Entre o 2011 e o 2015 o SERGAS perdeu 3.527 traballadores e traballadoras, principalmente a través de xubilación. Porén, a taxa de reposición do 10% imposta polo Goberno central en 2010, elevada este ano ata o 50%, limitou moito a contratación de novo persoal que puidese cubrir esas vacantes xeradas. As ofertas públicas de emprego convocadas pola Xunta sumarán unicamente 633 novos traballadores e traballadoras, polo que o sistema galego de saúde perderá case 2.900 prazas.
CIG-Saúde vén de presentar un informe no que lle demanda ao SERGAS que "cubra todas as prazas amortizadas desde 2010" e que alerta de que as escasos postos de traballo convocados son “absolutamente insuficientes” para atender as necesidades do sistema e a calidade na atención ás e aos doentes. Por exemplo, dende o 2011 perdéronse un total de 761 prazas de médicos/as, 514 de enfermeiros/as ou 547 de auxiliares de enfermaría. O sindicato conclúe no seu informe que "esta é unha ferramenta perfecta que utiliza o PP para seguir no camiño da privatización da sanidade pública".
Dende o 2011 perdéronse un total de 761 prazas de médicos/as, 514 de enfermeiros/as ou 547 de auxiliares de enfermaría
Ademais das prazas que se perderon nestes catro anos, María Xosé Abuín, secretaria nacional de CIG-Saúde, lembra que o Plan Mellora de Atención Primaria recollía unha incorporación de 1.049 traballadores e traballadoras de diversas categorías. Un Plan que, denunciou, "quedou suspendido no ano 2009 polo goberno do PP, polo que tampouco se procedeu á cobertura destas prazas". Abuín destacou especialmente a situación que se dá en Saúde Mental, “a máis esquecida e para a que nin sequera hai un plan galego”, denunciou. Sinalou, a este respecto, que si había un plan elaborado durante o bipartito que incorporaba 150 profesionais entre psiquiatras, psicólogos/as, enfermeiros/as, traballadores/as sociais e auxiliares de enfermería "e que tamén quedou no esquecemento".
Nas listaxes de contratación figuran case 6 mil celadores e celadoras, máis de 7 mil enfermeiros e enfermeiras, máis de 6 mil auxiliares de enfermaría, case 4 mil técnicos sanitarios ou un total de 796 médicos/as de familia
Abuín advertiu de que esta situación se vai "agravar no ano 2016”, pois a lei de orzamentos "mantén a taxa de reposición, aínda que no seu articulado recolla que vai ser do 100%". “Na letra pequena di que esa cobertura do 100% só vai ser das vacantes xeradas no ano 2015, polo tanto non vai a haber unha cobertura de todas as prazas vacantes producidas entre 2010 e 2014”, explicou
O sindicato pide tamén "que se identifiquen todas as prazas que están sendo cubertas por persoal eventual que son de duración superior a un ano, aínda que non figuren como prazas do cadro de persoal". En 2014, denuncia a CIG, o SERGAS realizou 100.000 contratos por días. Lembra que nas listas de contratación da Consellaría están inscritas máis de 36 mil persoas, profesionais sen praza fixa, que deben ir encadeando substitucións, sumando en moitos casos moi poucos días de traballo (e de salario) ao ano. Nestas listaxes de contratación do SERGAS figuran, por exemplo, case 6 mil celadores e celadoras, máis de 7 mil enfermeiros e enfermeiras, máis de 6 mil auxiliares de enfermaría, case 4 mil técnicos sanitarios ou un total de 796 médicos e médicas de familia.
O persoal eventual do SERGAS subliña non só as súas malas condicións laborais, que están levando a moitos e moitas a buscar traballo noutros territorios, senón tamén o impacto que isto ten sobre a atención sanitaria
O persoal eventual do SERGAS, sen praza fixa, vén denunciando a súa situación dende hai anos, subliñando non só as súas malas condicións laborais, que están levando a moitos e moitas a buscar traballo noutros territorios, senón tamén o impacto que isto ten sobre a atención que reciben os usuarios e usuarias do sistema de saúde: "Un persoal estresado e con malas condicións non pode ofrecer unha boa calidade asistencial", destacaba nunha entrevista Mayra Dorribo, representante de Sanitarios Galegos Públicos (SAGAP). "Os contratos por acumulación de tarefas permiten traballar un máximo de 180 días por ano. Non adquires ningún dereito laboral, non tes dereito a vacacións, nin aos días de libre disposición, nin aos descansos obrigados" -destacaba- "Somos moitos os que estamos traballando apenas un par de meses ao ano. Con iso non pode vivir ninguén, a xente está marchando a outros países".