0 Gardados para despois

"Dá mágoa e vergoña que Feijóo se apodere da loita dos gandeiros"

Miguel PardoMiguel Pardo | @depunteirolo


Carrefour, DIA, Gadisa, Eroski, Lidl e Alcampo. Estas seis empresas distribuidoras accederon a un incremento no prezo do leite que recollen aos seus subministradores e que, segundo o acordado, repercutirá nos pagamentos que reciben os gandeiros por el. Case dúas semanas despois do inicio das mobilizacións -e en pleno Nadal-, os produtores gañan unha nova batalla nun conflito que seguirá no intento de consolidar "prezos dignos" que deteñan a crise que provoca o continuo peche de explotacións en Galicia. 

Carrefour, DIA, Gadisa, Eroski e Alcampo, ademais de E. Leclerc, acordaron cos gandeiros a suba de 2 céntimos no pagamento aos seus provedores

Polo momento, a Plataforma na Defensa do Lácteo Galego decidiu suspender as mobilizacións durante as festas logo de acadar acordos coa "totalidade" das distribuidoras, que subirán dous céntimos de suba aos provedores para que llelo trasladen aos gandeiros. Será o vindeiro 5 de xaneiro cando os gandeiros volvan xuntarse en asemblea para analizar se os incrementos están chegando ás granxas e avaliar os pactos acadados, logo de comprobar tamén da man das empresas o cumprimento destes acordos. Tamén no vindeiro mes, Agromuralla -o colectivo lucense que actúa á marxe dos sindicatos- comprobará se hai a mellora comprometida polas cadeas de supermercados. Mentres, deixarán os tractores aparcados na capital da provincia pero suspenderán tamén as protestas contra a distribución.

"Estamos satisfeitos porque nos reunimos cos máximos responsábeis estatais de compras destas cadeas e mesmo coa dirección destas empresas... E ademais nestas datas", lembra Óscar Pose, de UUAA e un dos voceiros da Plataforma, que lembra que "non só é complicado que accedan a reunirse, senón tamén que cendan á presión cando se trata de temas económicos". "É evidente que o conseguido é froito da presión que fixemos durante estes quince días", advirte. 

A Plataforma ve "evidente" que o conseguido é froito da presión dos gandeiros, mentres Feijóo atribúe o mérito á Xunta

Feijóo, no entanto, non cre que os resultados cheguen pola mobilización gandeira. O presidente da Xunta cre que se a distribución actúa é porque o Goberno galego "está abrindo expedientes" nun contexto no que "utilizando a marca Galega 100%, os prezos respéctanse". A versión presidencial contrasta co das grandes áreas comerciais. A última, DÍA, que nun comunicado emitido dende Madrid no serán do mércores admitiu que viña de chegar a un acordo "cos gandeiros". Foi despois de que bloqueasen o seu centro loxístico en Compostela. 

Desde a Plataforma, censuran a actitude e as declaracións de Feijóo. "Dáme mágoa e vergonza que un presidente se intente apoderar do traballo que levamos feito os gandeiros diante da distribución durante dúas semanas", di Óscar Pose, que cre que o xefe do Executivo galego "non debería rebaixarse a ese nivel". "Ten moito traballo que facer porque o que logramos son medidas a curto prazo, temporais e necesarias para poder chegar a outras a medio e longo prazo; fixémolo nós pero el ten que facer o que lle corresponde e lograr que se cumpra todo o acordo asinado en Madrid", insiste quen cre que o tamén líder do PP galego "ten que deixar de apropiarse do que non é mérito del". "Que se poña a traballar", repítelle. 

"Dáme mágoa e vergonza que un presidente se intente apoderar do traballo dos gandeiros durante dúas semanas", di Óscar Pose

A Plataforma ponlle deberes á Xunta. O primeiro, "que se cumpra o acordo en todos os seus puntos". "Se non o asinamos UUAA e SLG foi porque entendiamos que era difícil que se cumprise sen introducir garantías, pero de cumprirse todo o acordado, as consecuencias serían moi positivas e a recuperación de prezos moito maior; podería xerarse moita máis riqueza e ter un futuro máis a longo prazo", asegura quen advirte que o acadado tras a presión ás empresas de distribución "é unha medida boa pero pequena e a curto prazo". "Queda moito por facer", insiste. 

