcebispado de Santiago quince días para presentar alegacións. No caso de non haber resposta, a administración local acudirá á vía xudicial.

En todo caso, todo parece indicar que esta inmatriculación indebida de terreos municipais por parte da Igrexa xorde dunha reforma da lei hipotecaria de 1998 durante o goberno de Aznar, que lle permitiu en exclusividade inscribir lugares de culto e outras propiedades que non estivesen rexistradas. Chegou a rexistrar unhas 4.500 propiedades en todo o Estado ao seu nome aproveitando que as certificacións e testemuñas que esixía a burocracia foi substituída por unha simple certificación do Bispado sen necesidade de posuír título de dominio ningún sobre o ben. Un dos casos máis polémicos foi o da Mezquita de Córdoba.

Praza ante o centro parroquial no Barrio das Flores da Coruña © arquitecturadegalicia
Homilía do arcebispo Julián Barrio © Concello de Santiago

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.