0 Gardados para despois

"Un persoal estresado e con malas condicións non pode ofrecer unha boa calidade asistencial"

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


Centos de persoas concentráronse este mércores pola mañá en centros hospitalarios de toda Galicia en demanda dun cambio na política de contratación do SERGAS, criticando o abuso dos contratos precarios para cobertura de baixas e a aplicación da taxa de reposición, que está supoñendo a redución do número de prazas de persoal sanitario e, en consecuencia, unha degradación na atención e nas condicións laborais.

A CIG denuncia que o SERGAS realizou no último ano 100.000 contratos por días

As concentracións foron convocadas pola CIG, que esixe o "correcto uso de las listas pool" e que deixen de realizarse contratos por horas ou días, unha práctica que segundo Rocío Mosquera, conselleira de Sanidade, é "excepcional", pero que segundo as centrais sindicais é máis que habitual, recorrendo por sistema a instrumentos que deberían ser, efectivamente, excepcionais, coma os contratos por acumulación de tarefas. A CIG denuncia que o SERGAS realizou no último ano 100.000 contratos por días. O sindicato esixe contratos nominais (substitución dunha persoa por outra) e suprimir a taxa de reposición, coa convocatoria dunha oferta pública de emprego que cubra todas as prazas que foron amortizadas e suprimidas. CIG-Saúde considera, finalmente, que o problema "non se vai solucionar ata mudar a política de persoal e sanitaria".

María Xosé Abuín, máxima responsable do sindicato, chamou a desvincular esta política do pacto de contratación: "O pacto é un instrumento que barema méritos e confecciona listas en función destes, a única que ten competencias para os contratos é a administración que é quen decide como, cando e durante canto tempo se fan”.

Esta situación tamén foi denunciada este mércores no Parlamento. O PSdeG-PSOE denunciou "a precarización dos profesionais sanitarios que acumulan ata 26 contratos temporais distintos nun mes”. Carmen Acuña afirmou que a Xunta “atenta contra os dereitos dos profesionais”, rexeitando "as prórrogas ás que teñen dereito" e evitando repoñer vacantes “mais que con contratos lixo”. Acuña acusou o Goberno galego de "agochar un masivo recorte e un auténtico ERE encuberto na sanidade pública galega”,

Nas concentracións tamén participou o persoal eventual do SERGAS, os e as profesionais sen praza fixa e que están inscritas nas listas de contratación e que son quen están a sufrir en primeiro termo a precariedade nas fórmulas escollidas polo Goberno galego para realizar os contratos. Este persoal eventual vén denunciando dende o pasado ano esta situación, que os condena ao paro e a condicións laborais "indignas". Unha parte destes profesionais vén de crear un sindicato, Sanitarios Galegos Públicos (SAGAP) para defender este colectivo de persoal sanitario sen praza fixa e esixir unha mellora na súa situación. Falamos con Mayra Dorribo, unha das súas representantes.

Por que criticades a política de contratación do SERGAS?

A actual política de contratación do SERGAS baséase na realización de contratos por acumulación de tarefas, unha modalidade pensada para dar resposta a situacións puntuais de incrementos de demanda. Pero agora mesmo ese tipo de contratos estase utilizando para todo: para cubrir vacacións, para cubrir días de libre disposición programados, para cubrir baixas... Faise un uso abusivo deste tipo de contratos, cando o lóxico sería que as substitucións -por exemplo, se unha persoa marcha de vacacións- fosen nominais: se son 15 días, pois eu substitúo esa persoa os 15 días. Pero non é así: fanse contratos por días e varias persoas cobren esas vacacións. Os contratos por acumulación de tarefas permiten traballar un máximo de 180 días por ano. Non adquires ningún dereito laboral, non tes dereito a vacacións, nin aos días de libre disposición, nin aos descansos obrigados en función dos días e horas que traballas (por exemplo as 12 horas entre turno e turno). Ademais, non podes realizar o teu traballo de forma normal: non podes facer seguimento de pacientes.

"Os contratos por acumulación de tarefas permiten traballar un máximo de 180 días por ano. Non adquires ningún dereito laboral, non tes dereito a vacacións, nin aos días de libre disposición, nin aos descansos obrigados"

A situación, supoño, é moito peor para as persoas que non están nos primeiros postos das listas, non si?

As listas corren moi pouco. En Santiago somos 1088 persoas apuntadas na lista de contratación de enfermaría e poden estar traballando as cen ou duascentas primeiras e con contratos moi precarios. En Vigo a situación é semellante: dos 1.400 apuntados poden estar traballando trescentos. No anterior pacto de contratación había o denominado paro biolóxico: se ti estabas moi arriba na lista e traballabas un número determinado de días, durante un tempo non podías ser chamado de novo, polo que gañaban opcións os que estaban en lugares máis relegados. As listas eran máis dinámicas, polo que a xente máis nova, a que acaba de rematar as carreiras, podía comezar a traballar. Agora non: esas cen persoas que encabezan a lista traballan moito, ás veces sen descansos.

