Hai uns días dábamos conta da campaña de captación de pacientes iniciada por Povisa e das críticas expresadas polas plataformas en defensa da sanidade pública de Vigo e Morrazo. En efecto, do 1 ao 30 de novembro usuarios e usuarias da sanidade pública do Morrazo, Val Miñor e de Coia poden escoller o seu hospital de referencia. E se o pasado ano as listas de espera que habitualmente presenta Povisa e a súa menor oferta de servizos fixeron que unhas 4.500 persoas escollesen cambiar cara á sanidade pública, nesta ocasión as evidentes deficiencias do novo hospital Álvaro Cunqueiro están animando a moitos a facer o camiño contrario. Segundo cifras ofrecidas por Posiva, máis de dúas mil persoas xa solicitaron adherirse aos seus servizos, polos que o SERGAS lle paga 75 millóns de euros anuais.
Os rexedores de Bueu, Cangas e Moaña fixeron unha declaración "en defensa dunha sanidade 100% e de calidade" e rexeitando que "a veciñanza do Morrazo cambie o seu centro de referencia sanitario por Povisa"
As plataformas en defensa da sanidade pública, que este xoves celebran unha charla en Cangas, conseguiron mobilizar tamén a varios alcaldes. Este mércores os rexedores de Bueu, Cangas e Moaña: Félix Juncal (BNG), Xosé Manuel Pazos (ACE) e Leticia Santos (BNG), fixeron unha declaración "en defensa dunha sanidade 100% e de calidade" e rexeitando que "a veciñanza do Morrazo cambie o seu centro de referencia sanitario por Povisa". Reclamaron "un servizo de transporte directo ao Álvaro Cunqueiro" e destacaron que esta falta de transporte ata o novo hospital para os habitantes da zona do Morrazo repercute en que a veciñanza “estea atemorizada á hora de decidir o seu centro de referencia”. Os alcaldes criticaron neste senso "as trabas que a Xunta de Galicia lle está a poñer aos veciños e veciñas do Morrazo para adscribirse ao novo complexo hospitalario" e denunciaron a campaña iniciada por Povisa, que cualificaron de "paternalista".
Para Manuel Martín, as deficiencias no Álvaro Cunqueiro "están xerando un descrédito da sanidade pública de Vigo" e "Povisa é o gran beneficiario desta situación"
Manuel Martín, voceiro de SOS Sanidade Pública, sinala que as deficiencias no Álvaro Cunqueiro "están xerando un descrédito da sanidade pública de Vigo" e "Povisa, ao que lle acaban de renovar o seu concerto singular, é o gran beneficiario desta situación". Manuel Martín explica que "o pasado ano as plataformas de SOS Sanidade Pública de Vigo e O Morrazo fixemos unha campaña para explicarlle á xente as vantaxes de cambiar cara aos hospitais públicos, porque os servizos que ofrece Povisa son peores que os que ofertan os centros públicos, e conseguimos que 4.500 persoas cambiaran de hospital, o que lle supuxo a Povisa unha perda de dous millóns e medio de euros".
"Só faltaría que o compadreo entre Povisa e o SERGAS fixese que Povisa se lucrase dunha situación que eles mesmos contribuíron a crear"
"Neste momentos Povisa, como está vendo que a xente está descontenta e alarmada coa situación do novo hospital público, está tentando recuperar os clientes que perdeu o ano pasado e captar outros novos", engade, salientando que "só faltaría que o compadreo entre Povisa e o SERGAS fixese que Povisa se lucrase dunha situación que eles mesmos contribuíron a crear". O voceiro e SOS Sanidade Pública explica que "hai xa moitos anos que Povisa parasita a sanidade pública de Vigo. Conseguiu, primeiro, que o hospital Meixoeiro, que abriu nos anos oitenta, tivese menos servizos dos que inicialmente estaban previstos (maxilofacial, unidade da man, unidade de queimados...), servizos que foron incorporados a Povisa. Conseguiu que se lle quitasen ao novo hospital público 400 camas, que son precisamente as que eles teñen, condicionou o desenvolvemento do hospital. Conseguiu, ademais, salvar da quebra, grazas ao concerto singular, facéndose coa atención dos cidadáns de Cangas, Moaña, Val Miñor e Coia, sen pedirlles permiso".
