Dous meses. É o tempo do que dispoñen as entidades contrarias á permanencia de ENCE en Lourizán -entre elas a Plataforma Ence Fóra, o Concello de Pontevedra e partidos políticos que xa anunciaron que recorrerían a prórroga concedida polo Ministerio- para tentar frear unha decisión que aínda non é firme (contradicindo o afirmado onte polo drector de ENCE). A propia resolución comunica os prazos e os mecanismos dos que aínda dispoñen: poden interpoñer no prazo dun mes recurso de reposición ante o Ministerio ou, no prazo de dous meses, poden presentar recurso na Sala do Contencioso-Administrativo da Audiencia Nacional.
Se ENCE non leva a cabo as obras prometidas (de eficiencia enerxética, aforro de auga e calidade ambiental), a prórroga manterase, pero reducida a 50 anos
O documento no que o Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente outorga a prórroga de 60 anos a ENCE, fixa unha serie de condicións moi xenerosas para a empresa para a ocupación durante 60 anos deses 373.524 metros cadrados de dominio público marítimo-terrestre: o pagamento ao Estado dun canon de 1,5 millóns de euros anuais e a realización dunha serie de obras e actuacións ás que a compañia se comprometeu (en materia de eficiencia enerxética, aforro de auga e calidade ambiental), que debe comezar nun prazo de seis meses e rematar en dous anos. De non levar a cabo estas obras, que ENCE valora en 61 millóns de euros, a concesión simplemente se reduciría en dez anos, ficando en 50.
O documento si fixa unha serie de condicións de obrigado cumprimento para o mantemento da prórroga, que pasan esencialmente por cumprir coas disposicións fixadas na súa Autorización Ambiental Integrada e por respectar as leis medioambientais presentes e futuras. Ademais, o texto obriga a ENCE a eliminar as balsas de seguridade e de regulación.
A resolución, ademais, desestima un a un os argumentos presentados polos concellos de Pontevedra e Poio e pola Plataforma Ence Fóra. O propio Concello de Pontevedra comenta a súa sorpresa ao comprobar que a prórroga foi concedida no mesmo día (enténdese que unhas horas despois) no que o Ministerio lle contestaba ao Goberno municipal pontevedrés que as súas alegacións serían "valoradas e contestadas na resolución que poña fin ao procedemento". Polo que parece o Executivo non ocupou moito tempo nesa valoración.
A resolución basea o seu rexeitamento a varias das alegacións no informe favorable remitido pola Xunta en novembro
Entre outras cousas, a resolución sinala que o expediente de caducidade da concesión de ENCE foi xa resolto, decretando a caducidade parcial, pero non invalidando a concesión á empresa. Ademais, o Ministerio desestima as alegacións presentadas polo Concello de Pontevedra en relación aos incumprimentos e prexuízos medioambientais causados pola pasteira, e utiliza como principal argumento o informe favorable remitido pola Xunta o pasado mes de novembro. O Ministerio tamén desbota o argumento de que a prórroga vulneraría as Directrices de Ordenación do Territorio e o Plan de Ordenación do Litoral, e de novo apóiase no informe emitido polo Goberno galego.
Núñez Feijoo: "Como galego, non gusta a ubicación de ENCE"
Alberto Núñez Feijoo, preguntado na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta pola decisión do Ministerio de conceder unha prórroga de 60 anos a ENCE, afirmou que "como galego, en ningún caso me gusta o emprazamento de ENCE", para engadir a seguir que "pero se como galego me din que teño que opinar sobre o paro de centos de familias, si me posiciono a favor do emprego de centos de familias". O presidente da Xunta engadiu que dende "determinados asentos, butacas ou escanos" é "moi doado falar", pero para "a xente que vai traballar, que vende a madeira ou leva un camión" a "única alternativa" a ENCE "é o paro na cidade con máis paro de Galicia". Os datos publicados hoxe mesmo polo INE sinalan que a taxa de paro de Pontevedra (22,4%) é semellante á de Vigo e catro puntos inferior á de Ferrol.
Manifestación este venres
A praza da Ferrería será o punto de inicio da manifestación que este venres, a partir das 20.30, amosará o rexeitamento á continuidade de ENCE durante 60 anos máis en Lourizán. A marcha está convocada pola plataforma Ence Fóra!, e conta co apoio de ducias de entidades sociais, sindicais e forzas políticas. Este mesmo xoves a plataforma pendurou da fachada do Concello unha faixa co lema “Ence fóra da ría para sempre”.