0 Gardados para despois

Os gandeiros presionan a industria ante as reticencias para subir os prezos do leite

Miguel PardoMiguel Pardo | @depunteirolo


Os gandeiros afrontan nestes días datas claves para o seu futuro. Cando menos para o máis inmediato. Logo da presión exercida sobre as principais cadeas de distribución no pasado mes de decembro, as empresas accederon ao incremento de dous céntimos por litro no importe das súas marcas brancas de leite, que acabará por repercutir nas explotacións. Tras os acordos alcanzados con Lidl, Eroski, Carrefour, Alcampo ou Dia, o último foi o acadado con El Corte Inglés, que vén de comprometerse á mesma suba no pagamento ao seu provedor de marca branca, Central Lechera Asturiana. Pero falta que as indusrias sigan o camiño das áreas comerciais. E as súas reticencias parecen maiores. 

A Plataforma chega a un acordo con El Corte Inglés, que subirá dous céntimos o prezo que paga ao seu provedor de marca branca

"Esta semana será moi importante para poñer nomes e apelidos a aquelas industrias que seguen a boicotear o acordo asinado co Ministerio de Agricultura e que se negan a subir os prezos poñendo escusas", explica Roberto García, secretario xeral de Unións Agrarias (UUAA) e un dos negociadores da Plataforma na Defensa do Sector Lácteo Galego nas últimas conversas coas compañías. 

As deste xoves serán dúas xuntanzas fundamentais para coñecer as verdadeiras intencións das industrias. Unha con Lactalis e outra con Leche Celta, as dúas compañías que foron máis beneficiadas dos acordos alcanzados entre a Plataforma e as cadeas de distribución. A primeira envasa marca branca para Carrefour e Alcampo, entre outras, mentres que a segunda faino para estas dúas, pero tamén para Lidl, Eroski ou Dia. 

Lactalis non trasladou a suba do prezo, Celta só o incrementou medio céntimo e Río asegura que segue a pagar o mesmo

Así, Lactalis -unha das industrias que máis produto recolle en Galicia- xa recibiu o diñeiro da distribución coas subas acordadas, pero na liquidación que vén de facer non trasladou ese incremento de dous céntimos ás granxas nin aclarou como o vai aplicar para o leite producido e entregado en decembro. De non confirmalo, a Plataforma entende que levaría a cabo unha "apropiación indebida duns cartos dos gandeiros que a distribución xa lle entregou". E espera que aclare a situación na xuntanza.

Ademais, a Plataforma tamén presionará para que o acordo coas industrias se amplíe e non se cinga tan só ás marcas brancas. Entende que se a distribución é quen de ceder dous céntimos das súas marcas brancas, as máis baratas, a industria tamén pode facer o mesmo coas marcas propias, moito máis caras e que andan por riba dos 71 céntimos. 

Ao mesmo tempo, os gandeiros lembran que a reacción da industria debe ser axiña ante a crise pola que atravesan moitas explotacións. Por iso, insisten en que a Xunta debe actuar e presionar para asegurar que se cumpra o acordo e evitar que a crise do sector siga afogando as granxas. Os prezos do leite galego seguen a ser os máis baixos do Estado e as solucións continúan a tardar máis do necesario.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.