“A sociedade está enferma e enganada pola homosexualidade, un tema do que xa non se pode opinar”, “Os homosexuais carecen de hombría e non poden educar", “A homosexualidade é contaxiosa” ou "Non se pode permitir a parellas do mesmo sexo adoptar, posto que lles pasarían o seu mal aos seus fillos” eran algunhas das frases que o profesor da USC Domingo Neira repetía con frecuencia nas clases de Didáctica e profesión Docente, do grao de Educación Primaria de Maxisterio, nas que ademais empregaba un libro, escrito por el, que redundaba nestas ideas, relacionando por exemplo a corrupción de menores coas “vodas gay” ou a zoofilia coa homosexualidade. A situación foi denunciada hai dous anos polos seus alumnos e alumnas, xerando unha polémica que tivo repercusión en toda España.
Ante a situación xerada, a USC suspendeu a Neira de emprego e soldo no que quedaba do curso 2013-14. Porén, o docente volveu dar clase na Universidade de Santiago no curso seguinte, en concreto na materia de Deseño, Desenvolvemento e Innovación Curricular. Iso si, xa non ocupaba o posto de coordinador nin tampouco se recomendaban os seus libros na bibliografía suxerida. Parte do alumnado da facultade manifestou a súa "indignación ante o feito de que este personaxe homófobo, misóxino e racista volva campar ás súas anchas polas aulas". E Esquerda Unida sinalou que non se podía "aturar que unha institución pública como a USC integre elementos reaccionarios e retrógrados, que se forme aos mestres e mestras do futuro no odio e na discriminación, en mentiras máis propias do franquismo".
Tres das estudantes denunciadas foron encausadas, baixo unha acusación de desordes públicas, pedíndose cinco meses de cadea para eles e elas
O malestar e as protestas continuaron ao longo do curso e en maio de 2015 un grupo de 70 alumnas e alumnos realizaron unha protesta, a xeito de escrache, no remate dunha das clases de Domingo Neira, impartida na Facultade de Ciencias da Educación. A organización xuvenil Xeira manifestou nese momento que "a leve sanción que lle foi imposta por parte da USC non é suficiente" e esixiu "a súa expulsión definitiva da docencia". A USC, trala petición realizada por algúns docentes dese centro, denunciou a parte dos e das estudantes que levaron a cabo a acción.
Catro estudantes foron chamadas a declarar o pasado mes de decembro, acusadas dun delito de coaccións. Finalmente, tres das estudantes denunciadas (Antia, Atanes e Mario) foron encausadas (tras ser identificadas a través de fotografías), baixo unha acusación de desordes públicas, pedíndose cinco meses de cadea para eles e elas. Unha delas (Antía) sinala que a acción non foi violenta "en ningún momento": "agardamos ata o remate da clase, e cando só faltaban cinco minutos para o final e o profesor estaba recollendo iniciamos a protesta, con berros e cartaces, pero de forma totalmente pacífica", explica.
Critican tamén a "complicidade da directiva da USC con este docente e a súa conduta homófoba"
Os e as estudantes encausadas reiteran as súas críticas contra Domingo Neira e sinalan que "non se pode permitir que a USC manteña no seu cadro de persoal a este elemento mentres que para as persoas que nos negamos a que isto suceda se exixen penas de prisión". Ademais, engaden que "se queremos transformar a nosa sociedade para que sexa respectuosa cos dereitos sexo-afectivos das persoas temos que pór especial atención na educación. E de aí a importancia da denuncia dos comportamentos como o que vimos de describir, que se sitúan fóra de parámetros democráticos e da docencia que é responsabilidade das institución públicas". Critican tamén a "complicidade da directiva da USC con este docente e a súa conduta homófoba" sinalando que a denuncia foi formulada pola Secretaria Xeral da USC e a Vicedecana da Facultade de Ciencias da Educación.