0 Gardados para despois

"Non houbo alternativa, obrigáronme a ir abortar a Madrid e foi todo indignante"

Miguel PardoMiguel Pardo | @depunteirolo


A polémica polas precarias condicións na que as mulleres no segundo trimestre de xestación interrompen o seu embarazo continúa. A Plataforma Galega polo Dereito ao Aborto (PGDA) advertiu que en varios hospitais públicos galegos -cando menos na Coruña e Ferrol- non se garante a asistencia necesaria, nin a duha matrona nin a do persoal médico axeitado, ou que mesmo as pacientes deben expulsar o feto en solitario nun baño. Varias afectadas relataron as súas duras experiencias e ducias delas contactaron co colectivo para contar tamén o seu caso. A Xunta anunciou unha investigación ante o recoñecemento, incluso desde o CHUAC, de que a asistencia médica completa non estaba garantida e de que puido haber eivas, pero négase a cambiar a protocolo e rexeita que os problemas se deban aos recortes ou á obxección de conciencia por parte dos profesionais. A alternativa que dá o Sergas para garantir unha asistencia médica completa e o acompañamento continuo da muller é acudir a unha clínica privada en Madrid, onde o trato disque é o axeitado, e con todos os gastos pagados. Pero nin iso parece que sexa así. 

Unha muller de Ribadeo relata como a obrigaron a ir a Madrid a abortar e denuncia que alí non houbo atención psicolóxica nin un trato especial

O último testemuño chega desde Ribadeo e os feitos relatados aconteceron hai menos dun ano, no pasado mes de abril. Aurora González, xestante de 19 semanas, tivo complicacións de saúde graves no embarazo que obrigaban a un aborto terapéutico. Desde o Sergas advertíronlle que non podería levalo a cabo no hospital de Burela, centro que lle correspondía. "Nin en ningún outro centro de Galicia; non me deron posibilidade ningunha máis que a de ir a Madrid", explica en conversa con Praza Pública

O caso de Aurora é diferente ao doutros denunciados por mulleres que relataron as precarias condicións nas que abortaron, sen persoal sanitario -cualificado ou non- ao seu lado, nun cuarto en solitario ou expulsando nun baño o feto que tiñan que recoller coas súas propias mans. Esta muller da Mariña manifestou daquela ao Sergas a súa "sorpresa e indignación" ao coñecer o protocolo que seguía o Sergas. "Non podía crer que non houbese ningún hospital en Galicia na que se me tratase, nin en Lugo nin na Coruña nin en ningures", conta. 

"Non podía crer que non houbese ningún hospital en Galicia na que se me tratase, nin en Lugo nin na Coruña nin en ningures"

Ninguén lle deu explicación. "Non argumentaron nada nin pedín moitas explicacións, máis aló de asegurarlles que me chamaba moito a atención; tes dabondo co que tes e non me sentía con forzas para montar guerras. Estaba na semana 19 e había que actuar axiña porque podía ter máis problemas", explica agora. "Imaxinei que os xinecólogos farían obxección de conciencia en Burela e non pensei nada máis", engade.

Aurora González foi unha das mulleres que decidiu falar e dar a cara, pero di saber de moitas máis que sufriron situacións semellantes, tamén na Mariña, pero que non o contaron. "As mulleres non imos contando por aí estas cousas porque intentamos esquecelo o máis axiña posible e pasar esta situación da mellor maneira que poidamos", explica quen nega que a atención en Madrid fose a personalizada e continua que asegura a Xunta.

"Disque hai un trato máis personalizado e atención psicolóxica, pero non hai empatía; é coma se foses quitar un lunar", denuncia 

"O conselleiro de Sanidade vende que se nos ofrece ir a Madrid, pero a verdade é que se nos obriga; seica alí hai un trato máis personalizado e atención psicolóxica, pero todo iso brilla pola súa ausencia, é coma se foses quitar un lunar", explica Aurora, que acusa a Clínica Isadora de "non ter a máis mínima empatía", cando menos no seu caso. "Se vas quitar unha verruga a un hospital de Galicia, trátante moito mellor", di. 

