0 Gardados para despois

O Papa alerta tras o escándalo de Santiago contra a "inseminación artificial" dos conventos

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


É posible que non se chegue a saber se foi casualidade ou non. Pero, aínda que fose, as verbas pronunciadas polo Papa Francisco a respecto das prácticas para ampliar as "vocacións", isto é, o número de persoas que viven nos conventos, encaixan á perfección co escándalo xurdido no convento das Mercedarias de Santiago no que presuntamente foron retidas varias mulleres de orixe india. O máximo responsable da Igrexa católica aproveitou un encontro no Vaticano con monxas e frades para desviarse do discurso que tiña previsto e alertar contra os métodos retortos para alargar os censos conventuais con vocacións estranxeiras nunha caste de "inseminación artificial".

Segundo transcribe o servizo de comunicación da Santa Sé, Francisco comezou o seu encontro cos participantes no 'Xubileo da Vida Consagrada' explicándolles que "preparara un discurso para esta ocasión" se ben lle encargou a un dos membros do seu equipo que repartise un escrito coas verbas previstas. "Prefiro falar con vós do que me veña do corazón", xustificou ante as relixiosas e relixiosos antes de comezar a improvisar.

Tras unha primeira reflexión sobre a diferenza entre "obediencia" e "disciplina" e a necesidade de que monxas e frades non esquezan o valor da "proximidade", Francisco asegurou que a el mesmo lle "custa" observar o devalo de vocacións. El, afirma, é o primeiro preocupado "cando recibo aos bispos e pregunto cantos seminaristas teñen" e eles responden "catro ou cinco" ou, como "en España", dixo dirínxose a un cardeal emérito presente no acto, "hai mosteiros, grandes mosteiros" nos que apenas restan "catro ou cinco" monxas "velliñas". Este será o caso, precisamente, do convento mercedario de Santiago, onde apenas fican media decena de monxas tras o abandono das que marcharon por intercesión da Policía.

Francisco insta as relixiosas a "acoller con seriedade" as "vocacións" estranxeiras e, ante a mingua de membros nos conventos, non empregar ningún método que non sexa "rezar con intensidade"

Esta circunstancia, advirte o Papa, fai "xurdir unha tentación" que "vai contra a esperanza". Nalgunhas comunidades, cando "o ventre da vida consagrada" torna "estéril", di, "algunhas congregacións fan o experimento da inseminación artificial". "Que fan? Acoller. E veñen, veñen, veñen... E despois, os problemas que hai alí dentro. Non. Débeselle acoller con seriedade!" Advirte. Cando se acolle persoas procedentes doutros países, caso das monxas de Santiago, Francisco insta a "discernir" se se trata de "verdadeiras vocacións" e, se non o son, non optar por ningún método que non sexa "rezar con intensidade".

O Papa alerta de que "cando unha congregación relixiosa comeza a ser máis pequena, apégase aos cartos"

Neste contexto, o xefe da Igrexa católica alerta aínda doutro "perigo" nos conventos cuxo número de membros non deixa de minguar. "Isto é feo, pero debo dicilo", advertiu: "Cando unha congregación relixiosa ve que non ten fillos e fillas e comeza a ser máis pequena, apégase aos cartos. "Pensan na vellez, que non falte isto, que non falte o outro...", se ben "vós sabedes que os cartos son o esterco co demo", díxolles. "Os cartos botarán abaixo a esperanza, entendido?", sinalou.

A contundencia das palabras do Papa sobre os métodos para captar monxas contrasta coa resposta do Arcebispado de Santiago e da propia orde Mercedaria tras o estourido do caso da presunta retención das monxas indias, que continúa o seu percorrido xudicial. Como informou este diario, a Arquidiocese compostelá negou os feitos e as Mercedarias fixeron o propio, ademais de acusar a prensa e institucións, mais ou menos sutilmente, de estar a mentir e non respectar o seu xeito de vida.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.