"Non hai interese real en acabar coa violencia de xénero"

Rosa Fontaíña Pazos, primeira pola esquerda © AGEe

A Rede de Mulleres Contra os Malos Tratos de Vigo é un dos primeiros lugares aos que moitas mulleres que sofren violencia machista acoden en busca de axuda. É algo así como unha primeira trincheira que ten que facer fronte a situacións moi duras e que ofrece información, consello á hora de realizar trámites xudiciais ou administrativos e unha colaboración e seguimento constante de todos os casos. Están aí. A súa coordinadora, Rosa Fontaíña Pazos, leva anos levando a cabo este labor, con moita vontade e poucos medios. Participou esta semana na xornada organizada por AGEe no Parlamento europeo sobre O sesgo machista na aplicación das políticas: O caso da xustiza, onde denunciou as dificultades que sofren as vítimas nos procesos xudiciais.

"Fálase moito, sácanse leis, prométense moitas cousas, pero a realidade é que as mulleres contan con moi poucos recursos. Son parches, nada máis que parches que non serven para nada"

"No encontro" -di- "todas concluímos nunha cousa: o sistema non funciona e hai unha falta de interese en solucionar o problema por parte das autoridades. Non hai un interese real en acabar coa violencia de xénero". "Fálase moito, sácanse leis, prométense moitas cousas, pero a realidade é que as mulleres contan con moi poucos recursos. Son parches, nada máis que parches que non serven para nada, para amosarlle á cidadanía de que se están facendo cousas. A realidade, o día a día, demostra que os recursos son totalmente insuficientes", denuncia, engadindo que "se houbese un interese real, daríanlle a formación necesaria ás forzas de seguridade e aos servizos sociais". 

Fontaíña esixe que todos eles teñan "unha formación específica e continuada en violencia de xénero" e explica que hai múltiples aspectos que fallan, sobre todo na atención á hora de denunciar. "Cando unha muller chega á comisaría para poñer unha denuncia, debe ter un axente de policía experto en violencia de xénero e que se faga cargo de que a muller entendeu o que se lle está explicando", di. En moitos casos, as mulleres non son informadas de que teñen dereito a ser asistidas por un avogado ou avogada e, en ocasións “as forzas de seguridade crean desánimo nas mulleres ou lles comentan que a persoa avogada pode demorarse horas”, afirma.

“Alguén se preguntou algunha vez por que as mulleres moitas veces non queren declarar despois de denunciar á súa parella ou de que esta sexa detida por un caso de violencia machista? A lei permite que o suposto delincuente hoxe en día poida facer unha chamada desde os calabozos secreta para dicir onde está. O que está pasando é que eles fan esa chamada ás mulleres ameazándoas con que se falan irán a por elas", denuncia.

“É necesario que se empreguen linguaxes sinxelas e que todas as persoas poidan entender para non crear máis trabas", sinala. "Ás veces as mulleres chegan aquí, á asociación, sen saber nin sequera que xuízo tiveron, porque os avogados e avogadas non lles explican nada, ou dinlles catro cousas en linguaxe xurídica, que as mulleres non entenden", explica. 

"Non pode ser que os políticos, que non fan nada, que sacan leis daniñas, que non se preocupan en absoluto de como viven estas persoas, saian despois lamentando os asasinatos"

A coordinadora da Rede demanda igualmente a promoción da "intervención integral, facilitando o acompañamento social ás mulleres en todos os trámites que necesiten, potenciando a rede social e de axuda mutua”. "Os atropelos que sofren as mulleres son evitables. Pódense evitar os asasinatos. Hai que educar? Por suposto. Pero agora o que temos que facer é poñerlle solución a isto que temos enriba da mesa a todo este drama", salienta.

Rosa Fontaíña denuncia tamén a "dobre moral" que di ver en moitos representantes políticos: "Habería que rematar con todo ese teatro en relación a este tema. Non pode ser que os políticos, que non fan nada, que sacan leis daniñas, que non se preocupan en absoluto de como viven estas persoas, saian despois lamentando os asasinatos".

