"É imprescindible un pacto de país polo territorio"

Para os grupos da oposición o proxecto desprotexe especialmente a zona rural CC-BY-SA Alejandro Otero Cortizo

A pasada semana a Xunta remitiu ao Parlamento o seu proxecto de reforma da Lei do Solo para a súa tramitación, aprobada unicamente cos votos do PP, que espera que a norma estea aprobada no mes de febreiro. A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, destacou entre as virtudes do documento as de "promover e facilitar o desenvolvemento do medio rural" e tamén que "o planeamento urbanístico chegue ao 100 % dos concellos" a través dun plan básico municipal que elaborará a Xunta para os concellos de menos de 5.000 habitantes que non teñan a capacidade técnica de promover o seu propio ordenamento. Tamén defendeu que a norma será un instrumento para loitar "con contundencia legal contra o feísmo", aínda que en realidade o texto non engade ningún avance relevante neste senso con respecto á lei de 2002.

Pola contra, o proxecto presentado polo Goberno galego foi rexeitado con contundencia por todos os grupos da oposición. O PSdeG-PSOE sinalou que a norma provocará "inestabilidade e inseguridade xurídica" e que "desprotexe o medio rural", constituíndo “unha versión adelgazada da Lei en vigor, devaluada e empeorada, que elimina elementos básicos, fundamentais e positivos, en lugar de suprimir o inútil, farragoso ou innecesario”. Ademais, para os socialistas, a lei “lonxe de evitar futuros riscos e problemas, elimina a especial protección aos terreos que sufriron un incendio”.

De igual xeito, para AGE, o proxecto de Lei do Solo dálle "continuidade a un modelo territorial fracasado e obsoleto que afonda nos peores vicios do pasado", tenta “inflar unha nova burbulla inmobiliaria” e "impide a construción dun modelo económico alternativo máis sustentable e que respecte as características e necesidades propias do noso país". Pola súa banda, para o BNG, a lei proposta “desregulariza o solo”, "desprotexe o patrimonio", "provoca inseguridade xurídica" e "mantén un urbanismo contrario á realidade galega", apostando por un urbanismo “disperso cunha ocupación maior do territorio que provoca o encarecemento dos servizos”. Así mesmo, para o Bloque a norma provoca a "desprotecció do medio rural” permitindo que se urbanice máis do 80 por cento do solo rústico de Galicia.

"Hai elementos previos á Lei do Solo que hai que resolver: a organización administrativa do país, planificar a unha escala supramunicipal, facer un plan de usos do solo..."

Mesmo o Consello Económico e Social sinalou no seu recente ditame a respecto da lei que a norma rebaixa a protección do solo rústico. O CES recoñece que a lei proposta "contén aspectos positivos", por exemplo "a introdución dun plan básico autonómico" que proporciona "un instrumento útil de planeamento" aos concellos pequenos. Porén, tamén critica que a "elevada indeterminación nalgúns dos conceptos e termos empregados" podería "crear inseguridade xurídica ou derivar en situacións de arbitrariedade" e que "o solo rústico de especial protección aparece definido con menor precisión que na lei actual".

Hai uns días Antón Sánchez (AGE) debullou nun artigo moitos dos elementos que critica neste proxecto, un texto que para Sánchez "evidencia que temos un goberno incapaz para afrontar os cambios necesarios para este país nos vindeiros anos no que á ordenación do territorio e o urbanismo se refire", concluíndo que "é unha lei que segue a estar inspirada no modelo de liberalización e desregulación promovido polo Goberno do PP nos anos 90", que "non establece límites para as reclasificacións e recualificacións do solo" e que "desprotexe" o rural facilitando "calquera uso en calquera tipoloxía de solo" e fomentando "a dispersión urbanística". Falamos con el.

"Este Goberno non ten capacidade para afrontar realmente os problemas. En vez diso limítase a anunciar novas leis que non son útiles para solucionar as demandas do país"

Falta unha visión global, de ordenación integral do país?

Si. É necesaria unha verdadeira ordenación do territorio e cando falamos de ordenación territorial, hai outros elementos previos á Lei do Solo que hai que resolver: primeiro, a organización administrativa do país (áreas metropolitanas, comarcalización...), para poder facer un planeamento urbanístico a escala axeitada. Ademais, facer uns plans territoriais integrados, planificar a unha escala supramunicipal, facer un plan de usos do solo, un estudo detallado do patrimonio para asegurar a súa protección...