"Povisa ofrece moitos menos servizos que o hospital público. Sería unha insensatez que os cidadáns cambiasen a Povisa"
Que atención pode atopar unha persoa que escolla Povisa como hospital de referencia? Segundo SOS Sanidade Pública, "Povisa ofrece moitos menos servizos que o hospital público e é imprescindible que a opinión pública coñeza cal é a súa realidade. Carece, por exemplo, dos servizos de obstetricia, de hemodinámica, de cirurxía cardíaca ou de psiquiatría. Povisa ten un 16% menos de camas que o servizo público e ten un 30% menos de médicos por cama que o hospital público. É un hospital que ten, ademais, 157 días de espera cirúrxica media, fronte aos 65 da media dos hospitais públicos". Conclúe que "sería unha insensatez que os cidadáns cambiasen a Povisa ou volver a Povisa. O que deberían facer é cambiar cara aos hospitais públicos. Somos conscientes de que o hospital público ten problemas, pero hai unha gran batalla cidadá e profesional para arranxar esa situación, recuperando o centro para a xestión pública, e dotalo dos recursos que os recortes do PP lle quitaron".
Uns problemas que SOS Sanidade Pública segue denunciando en cada nova intervención pública: "Vigo ten nestes momentos unha situación complicadísima"-explica Manuel Martín- "O novo Hospital Álvaro Cunqueiro é un desastre por culpa dos recortes introducidos e a redución dos seus recursos. Isto está provocando problemas gravísimos para os pacientes, mesmo para chegar alí: hai un parking de pago, os transportes públicos son moi deficientes..., e a calidade asistencial que se presta é mala". "Os propios xefes de servizo acaban de manifestalo, aínda que deberían telo feito hai xa un tempo", engade.
As contas de Povisa
A entidade subliña que na última década os fondos que recibe da Xunta en virtude deste concerto creceron notablemente. Se en 2001 eran 46 millóns de euros, en 2005 eran xa 56, convertidos en 72 en 2009 e en 75 millóns na actualidade
Grazas ao convenio asinado co Sergas, Povisa recibe cada ano case 75 millóns de euros do orzamentos da Xunta, ao redor de 535 euros por cada unha das tarxetas sanitarias das que o centro se fai cargo, unhas 139.000. Esta cantidade é mesmo superior ao canon do novo hospital Álvaro Cunqueiro (72 millóns anuais). Porén, o número de camas que ofrece Povisa (405) non chega á metade do novo centro (858). SOS Sanidade Pública denuncia que se trata do concerto máis caro de todo o Estado Español, en parte motivado pola insuficiencia de infraestrutura pública alternativa na área sanitaria, que incrementa o poder negociador deste centro privado.
A entidade subliña que na última década os fondos que recibe da Xunta en virtude deste concerto creceron notablemente. Se en 2001 eran 46 millóns de euros, en 2005 eran xa 56,4, convertidos en 72,2 en 2009 e en 75 millóns na actualidade. A plataforma lembra tamén que o Consello de Contas sinalou que Povisa facturaba varias veces os mesmos servizos ou que concentraba a súa área de negocio no máis rendible, en detrimento da atención aos cidadáns. Ademais, resultaba imposible saber se os cartos públicos se empregaban para financiar a atención aos pacientes do Sergas ou se tamén pagaban a atencións aos usuarios da parte privada.
Manuel Martín denuncia igualmente a "connivencia" entre os dirixentes do SERGAS e os deste centro privado: "Non hai que esquecer que Rocío Mosquera, que liderou o proceso de deconstrución do novo hospital, foi -ata que foi nomeada xerente do SERGAS- xerente do hospital que o grupo A Nosa Terra (o mesmo grupo de Povisa) ten en Santiago. Había un claro conflito de intereses, non sabiamos se estaba traballando para o SERGAS ou para Povisa".
Martín alerta, finalmente, das sospeitas que SOS Sanidade Pública ten sobre o futuro de Povisa que podería ser adquirido por algún gran grupo privado ou fondo de investimento
Martín alerta, finalmente, das sospeitas que SOS Sanidade Pública ten sobre o futuro de Povisa que podería ser adquirido por algún gran grupo privado ou fondo de investimento, como CVC-Capio ou Centene. CVC-Capio, fusionado recentemente con Quirón, fíxose hai unhas semanas co Hospital Miguel Domínguez de Pontevedra. O pasado ano era HM Hospitales o que mercaba o Grupo Hospitalario Modelo, na Coruña. "Esta xente é moi perigosa", advirte Martín, que sinala que "coa garantía de ingresos que o concerto lle ofrece a Povisa durante dez anos, é unha grande oportunidade de negocio para estes grupos".