As Mercedarias gábanse do seu "entrañable" trato ás mulleres presuntamente retidas

Monxas dentro do convento das Mercedarias de Compostela © Arquidiocese de Santiago

As Mercedarias compostelás rachan o seu silencio. Fixérono por escrito, para defenderse ante a investigación xudicial na que son acusadas de reter contra a súa vontade tres monxas de orixe india que abandonaron o convento tras a intervención da Policía. E tamén para, aínda que sutilmente, acusar a medios de comunicación e institucións públicas de mentir sobre a súa comunidade.

Catro días despois de que eldiario.es sacase o caso á luz e mentres nos tribunais composteláns xa se asignou o caso a un xulgado -o mesmo que instruíu o caso Alvia-, as relixiosas emitiron un comunicado para "público coñecemento e aclaración" para rexeitar os feitos que se lles imputan. Dende hai "máis de quince anos", afirman, tratan de "facilitar a vida contemplativa a distintas novas vocacións estranxeiras", entre elas as mozas indias, proporcionándolles unha "formación" que se converteu en "tarefa entrañable".

As monxas acusan sutilmente a prensa e institucións de mentir e salientan que unha das mulleres que abandonou o convento chegou a ter cargos de responsabilidade nel

As que adquiriron a condición de "monxas de votos solemnes" fixérono "voluntariamente", manteñen, e "hoxe están moi integradas, levan o peso da comunidade". "Mesmo unha das que recentemente decidiu, despois dun período de discernimento, abandonar a vida monástica, foi vigaira durante seis anos". Este, explican, é o "segundo oficio en importancia na comunidade pola súa responsabilidade", e nesa etapa "mesmo" exerceu de "superiora en funcións durante un tempo".

No mesmo sentido, abondan, a mesma moza "estivo encargada posteriormente do torno conventual". Nese traballo correspondíalle "atender as comunicacións co exterior" e entrar -a través do torno- en relación con todas as persoas que acoden ao mosteiro". "Todos os cargos e tarefas intracomunitarias son elixidos democraticamente", salientan.

Contradición coa versión policial

As investigacións apuntan a retención da documentación, ameazas e anulación da "capacidade de pensar"

O relato de "oración e fraternidade", de "alegría e variedade cultural" que despregan as monxas no seu texto contrasta notablemente cos informes policiais. Os axentes chegaron a concluír que o réxime de clausura conseguiu anular "a capacidade de pensar" das mozas, que nas súas declaracións detallaron ameazas de deportación por parte da madre superiora, ademais de denunciar a retención da súa documentación ou advertencias sobre a "vergoña" que para as súas familias suporía que abandonasen a vida monástica.

Nada disto, segundo as monxas, cadra coa realidade. As informacións que transcenderon, acusan, "non reflectiron correctamente os feitos acaecidos" e por iso reclaman "respecto cara á forma de vida consagrada" tanto a "as institucións" como aos medios de comunicación. A orde mercedaria "en ningún momento" recibira información ou denuncia algunha acerca de presuntos comportamentos delituosos nos seus 300 anos de existencia", din. Por iso este episodio as enche de "perplexidade, dor e consternación", sentimentos que aliviaron as "palabras de alento" recibidas desde o Arcebispado, que tamén nega os feitos.

Monxas dentro do convento das Mercedarias de Compostela © Arquidiocese de Santiago

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.