Galicia, única comunidade litoral sen tren de proximidade

Estación de tren en Betanzos CC-BY Jose Luis Cernadas Iglesias

As protestas pola degradación do servizo convencional de ferrocarril repítense por toda Galicia. As de Tui (que perde unha das dúas frecuencias do tren Vigo-Madrid), Lugo (que viu recentemente reducidos as súas conexións con Madrid e A Coruña) e, sobre todo, as que denuncian a situación da liña Ferrol-A Coruña, son apenas as reaccións máis recentes a un proceso continuado de degradación do servizo. En 2013 o plan de racionalización executado polo Ministerio de Fomento supuxo a supresión de 104 trens á semana en Galicia, o 22% do total, e a desaparición dun total de 1.176 paradas, co peche definitivo de 20 estacións e con outras 24 que ficaron con só unha frecuencia diaria.

A situación non fai máis que empeorar, cunha redución de frecuencias e paradas que, nun círculo vicioso, converte o servizo ferroviario en inútil para moitas persoas, ao non axustarse aos horarios dos consumidores e consumidoras, reducindo os usuarios e usuarias e xustificando así novos recortes. Ademais, mentres todos os esforzos orzamentarios van dirixidos á construción de liñas de alta velocidade, as infraestruturas convencionais degrádanse sen novos investimentos ou actuacións de conservación, facendo que, por exemplo, o tempo de viaxe entre A Coruña e Ferrol (que chega a ser de dúas horas e media) ou entre Ferrol e Lugo (de 3 horas e cuarto e un custe de 20 euros) sexa moi superior ao de hai algúns anos ou décadas. Redúcense tamén os recursos humanos, a través da amortización de moitas prazas, con xubilacións e prexubilacións que non se cobren con novas contratacións. Dáse o caso, neste senso, que para o FEVE entre Ferrol e Ribadeo moitas veces non hai maquinista dispoñible, o que obriga a compañía a ofrecer un servizo alternativo de autobús, que vai percorrendo as distintas paradas e apeadeiros.

Estas e outras denuncias foron postas de relevo este venres por CC.OO., que unha vez máis defendeu a necesidade de potenciar o ferrocarril como "elemento de articulación e cohesión territorial e social", pola súa accesibilidade, coa posibilidade de ofrecer un mellor prezo aos usuarios e usuarias, e amplas vantaxes medioambientais, con menores emisións contaminantes e a redución da dependencia do petróleo. Os responsables do sector ferroviario do sindicato denunciaron que "tanto en España como en Galicia, o ferrocarril como servizo público está sufrindo notables cambios que van supoñer unha perda en extensión e calidade do servizo", afirmou Severino Rodríguez, coordinador do Sector Ferroviario de CC.OO. 

CC.OO. denuncia que a Xunta e o Ministerio de Fomento están coa súa política "expulsando os usuarios e usuarias" e utilizando "a propia degradación so servizo como escusa para pechar liñas e estacións"

Alertaron de que se está a chegar a unha situación "límite, insostible" e de que tanto a Xunta de Galicia coma o Ministerio de Fomento están coa súa política "expulsando os usuarios e usuarias", e utilizando "a propia degradación so servizo como escusa para pechar liñas e estacións". Criticaron que mentres "o groso dos orzamentos se dirixiu á construción das liñas de AVE", foron esquecidos os investimentos e a conservación das liñas convencionais e deixouse de lado, así mesmo, o transporte de mercadorías por vía férrea. "Cómpre unha aposta real polo ferrocarril", concluíu Severino Rodríguez.

Comisións esixe "recuperar as liñas e estacións pechadas e evitar máis peches no futuro", construíndo "nova liñas transversais" que se adecúen ás necesidades de mobilidade da poboación. Pide tamén "equilibrar o binomio alta velocidade-rede convencional", incrementando os investimentos para o tren convencional. Demanda "superar o falso debate de 'AVE para todos' e apostar "por un mellor ferrocarril ao servizo de toda a cidadanía". Finalmente, defende a creación en Galicia de "núcleos de proximidades ferroviarias" nas principais cidades galegas e áreas metropolitanas, é dicir o tren de proximidade do que Galicia carece, nun claro agravio comparativo do resto de comunidades autónomas do litoral, comezando por Asturias, Cantabria ou Euskadi.

 

O tren de proximidade: en todo o litoral, agás Galicia

Asturias, Cantabria, Euskadi, Cataluña, Comunidade Valenciana, Murcia, Andalucía, Aragón e Madrid contan con servizos de tren de proximidade, do que carece Galicia, sendo a nosa a única comunidade litoral da España peninsular sen este sistema. Non se trata só dunha cuestión nominal. O tren de proximidade (chamado CercaníasRodalies, Rodalia ou Aldiriak nos distintos territorios) ten un custe inferior para os usuarios e usuarias que unha viaxe equivalente nos servizos rexionais ou de media distancia cos que conta Galicia, adoita ofrecer máis frecuencias e, ademais, conta cunha maior protección ante posibles recortes (de feito, no plan de racionalización levado a cabo en 2013 as cercanías quedaron fóra do axuste decidido por Fomento).