"Somos moitos os que estamos traballando apenas un par de meses ao ano. Con iso non pode vivir ninguén, a xente está marchando a outros países"

A situación era distinta antes, para todas as persoas apuntadas nas listas?

Eu hai unha década que rematei a carreira e durante moito tempo traballei de forma normal, con bastante estabilidade, traballando moitos meses ao ano, pero no último ano e medio a situación cambiou. Antes, ademais, case todas as persoas da lista conseguían traballar, e hoxe faino a cuarta parte, con sorte. E somos moitos os que estamos traballando apenas un par de meses ao ano. Con iso non pode vivir ninguén, a xente está marchando a outros países. A maior parte das persoas que rematan as carreiras nin pensa en quedar aquí.

Os contratos por días e a precariedade que sufrides prexudica a atención aos pacientes?

Como profesionais esiximos uns dereitos laborais e unha condicións dignas. Pero non é só iso: as nosas condicións, o feito de ter que ir un día a un sitio e outro día a outro, o estrés que iso provoca, a imposibilidade de conciliar a vida laboral coa familiar, que te chamen ás dúas da tarde para entrar a traballar ás tres..., todo inflúe na calidade asistencial que lles dás aos usuarios e usuarias. Isto, no fondo, é un recorte: se ti contratas menos e en peores condicións, recortas a calidade do servizo.

"Non hai transparencia: nós non podemos ver en tempo real o número de orde de chamamento, que contrato ten cada persoa, cando o comeza e cando o remata"

A conselleira de Sanidade defendeu publicamente que o sistema era transparente. Estades de acordo?

Onte a conselleira dixo que o sistema era transparente, que as listas de contratación eran públicas e que estaban baseadas nun pacto de contratación. Pero a realidade é que non hai transparencia: nós non podemos ver en tempo real o número de orde de chamamento, que contrato ten cada persoa, cando o comeza e cando o remata... Ademais, hai moitos erros nos chamamentos, tense dado o caso de que dúas persoas eran chamadas para un mesmo posto no mesmo día. Hai moita opacidade e isto ademais provoca moita rivalidade entre compañeiros, porque esta situación obríganos a estar sempre alerta.

"É unha convocatoria recadatoria: cada persoa paga máis de 30 euros de taxas para participar nun proceso no que non ten opcións. Iso si, tes que participar para poder estar o máis arriba posible nas listas de contratación"

Criticades tamén, por insuficiente, a oferta pública de emprego...

A previsión de prazas para enfermaría, por exemplo, é de entre 50 e 60, unha cantidade ridícula, cando nas últimas oposicións, só en enfermaría, se convocaron 1.100 prazas. É unha convocatoria recadatoria: cada persoa paga máis de 30 euros de taxas para participar nun proceso no que non ten opcións. Iso si, tes que participar para poder estar o máis arriba posible nas listas de contratación. Ademais, vén xente doutras comunidades autónomas, igual que nós imos a outros lugares.

Por que decidistes crear un sindicato?

Nos últimos meses tentamos dar a coñecer a nosa situación e esixir os nosos dereitos sen pertencer a ningunha organización sindical. Pero atopamos moitas trabas para facelo, polo que ao final decidimos crear un sindicato, SAGAP (Sanitarios Galegos Públicos), para poder representarnos como colectivo. Nós aínda non podemos convocar concentracións, polo que nesta ocasión decidimos unirnos á convocatoria da CIG para loitar pola sanidade pública e de calidade. Non estamos ligados a ningunha organización sindical pero tampouco estamos en contra de ningunha.

"O sistema sanitario público en Galicia era moi bo, grazas aos seus profesionais, pero na actualidade un persoal estresado e con malas condicións non pode ofrecer unha boa calidade asistencial"

A situación pode agravarse?

O gran prexudicado é o usuario e a usuaria da sanidade pública, que non reciben o servizo que merecen. O sistema sanitario público en Galicia era moi bo, grazas aos seus profesionais, pero na actualidade un persoal estresado e con malas condicións non pode ofrecer unha boa calidade asistencial. E isto pode rebentar algún día: xa sucedeu nunha ocasión o caso dun bebé que morreu en Ferrol por unha mala práctica. E o SERGAS asumiu a súa responsabilidade, porque a persoa que o atendeu non tiña experiencia con neonatos e estaba contratada por 48 horas. Non só loitamos polos nosos dereitos laborais, senón por unha sanidade pública e de calidade para todas e todos.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.