En definitiva, todo o que non se fixo nestes anos e que se quere substituír cunha reforma da lei anterior. Parece que este Goberno non ten capacidade para afrontar realmente os problemas. En vez diso limítase a anunciar novas leis que ao final non teñen efectos e non son útiles para solucionar as demandas do país. A realidade é que as directrices de ordenación do territorio ou o Plan de Ordenación do Litoral deixáronse completamente de lado e non teñen efecto práctico ningún.

"Neste momento unha lei debería ser moito máis restritiva na posibilidade de crear solo urbanizable e de recualificalo, e debería incidir moito máis na rexeneración e na rehabilitación"

Sinalaches que o proxecto non ten en conta todo o que sucedeu estes anos coa burbulla inmobiliaria. Supón volver cometer os mesmos erros do pasado?

A lei incide e afonda no modelo que nos levou á burbulla inmobiliaria. Nun país no que hai 300.000 vivendas baleiras, onde hai barrios urbanos que están caendo a pedazos, onde foi estragado moitísimo solo cun gran potencial agronómico, natural e paisaxístico, a figura máis relevante segue sendo a expansión urbanística. Neste momento unha lei debería ser moito máis restritiva na posibilidade de crear solo urbanizable e de recualificalo, e debería incidir moito máis na rexeneración e na rehabilitación. E esta lei pon menos restricións aínda que a anterior. Hai aínda moitas máis facilidades para reclasificar terreos rústicos, que deberían estar protexidos.

Só hai que ler o artigo 23 (“Constituirán o solo urbanizable os terreos que o planeamento considere necesarios e axeitados para permitir o crecemento da poboación e da actividade económica ou para completar a súa estructura urbanística” ) para comprobar que aquí entra todo. É una lei continuísta co modelo anterior, pero que afonda aínda máis nel, é unha lei aínda máis favorable para os promotores privados e para os proxectos inmobiliarios. Por exemplo, agora se se aumenta o aproveitamento urbanístico ata un 30% non haberá que prever máis dotación pública, nin hai que ceder plusvalías. Para nós o urbanismo debe ter unha función social e pública, e defendemos que as plusvalías deben volver ao público. Con esta lei a plusvalía queda na parte privada.

"Esta lei pon menos restricións aínda que a anterior. Hai aínda moitas máis facilidades para reclasificar terreos rústicos, que deberían estar protexidos"

Ademais, a Xunta di que na lei tenta axilizar a tramitación de plans. Hoxe a tramitación non é áxil porque non se lle dedican os recursos suficientes para tramitar as declaracións de impacto ambiental ou de impacto sobre o patrimonio. Pero eses trámites non se poden eliminar. Aquí o que se fai é poñer prazos para a tramitación de plans urbanísticos que se cadra non poden ser cumpridos polos concellos e achega unha especie de silencio positivo. Isto é moi perigoso, pode ser unha coadeira para concellos pequenos que non teñan esta capacidade.

"Hai que facer un mapa de solos de todo o país, no que se preserven os solos que teñen aptitudes agronómicas. É un recurso non renovable e que temos que protexer"

Criticas que á norma lle falta “concreción”. Tamén o CES alertou da súa "elevada indeterminación”...

A lei non pode limitarse a definir nun artigo cales son os terreos de protección agropecuaria. Debería haber un mapa de usos do solo, con suficiente detalle para poder recorrer a eles cando se faga a clasificación. Hai que desenvolver unidades administrativas a nivel comarcal, a nivel de área metropolitana, para deseñar políticas urbanísticas a unha escala axeitada. No rural esa escala axeitada non son os concellos, senón que debería haber unha escala supramunicipal. Hai que facer un mapa de solos de todo o país, no que se preserven os solos que teñen aptitudes agronómicas. É un recurso non renovable e que temos que protexer, porque Galicia ten unha balanza alimentaria negativa de 900 millóns de euros, de alimentos vexetais que compramos fóra e que non somos capaces de producir, mentres que se abandona a terra.

"Unha Lei do Solo é un instrumento xurídico. Para loitar contra o despoboamento do rural, o que necesitas primeiro é un modelo social e económico definido"

O Goberno galego defende que a lei será un instrumento para o desenvolvemento do rural. Estás de acordo?