Asturias, Cantabria, Euskadi, Cataluña, Comunidade Valenciana, Murcia, Andalucía, Aragón e Madrid contan con servizos de tren de proximidade, do que carece Galicia

A posta en marcha en Galicia do tren de proximidade é unha vella demanda social e unha vella promesa política que ata agora nunca se cumpriu. En 2012 a Xunta anunciou que a implantación deste servizo podía estar cercana, iniciando contactos co Ministerio de Fomento (que se limitou a sinalar que era "unha posibilidade") e afirmando en privado que “a cousa desta vez vai en serio”. Porén, ao igual que noutras ocasións, a opción de que as liñas A Coruña-Ferrol ou Pontevedra-Vigo se convertesen en liñas de proximidade quedou truncada.

O agravio comparativo que sofre Galicia enténdese mellor ao comparar os servizos ferroviarios cos que contan áreas metropolitanas do resto de España. Non é necesario establecer a comparación con grandes cidades como Madrid, Barcelona, Zaragoza, Valencia, Bilbao, Sevilla ou Málaga. Abonda con observar os servizos que existen, por exemplo, entre Oviedo e Avilés, Santander e Reinosa, ou nos arredores de San Sebastián e comparalos cos que unen A Coruña e Ferrol.

  Oviedo-Avilés Santander-Reinosa Donostia-Irún A Coruña-Ferrol
Trens diarios 29 8 20 5
Prezo 3,40 € 5,15 € 5 € 6,10 €
Quilómetros 33 75 98 63
Poboación (dos concellos que atravesa a liña) 320.000 250.000 345.000 420.000

Severino Rodríguez aclara que a decisión de implantar o tren de proximidade entre A Coruña e Ferrol ou entre Vigo e Pontevedra "é unicamente política", pois estas áreas cumpren con todos os criterios, tanto por poboación como por distancia que poderían facer posible o servizo. O único tren de proximidade co que conta Galicia é a liña de FEVE que une Ferrol e Ortigueira, que tamén está a sufrir unha importante degradación, falta de investimentos e conservación.

 

Demanda de solucións para o tren A Coruña - Ferrol

Severino Rodríguez aclara que a decisión de implantar o tren de proximidade entre A Coruña e Ferrol ou entre Vigo e Pontevedra "é unicamente política", pois estas áreas cumpren con todos os criterios

Tamén esta semana os alcaldes de Betanzos, Bergondo, Miño, Culleredo, Cambre, A Coruña, Ferrol, entre outros concellos polos que atravesa a liña, demandaron a implantación nestas comarcas dun servizo de tren de proximidade. Tamén o fixo o Consorcio As Mariñas. E o pleno municipal coruñés aprobou por unanimidade demandarlle a Fomento investimento para mellorar a liña da Coruña a Ferrol, para levar a cabo, entre outras actuacións, a electrificación do trazado, a conexión directa (evitando a actual espera que debe realizarse en Betanzos) ou medidas tan simples como que se permita o uso neste tren da tarxeta de transporte metropolitano de Galicia. A proposta contou mesmo co apoio do Partido Popular, de quen nos últimos anos dependeron estas decisións, tanto en Santiago coma en Madrid.

Os representantes de Comisións Obreiras cualificaron este venres de "alarmante" a situación do ferrocarril na comarca de Ferrolterra, tanto na rede de ancho métrico (a antiga FEVE) coma no caso da liña A Coruña - Ferrol

Os representantes de Comisións Obreiras cualificaron este venres de "alarmante" a situación do ferrocarril na comarca de Ferrolterra, tanto na rede de ancho métrico (a antiga FEVE) coma no caso da liña A Coruña - Ferrol. Sinalan, por exemplo, que a falta de mantemento provoca que en determinados treitos a velocidade máxima permitida é tan só de 30 quilómetros por hora. Ou que, na liña que une Ferrol e Ribadeo en moitas ocasións as viaxes son anuladas -por avarías nas máquinas ou pola ausencia de maquinistas- e subtituídas por un enlace en autobús. Critican o esquecemento xeral que sofre a zona, quedando abandonada a posibilidade de estender o eixo atlántico ata a cidade naval.

Cada vez que os horarios son modificados, como sucedeu o pasado 1 de febreiro, as frecuencias diminúen ou determinadas paradas son excluídas. Na actualidade, entre Ferrol e A Coruña chegan a pasar seis horas entre o primeiro tren directo (5.55 horas) e o segundo (13.25). Os pasaxeiros e pasaxeiras chegan a verse na obriga de facer trasbordo en Betanzos ou, coma no caso do tren Lugo-Ferrol, de ir primeiro ata A Coruña, deténdose dúas veces en Betanzos. De igual xeito, cos últimos cambios de horario, a duración da viaxe do tren-hotel de Ferrol a Madrid incrementouse en 1 hora e 35 minutos.

Resulta sorprendente observar os horarios e duracións da liña entre A Coruña e Ferrol de hai algunhas décadas, para comprobar como o servizo foi empeorando, non só en número senón tamén en calidade. En 1988, por exemplo, había seis viaxes diarias entre as dúas cidades e sete entre Betanzos e Ferrol, que se incrementaban no verán, cando entre Ferrol e Pontedeume chegaba a haber 11 trens ao día. Ademais, paradas que hoxe desapareceron ou que contan apenas con unha ou dúas frecuencias diarias tiñan aínda un servizo completo.

 

O servizo do FEVE tamén vai esmorecendo en Galicia CC-BY-SA Phil Richards
Horario de trens entre Ferrol e A Coruña no verán de 1988 (clicar para facer máis grande) © Fotos antiguas de Ferrol
Horario de trens de 1955 (clicar para facer máis grande) © Fotos antiguas de Ferrol
Vía do tren en Betanzos CC-BY-NC luscofusco
Redes de tren de proximidade en España CC-BY-SA Chumwa

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.