"O máis urxente é que cando unha muller chega ao xulgado, esa muller necesita uns recursos para vivir e unha vivenda digna. Desde xa. Non solicitalo e agardar ás resolucións burocráticas para vivir ela e os seus fillos dun paquete de caridade"

Cal é a medida máis urxente que habería que aplicar para loitar contra a violencia de xénero? "O máis urxente é que cando unha muller chega ao xulgado, esa muller necesita uns recursos para vivir e unha vivenda digna. Desde xa. Non solicitalo e agardar ás resolucións burocráticas para vivir ela e os seus fillos dun paquete de caridade", explica. "É unha vergonza o que sucede nos xuízos" -engade- "Hai mulleres que perden o traballo. Porque non todos os xefes nunha empresa privada lle deixan a unha muller ir ao xulgado un día e outro. Hai mulleres con 20 ou 30 denuncias. E, claro, acaban perdendo o traballo".

 

O traballo diario na Rede de Mulleres

"Cando chega unha muller onda nós, facémoslle unha primeira atención e miramos que precisa. Nós coñecemos historias que non sabe ninguén, porque somos quen primeiro recibimos a estas mulleres. E moitas veces as autoridade nin queren saber destas historias", explica Rosa Fontaíña. "Facilitámoslle información, se ten orde de afastamento solicitámoslle as achegas da Xunta, poñémola nunha terapia grupal para que coñeza outros casos e outras persoas", di.

"Facemos un seguimento de todos os casos, colaborando cos psicólogos e mirando en cada momento que lles pode facer falta. Estamos aí"

"Non as forzamos a denunciar inmediatamente, porque é a muller a que vai ter que soportar despois as consecuencias da denuncia. Hai que mirar como está a situación, se a muller está en condición de denunciar ou non, e non enganala, ten que ser consciente do que vai ter que pasar e coa axuda que vai contar. Ela ten que decidir", sinala. "Por suposto, se hai unha situación se perigo, acompañámola inmediatamente á comisaría. Acompañámolas tamén aos xulgados e aos xuízos, para que non estean soas, e para ver o trato que lles dan alí. E facemos un seguimento de todos os casos, colaborando cos psicólogos e mirando en cada momento que lles pode facer falta. Estamos aí", engade.

"Temos falta de persoal, e todo é a conta do esforzo voluntario dunhas persoas que estamos aí. Non pechamos nunca. No verán tiñamos aberto de nove da mañá a nove da noite para que as mulleres puidesen achegarse a calquera hora", salienta.

"A xente ten que saber o que está pasando. Que estamos facendo cos nenos e nenas? Que homes e mulleres do futuro imos ter, educados por maltratadores, por delincuentes?"

Salienta igualmente os efectos que a violencia machista teñen sobre os nenos e nenas, un tema que tamén tratou Estrela Gómez Viñas (AGAMME) na xornada do Parlamento europeo. "No 2014 o 83% das mulleres que atendemos tiñan fillos e fillas, vivindo nunhas condicións moi malas", destaca Rosa Fontaíña. "Miras esas criaturas, hoxe aquí, mañá alí, o pai que as maltrata cando van con el, despois resulta que os testemuños das nais non son cribles, despois os nenos e nenas xa non saben que facer, rebélanse contra a nai, acáballe pegando", sinala. "A xente ten que saber o que está pasando. Que estamos facendo cos nenos e nenas? Que homes e mulleres do futuro imos ter, educados por maltratadores, por delincuentes?", pregúntase.

"En igualdade e na loita contra a violencia de xénero estamos sufrindo un retroceso moi grande"

"Parecía que avanzaramos moito, pero dende hai un tempo comezamos a perder e a perder case todo o gañado", subliña. "En igualdade e na loita contra a violencia de xénero estamos sufrindo un retroceso moi grande. Non é culpa da crise: é culpa dunhas políticas que están favorecendo a quen están favorecendo. É culpa de que falla o sistema e de que a cidadanía o acepta", di.

Rosa Fontaíña Pazos, primeira pola esquerda © AGEe

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.