Mobilización polos abortos sen asistencia médica na Coruña que xa recoñece o Sergas

Hospital Teresa Herrera-Materno Infantil da Coruña Dominio Público Nemigo

"Neste hospital, as mulleres soas teñen que abortar"; "unha cuña non é un paritorio" ou "que cese a tortura no Materno da Coruña". Con estas e outras consignas, medio cento de persoas concentrouse ante o rexistro do CHUAC para protestar pola situación que sufriron e sofren as mulleres que se ven obrigadas a abortos terapéuticos pasadas as 14 semanas de xestación e non teñen garantida a asistencia necesaria, nin a duha matrona nin a do persoal médico axeitado ou que mesmo deben expulsar o feto en solitario nun baño. 

Concelleiras da Marea, BNG e PSdeG acudiron á concentración que solicita "unha atención digna" ás mulleres

Convocadas pola Plataforma Galega polo Dereito ao Aborto (PGDA), que denunciou publicamente o caso que xa advertira á xerencia da área sanitaria hai sete meses, concelleiras do goberno local da Marea, do BNG e do PSdeG -ademais de membros de sindicatos e persoal médico- denunciaron a "violencia obstétrica que sofren as mulleres", reclamaron "unha atención digna" e reivindicaron "os dereitos sexuais e reprodutivos" para todas. Foi antes de que entregasen no rexistro do complexo hospitalario varios escritos no que instan ás autoridades responsábeis a que "tomen as medidas oportunas para garanir unha atención integral e de calidade".

Mentres, a xerencia da área sanitaria da Coruña recoñece que as condicións nas que mulleres no segundo trimestre de embarazo abortan no hospital público Materno Infantil "non son sempre óptimas" e anuncia que vén de abrir unha investigación sobre o caso concreto dunha paciente que relatou o seu caso publicamente  enos medios. Feijóo, pola súa banda, anunciou tamén unha investigación pero defende o protocolo que se segue en Galicia e que só garante a asistencia médica completa no caso de desprazarse a Madrid. "Calquera muller que se sinta non atendida ten dereito a denunciar", dixo, aínda que non anunciou cambio ningún. 

O director de procesos con ingreso da área sanitaria recoñece que as condicións da asistencia "non son sempre óptimas"

En declaracións á Cadena SER, Ricardo López Boullón, director de procesos con ingreso da Xerencia de Xestión Integrada da Coruña, saíu ao paso do balbordo provocado polas revelacións da Plataforma Galega polo Dereito ao Aborto. "A asistencia está garantida nunhas condicións non sempre óptimas", asumiu quen insistiu en que "é posible que poida ocorrer" cando foi preguntado polas precarias condicións que denuncian varias pacientes. 

"Os fármacos empregados para o proceso de dilatación producen un efecto demasiado imprevisto ou intempestivo e pode ocorrer que a muller teña un expulsivo no baño ou no propio cuarto", recoñeceu López Boullón. Desde a xerencia da área sanitaria coruñesa xustifican o feito de que as mulleres non sexan atendidas nas mesmas condicións que aquelas que afrontan un parto na "preservación da súa intimidade".

"Por protección psicolóxica non están no andar de hospitalización de especialistas, evitando o contacto coas mulleres que dan a luz a fillos sans", explicou o reponsable sanitario, que advirte que as pacientes que acoden a abortar "están atendidas por profesionais na área de xinecoloxía" e que reciben o tratamento "nun cuarto individual, acompañadas da súa familia ou acompañantes". "No caso de calquera patoloxía, avísase á enfermeira ou xinecólogo; non é un parto e as condicións son un pouco diferentes, pero cremos que a actuación é correcta", engade López Boullón, que insiste no "axeitado" do procedemento pero que tamén alerta de que "as responsabilidades ou actitudes persoais" dalgún profesional poden provocar "disfuncións na atención ás mulleres"

O responsable sanitario recoñece que pode haber "disfuncións na atención ás mulleres" por "actitudes persoais" dalgún profesional

Ante o relato na propia Cadena SER dunha muller que explicou as precarias condicións nas que tivo que afrontar o aborto no Materno Infantil da Coruña, a xerencia anunciou que abrirá "un proceso de información", aínda que para este "caso concreto". En canto a outra persoa que abortou soa nun baño no hospital Arquitecto Marcide de Ferrol, e a pesar de que non abrangue as súas responsabilidades, o responsable do Sergas aclara que non lle parece "normal" pero di que non lle consta "que haxa máis casos". "Non creo que sexa habitual nin teño constatación diso", explicou ante as críticas da Plataforma Galega de Dereito ao Aborto, que asegura que hai moitos máis casos en Galicia. 

"A miña obriga, ante denuncias así, é intentar averiguar cal é a realidade", insiste Boullón, que volveu anunciar unha "investigación". "Non somos infalibles e temos que chegar a unha solución e conclusión axeitada", asegurou quen quixo advertir de que "non hai protocolo de discriminación ás mulleres que abortan na Coruña". "Todo o que realizamos vai encamiñado a un maior benester físico e psicolóxico das pacientes", concluíu. 

"Houbo quen tivo que coller o feto nas súas propias mans", denuncia a Plataforma

No entanto, nun comunicado, o Sergas asegura que a atención que reciben as mulleres "está debidamente protocolizada" e que na súa asistencia "interveñen facultativos expecialistas en obstetricia e xinecoloxía". "O proceso realízase lonxe do paritorio por razóns psicolóxicas e en beneficio da paciente", insiste.

Durante a concentración deste xoves, Margarida Corral, voceira da PGDA, insistiu nos "sete meses de demora" desde que desde o Centro de Orientación Familiar e a propia plataforma se denunciaron os casos que, aclara, non son illados. "Directamente, con nomes e apelidos, e tan só nos últimos meses, sabemos de máis de dez", aclarou para insistir en que é unha problemática "que afecta a todo o sistema sanitario público galego". Así, insistiu en que ás mulleres que teñen que realizar un aborto aos tres meses de xestación "non se lles garante asistencia personalizada" e que "só se o persoal, de motu propio, accede" reciben esa atención individual. "Estanas a obrigar a inducir o parto; houbo quen tivo que coller o feto nas súas propias mans", engade, tras aclarar que, de non optar pola opción de acudir a Madrid que facilita o Sergas, "as mulleres son obrigadas a sufrir dor. Para a PGDA, os problemas xorden dunha "motivación ideolóxica". 

Ante esta situación, o Sergas terá que responder. O BNG presentou unha interpelación na que reclama do Goberno galego e da Secretaría Xeral de Igualdade abrir unha investigación sobre as condicións nas que se atopan as mulleres sometidas á interrupción voluntaria do embarazo. "É un horror, a violencia total; é intolerábel", aseguran catro deputadas do Bloque, que presentaron tamén unha pregunta en pleno. Ademais, o Concello da Coruña vén de solicitar unha xuntanza co conselleiro de Sanidade ante a “preocupación” pola atención do CHUAC.

Concentración diante do CHUAC da Coruña CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.