Efectivamente, a conselleira quere vender que esta lei vai dinamizar o rural, queren utilizar a Lei do Solo como unha ferramenta económica. Pero unha Lei do Solo é un instrumento xurídico, non pode servir para dinamizar o rural, ten que facerse adaptada a un modelo económico e social previo. O que non pode ser é que renuncies a ter un proxecto de país. Para loitar contra o despoboamento do rural, o que necesitas primeiro é un modelo social e económico definido. Se o que queremos é un rural diversificado, no que se combine a actividade agraria, forestal, residencial, o turismo de calidade..., primeiro defines ese modelo e despois empregas unha lei do solo para defender os valores patrimoniais dese espazo. O que non podes é dicir que queres combinar agricultura, monte e turismo rural e despois encher todo de eucaliptos. Neste país evidentemente non hai só un problema de lexislación do solo, senón unha falta de proxecto socioeconómico. Cómpre unha visión máis ampla.

Queda máis desprotexido o rural?

O solo rústico, que é o 88% do territorio galego, queda excluído da planificación que poden facer os concellos. Queda restrinxido á planificación sectorial, por exemplo ao plan sectorial de actividades extractivas -cando se aprobe-, ao plan sectorial eólico ou ao plan de protección da paisaxe. Para entendernos: Se un concello considera que un espazo que non foi protexido por ese plan xeral de protección da paisaxe si merece esa protección como solo rústico de protección paisaxística, non poderá protexelo. Os concellos perden a súa autonomía sobre o solo rústico.

"Volve incidir en erros, como é reducir a parcela mínima edificable no solo rústico, de 5000 a 2000 metros"

Esta lei o que fai é tentar xerar expectativas económicas curtopracistas. Volve incidir en erros, como é reducir a parcela mínima edificable no solo rústico, de 5000 a 2000 metros. Permítese a demolición de construcións tradicionais no medio rural. E as edificacións anteriores a 1975 poden ser ampliadas ou cambiar o seu uso, aínda que non tiveran licencia para o uso anterior; por exemplo un galpón pode cambiar o seu uso para pasar a ser residencial. No fondo, o que se fai é volver dar barra libre.

Ademais, unha lei do solo que xere expectativas no rural de revalorización de terreos é moi negativo, porque pode facer subir o prezo das terras para a actividade agraria e volver espertar situacións de especulación, sobre todo nun contexto de crédito fácil. É unha volta atrás tremenda, sobre todo porque estamos nun momento non que non hai tanta presión e se podería repensar o modelo.

Criticabas tamén que para o PP, “o planeamento segue a ser algo abordable exclusivamente a escala municipal”. Que riscos ten isto?

A Lei ten como referencia o ámbito municipal, o que pode derivar nun reino de taifas. O urbanismo ten que ter unha función pública, orientada ao interese xeral. As inmobiliarias hai tempo que están traballando en escala supramunicipal, mentres a administración segue tomando os municipios como referencia neste tema. En vez de organizarse os espazos residenciais, industriais..., o que se consegue é que os distintos concellos compitan entre si e en ocasión dupliquen iniciativas.

"Politicamente e socialmente ten que haber un consenso, un consenso sobre como queremos vivir, como queremos producir, como nos queremos mover"

Cómpre chegarmos a un acordo de país sobre o territorio?

Si, cómpre unha mirada máis ampla, é imprescindible ese pacto de país polo territorio. Politicamente e socialmente ten que haber un consenso, un consenso sobre como queremos vivir, como queremos producir, como nos queremos mover. Porén, a actitude do Partido Popular cando se tentaron propoñer acordos de país non convida ao optimismo. Pero haberá que desbordar o político co social, haberá que facer participar á xente. O PP sempre se escusa en que se forman comisións no Parlamento a onde van expertos, pero debe participar toda a cidadanía, e iso depende de que teña a información axeitada. Temos que contar con todo o mundo para definir o modelo de país que queremos. E se estamos deseñando actuacións no rural, teremos que contar coa xente que vive no rural.

"Este goberno non foi capaz de afrontar ningún problema estrutural do país: nin a ordenación do territorio, nin o modelo enerxético que segue paralizado, nin o agro"

Estes sete anos foron dúas lexislaturas perdidas para a ordenación do territorio. Este goberno non foi capaz de afrontar ningún problema estrutural do país: nin a ordenación do territorio, nin o modelo enerxético -que segue paralizado-, nin o agro -onde vemos datos dramáticos como que no 60% das explotacións os seus traballadores teñen 50 ou máis anos, abocándonos a un peche por falta de relevo-. Hai unha completa falta de vontade e de capacidade política. Queren vender unha lei do solo feita no último minuto para facer campaña electoral.

Antón Sánchez, deputado de AGE CC-BY-NC-SA AGE
Para os grupos da oposición o proxecto desprotexe especialmente a zona rural CC-BY-SA Alejandro Otero Cortizo
Para Sánchez, a norma é incogruente cun contexto no que hai milleiros de vivendas baleiras © Capeco

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.