O 'novo Corcoesto' vai en serio: 550.000 euros tan só para buscar ouro na Costa da Morte

Tractorada contra a mina de Corcoesto CC-BY-SA Salvemos Cabana

"Pensar que teñen pensado investir 550.000 euros en tres anos de traballando o terreo para que todo quede en nada é ser moi inxenuo". Con esta frase resumen fontes coñecedoras do novo proxecto megamineiro que ameaza a Costa da Morte os temores ante a admisión por parte da Xunta da solicitude de exploración Isabela II para buscar ouro sobre máis de 4.300 hectáreas en Santa Comba, Zas, Vimianzo e Coristanco. 

A empresa recoñece na documentación un plan máis amplo denominado 'Proxecto Zas-Santa Comba'

É só unha das fases da iniciativa do Grupo M-FM 2001, coa que pretende dar continuidade ás exploracións levadas a cabo hai xa anos coa concesión Isabel nº 6570.1 e que continuarán con outro permiso -Livia, solicitado e tramitándose- co que se poderían explorar outras 4.500 hectáreas máis na mesma zona. Son, como recoñecen, parte dun plan máis amplo denominado "Proxecto Zas-Santa Comba".

Tal e como advirte a plataforma Salvemos Cabana, e como se pode comprobar na documentación do proxecto entregada á Xunta á que tivo acceso Praza, M-FM 2001 calcula un orzamento de algo máis de 548.000 euros tan só para un período de investigación de tres anos do permiso Isabela II. Nel inclúese a realización de 34 sondaxes directas, cen catas e innumerables rozas na procura principalmente de ouro. E saben que o hai e que, aínda en pequenas cantidades, podería ser moi aproveitable ao prever nalgunhas zonas filóns de ata "5 gramos de ouro por tonelada", case o triplo da cantidade media que Edgewater prevía en Corcoesto. 

M-FM 2001 prevé investir uns 550.000 euros nos traballos de exploración que durarían tres anos

O proxecto de Isabela II e o Livia ocuparían boa parte do territorio do municipio de Zas, ademais de áreas de menor extensión nos concellos de Vimianzo, Coristanco, Santa Comba e Mazaricos. O primeiro deles será "a zona cero" da "reactivación da minería do ouro en Galicia", segundo advirte Salvemos Cabana. 

Ante estas previsións, fontes expertas na megaminería advirten que a utilización de cianuro sería case inevitable e que iso requiriría tamén unha planta de tratamento. "A posible construción dunha infraestrutura deste estilo chamaría máis iniciativas mineiras semellantes", aseguran, ademais de lembrar que o proxecto de Corcoesto "comezou da mesma maneira". "De non parar isto agora ou, cando menos, poñer a veciñanza e os concellos alerta, o problema será maior no futuro", din. 

A iniciativa, xa que logo, podería comezar axiña a mercar terreos e as leis mineiras, tal e como advirten varios colectivos ambientalistas, permiten que moitas terras acaben virando cara á empresa por prezos máis que discutíbeis. Todo engadido ás fendas, á destrución do terreo, a polución e os graves prexuízos que para as actividades económicas e o medio ambiente poderían provocar. 

O expediente deste permiso de exploración de M-FM 2001 está en período de alegacións ata metade do mes de febreiro e varias entidades anunciaron xa que alegarán, ademais de animar a administracións locais e veciños a que o fagan tamén. Segundo a documentación deste grupo construtor, no primeiro ano levarían a cabo traballos previos de investigación xeolóxica, calicatas e rozas coa súa conseguinte restauración e ensaios de laboratorio. No segundo e terceiro ano, sondaxes máis amplas, máis ensaios de laboratorio e o proxecto para o futuro xacemento.

Son todos traballos previos que seguen o camiño que tamén seguiran antes Río Narcea-Gold Mines e Edgewater en Corcoesto e que só a mobilización social puideron deter. O prezo do ouro, a niveis baixos nos últimos tempos, marcará a menor ou maior premura dunha compañía que, segundo as mesmas fontes expertas, tamén podería optar por vender ese proxecto a grandes compañías con maiores medios unha vez comprobada a súa rendibilidade. Sacyr é unha ás que sempre se alude.

Salvemos Cabana critica o silencio dos concellos afectados e advirte que actuar agora "é fundamental para reaccionar" fronte a proxectos como o de Corcoesto

"As actuacións que hoxe se realicen a nivel público son fundamentais para reaccionar fronte a proxectos extractivos coma o de Corcoesto, por iso costa tanto entender a morneza e o descoñecemento do que fan gala algúns representantes políticos respecto diso", explica a plataforma Salvemos Cabana en referencia á nula reacción dos concellos afectados. "Uns porque non queren conflito ningún e outros porque non queren saber nada", engaden fontes coñecedoras da iniciativa. "Da fase de exploración á de explotación hai só un paso e a medio prazo este recuncho de Galicia podería atoparse cun conflito socioambiental equivalente ao vivido en Cabana de Bergantiños, Coristanco e Ponteceso estes últimos anos", insiste o colectivo ambientalista.

Mapa de permisos para o 'Proxecto Zas-Santa Comba' © Salvemos Cabana

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.