"Que se poña a traballar, queda moito por facer", recoméndalle a Plataforma a Feijóo

Sexa como for, ata seis cadeas de hipermercados chegaron a un acordo cos gandeiros logo de case dúas semanas de boicots, mobilizacións e tractoradas en varias localidades de Galcia, desde a Lugo á Coruña, pasando por Monforte ou Lalín, entre outras. 

  • DÍA: Acorda o incremento de 2 céntimos por litro de leite "recollido en Galicia por todos os subministradores" de DÍA que, asemade, será aplicado con data do pasado 1 de decembro. "De maneira obrigatoria", aseguran, este incremento debe "se trasladado por parte do provedor aos gandeiros galegos". Ademais, DÍA aposta por aplicar "un sistema de contratación que proporcione unha maior estabilidade". O obxectivo é que os gandeiros saiban canto se lles recolle e o prezo que van recibir "con temporalidade trimestral". A compañía tamén se compromete a "traballar de maneira conxunta cos seus provedores na identificación da procedencia e orixe do leite", isto é, en amosar ás claras nas súas tendas se se trata ou non de leite galego.
     
  • Carrefour: A cadea de distribución comprometuse a crear unha marca branca galega que implique pagarlles aos produtores un mínimo de 33,8 céntimos por litro, unha medida que se aplicaría nun prazo de dous ou tres meses. Ademais, pactou un incremento inmediato de 2 céntimos nos pagamentos que fai a Leche Celta e Lactalis, as dúas firmas que a provén de marca branca. Un "plan de acción" destinado a desenvolver esa marca "exclusiva" de orixe galega e o incremento de 2 céntimos aos subministradores para que chegue ás explotacións. Todo, "en virtude" do acordo lácteo asinado en Madrid, segundo explicou a compañía francesa nun comunicado.
     
  • Lidl: A empresa alemá comprometeuse a crear unha marca branca para o mercado galego, tamén co selo Galega 100%, pola que se aumentaría en 2 céntimos o importe que lle pagaría á industria, un aumento que terá que ser trasladado tamén aos gandeiros.
     
  • Gadisa: A distribuidora galega aplicou dende outubro unha suba de 2 céntimos por litro no seu leite de marca branca, Camponuestro, un incremento que foi trasladado á súa industria provedora, Feiraco, para que revirta nos gandeiros da cooperativa. Tras unha nova negociación no medio das tractoradas, a compañía comprométese a aplicar unha suba de 1 céntimo máis por libro a partir do 1 de xaneiro. Gadis tamén se comprometeu a poñer en valor a orixe galego no seu leite de marca branca, cambiando nos vindeiros meses o envase para destacar que provén de granxas e vacas galegas. Ademais, todos os seus provedores deberán indicar na etiqueta a orixe do produto. 
     
  • Alcampo: A cadea francesa comprometeuse tamén á suba de dous céntimos por litro, que será retroactiva desde o 1 de decembro, polo que a cobrarán os produtores no vindeiro mes de xaneiro. Ademais, disponse a certificar a orixe do leite que venda en todos os seus hipermercados. 
     
  • Vegalsa-Eroski: Anunciou a creación cunha nova marca branca, certificada co selo Galega 100%, que se venderá nos supermercados a 61 céntimos, 2 por riba doutros produtos semellantes. Así, Campobueno -así se denominará- venderase a un maior importe do que se venden os cartóns Eroski e Bomilk, as tradicionais marcas brancas da cadea. Xa en setembro pasado, a empresa  anunciara tamén unha suba de 2 céntimos nos pagamentos a súa industria proveedora, na idea de que eses cartos chegaran ó sector produtor.
     
  • E. Leclerc: O colectivo Agromuralla, que actúa á marxe da Plataforma, tamén chegou a un acordo con E. Leclerc, cadea de distribución cun hipermercado no centro comercial Abella de Lugo. Comprobado que vendía o seu leiteo máis barato a 60 céntimos por litro, os gandeiros presionaron ata que a empresa se comprometeu a subir cinco céntimos o prezo para que ese incremento chegue tamén aos gandeiros que traballan para os seus provedores. Os propios produtores comprobaron ese aumento ao pouco de alcanzar un acordo. 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.