Defensora acusa a Xunta de poñer en "risco" a saúde das persoas sen recursos

Beatriz Figueroa, con varios deputados no Congreso CC-BY-SA Praza Pública

A Xunta pon en "risco" a saúde e integridade das persoas sen recursos e en particular das enfermas de cancro. Con esta dureza reprocha a Defensora do Pobo, Soledad Becerril, ao Executivo galego a súa nula resposta ás demandas que, en nome de moitos afectados, fai Beatriz Figueroa, que acumula máis de dous anos e medio de loita por unha maior protección dos doentes desta enfermidade. 

Faino nun escrito remitido á propia Beatriz Figueroa, a cuxo contido tivo acceso Praza, no que lle aclara a resposta da Xunta á solicitude da información que a Defensora levara a cabo tras as demandas desta avogada e xornalista galega. Ela advertira á institución das graves consecuencias do copagamento farmacéutico e da obrigatariedade para os doentes de cancro de abonar o 40% do importe dos seus medicamentos mesmo cando perciben unicamente 426 euros como subsidio por desemprego tras esgotar o paro. Así, reclamou que se promovese "unha modificación normativa que introduza cambios que teña en conta a efectos de valorar a exención, porcentaxes ou límites, tanto o nivel de renda como a duración do tratamento".

Figueroa acudira á Defensora para advertir das graves consecuencias do copagamento farmacéutico para os parados cun subsidio de tan só 426 euros

Á espera dese cambio lexislativo que non chega, a Defensora fixo unha serie de recomendacións ao Executivo central para que os perceptores desa axuda -parados e enfermos- estivesen exentos dese copagamento e mesmo advertiu á Xunta de que, malia ser unha normativa estatal a que o regulaba, a Administración galega tiña competencias para evitar ese recargo excesivo. Na súa resposta, Sanidade "sinala, basicamente, que a competencia para determinar o tipo do copagamento farmacéutico é exclusivo do Instituto Nacional da Seguridade Social (INSS)". Así, a Consellería amosa a súa "preocupación" pola situación pero insiste en que "a normativa básica estatal a que obriga aos servizos de saúde autonómicos". 

A Defensora recórdalle á Xunta que é "responsable" da prestación farmacéutica aos usuarios do servizo de saúde

A resposta da Defensora é contundente. Recórdalle á Xunta que o Sergas é "responsable de poñer a disposición dos usuarios do Sistema Nacional de Saúde en Galicia o conxunto de prestacións das carteiras de servizos, o que inclúe naturalmente a prestación farmacéutica". Ademais, advírtelle de que é certo que o copagamento instaurado "non ofrece cobertura para o recoñecemento de exención a varias situacións de vulnerabilidade", pero acláralle que da resposta dada por Sanidade "despréndese que non existen nin están previstas en Galicia medidas adicionais de garantía de tratamento integral para aqueles pacientes cuxas circunstancias socioeconómicas lles dificulte gravemente comprar os medicamentos prescritos polos profesionais médicos que os atenden". 

"Isto implica un risco para a saúde destes pacientes ante eventual interrupción non desexada do tratamento farmacolóxico que precisan, situación agravada no suposto de enfermidades máis graves, como as de natureza oncolóxica", asegura o alto comisionado, que advirte da "diferenza de criterio posta de manifesto" entre a postura desta institución e da Xunta, o que leva á "finalización da presente actuación", sen significar isto que o tema non sexa incluído no informe anual que se presenta ante as Cortes, tal e como lle recorda.

O alto comisionado aclara que non dispor de "medidas adicionais" implica "un risco para a saúde" dos pacientes con menos recursos

Xa que logo, a Defensora reprocha á Xunta que non leve a cabo medidas adicionais que garantan o tratamento integral necesario para aquelas persoas en peor situación económica, co "risco para a saúde" que implica en casos graves como os de enfermos con cancro. 

"É lóxico pensar que con eses 426 euros non se cobren as necesidades básicas e é ben duro ter que elixir entre medicarse ou comer", advirte Beatriz Figueroa, consciente das dificultades de moitos enfermos de cancro -ou doutras doenzas- que prescinden da súa medicación polo seu elevado prezo. "Se accedes a unha renda de inserción, si estás exento dese 40%, pero cobrando a mesma cantidade a través dun subsidio, non", lembra.

Sabe ben do que falta. Ela insistiu no xulgado número 3 do social de Vigo na súa causa contra o Instituto Nacional da Seguridade Social (INSS), que non lle recoñecía a invalidez. Unha reclamación que lle fora negada en tres ocasións, aínda que a xustiza acabou dándolle a razón. Veu aumentados os seus ingresos nuns 120 euros ao acadar unha pensión do 55% da súa base regulativa dos últimos anos nos que traballou. Antes cobraba 426 euros a través dun subsidios e logo de esgotar a súa prestación por desemprego, unha cantidade co que tamén fai fronte ao 40% dos gastos en menciñas.

"É lóxico pensar que con eses 426 euros non se cobren as necesidades básicas e é ben duro ter que elixir entre medicarse ou comer", di Figueroa

 

Unha loita que non se detén

Esta avogada e xornalista galega iniciara o 21 de maio de 2013 unha folga de fame e pasou logo a recoller sinaturas e presentar medio millón no Congreso dos Deputados, onde tan só o PP votou en contra da toma en consideración da súa proposta. Nela, presentada polo BNG, solicitaba a incapacidade permanente, non definitiva, para os doentes de cancro sometidos a un tratamento e mentres non se produza a súa curación a través dunha modificación lexislativa. Requiría dun cambio que nin tan sequera se empezou a tratar ante a negativa dos populares. 

Ante esta situación, acudiu ao Valedor, que deu traslado das dúas queixas presentadas por Figueroa á Defensora, institucións onde se abriron dous expedientes. Nun deles, solicita a cualificación de incapacidade permanente en persoas diagnosticadas de cancro. No outro, reclama que o copagamento farmacéutico non se aplique nos casos de enfermos graves que, ademais do seu desemprego, teñen que ver como non poden acceder aos medicamentos que lles recetan. 

Beatriz Figueroa continuará coa súa loita e, como lembra, non por ela "senón por milleiros de afectados". Este luns 14 -logo de que se adiase a xuntana prevista para o pasado xoves- reunirase coa Valedora do Pobo, Milagros Otero, na que será a súa segunda visita a esta institución e na que estará acompañada pola ex deputada no Congreso polo BNG, Olaia Fernández Davila. É este dos escasos apoios que di ter porque, recorda, "non houbo case interese de partido ningún por este tema". 

Beatriz Figueroa, ante o xulgado en Vigo Dominio Público @CIGVigo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.