"Foi todo indignante", continúa esta muller de Ribadeo. "O primeiro que indigna é ter que ir a Madrid, que non haxa outra alternativa, pero ademais o proceso que me fixeron non tivo nada que ver co que me explicara a matrona", continúa. Segundo relata, aseguráronlle que lle ían inducir o parto, pero finalmente sufriu un legrado (aspiración). "O feto ía nacer morto, pero enteiro... Foi unha falta de respecto absoluta á miña dignidade e á vida do meu fillo", conta con crueza. 

A afectada denuncia que lle fixeron un legrado en lugar de inducirlle o parto e denuncia "a falta de respecto absoluta" que sufriu na clínica

Ademais -"aínda que iso é o de menos", aclara-, denuncia que a Xunta tampouco lle cubriu todos os gastos. Si pagou o tratamento, pero tan só lle abonou algo máis de 80 euros polos custos de desprazamento, 1.200 quilómetros entre ida e volta que fixo no seu propio coche. "Gastei máis de 400 entre a viaxe e as comidas". Segundo di, presentou todos os xustificantes, mesmo os tíckets da farmacia onde comprou os medicamentos ou os das peaxes. 

Non e o máis importante, obviamente. Para Aurora, o verdadeiramente "indignante" é que o sistema sanitario público de Galicia non ofreza a opción de levar a cabo o aborto terapéutico nun centro público -coma no seu caso e os doutras compañeiros que coñece- ou que, cando se ofrece, sexa nas condicións que denuncian desde A Coruña ou Ferrol. Agora, di que decidiu contalo para que se saiba a situación e supón que "empezarán a saír máis casos". Con todo, sabe que non é doado facer público o relato. "A min, animicamente, ségueme a costar moito", remata.  

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

A Deputación presentará unha moción para esixir o cumprimento dos protocolos internacionais

A Deputación da Coruña instará a que se abra unha investigación sobre a atención ás mulleres que, por algunha circunstancia ou complicación no embarazo, deben realizar abortos nas áreas sanitarias do CHUAC e o CHUF e esixirá "que se cumpran os protocolos internacionais". Foi o compromiso ao que se chegou o luns na xuntanza con representantes da Plataforma polo Dereito ao Aborto da Coruña que presidiu a vicepresidenta da Deputación, Goretti Sanmartín e convocou a área de Igualdade, da que é responsábel Ánxela Franco.

Tras a xuntanza, acordouse presentar no vindeiro pleno do venres unha moción na que se insta á Xunta a que se abra esta investigación, ademais de esixir que se garanta a atención sanitaria e psicolóxica ás mulleres. Representantes de PSdG-PSOE, BNG, Marea Atlántica e Alterantiva dos Veciños acordaron tamén establecer contactos coas outras deputación para "comprobar se existen denuncias semellantes no conxunto do territorio galego co fin de transmitirlle ao Goberno galego de maneira unitaria a preocupación pola situación e dialogar sobre as posíbeis solucións".

A Deputación esixe que "se cumpran os protocolos internacionais" na asistencia ás mulleres

A voceira da Plataforma polo Dereito ao Aborto, Vitoria Louro, destacou na reunión da Deputación o feito de que haxa trinta concellos da provincia da Coruña en que as mulleres non teñen servizo de xinecoloxía no seu centro de referencia que é o Centro de Orientación Familiar do Ventorrillo. “Que tantas mulleres sigan sen asistencia xinecolóxica parécenos un escándalo e comprometémonos a facer todo o que estea nas nosas mans para que as mulleres vexan garantidos os seus dereitos”, sinalou Goretti Sanmartín.

Pola súa banda, a deputada da área de Igualdade e Servizos Sociais, Ánxela Franco, esixiu “atención sanitaria para todas as mulleres durante todo o proceso de indución ao parto nestes casos que son abortos de embarazos desexados e que precisan un forte apoio emocional ademais de médico”.

Ademais de Goretti Sanmartín e Ánxela Franco asistiron á xuntanza Julio Sacristán do PSdG-PSOE,  Rocío Fraga de Marea Atlántica e Ángel García Seoane de Alternativa dos Veciños. O deputado de Compostela Aberta, Manuel Dios, fixo chegar ás participantes a súa imposibilidade de asistir e o seu compromiso coas súas reivindicacións. Por parte do PP, xustificaron a ausencia por cuestión de axenda.