"O estudo confirma o efecto do amianto nos traballadores dos estaleiros"

A doutora Carmen Diego Roza Dominio Público Praza Pública

"Existe unha elevada prevalencia de patoloxía por asbesto entre os traballadores dos estaleiros de Ferrol (...) Permite concluír que os traballadores dos estaleiros de Ferrol estiveron expostos a altas concentracións de fibras de asbesto". As conclusións da tese de doutoramento de Carmen Diego Roza, responsable da consulta monográfica de asbestose do hospital Arquitecto Marcide de Ferrol, póñenlle cifras e unha contrastada base científica a unha realidade ben coñecida nesta e noutras comarcas industriais: os efectos que o traballo durante décadas con amianto (un eficaz pero moi daniño material illante) tivo nas persoas que o manipulaban ou que realizaban o seu labor nos espazos nos que se empregaba.

A investigación realizada pola doutora Diego Roza na UDC analizou 681 casos de traballadores que pasaron pola súa consulta entre 2002 e 2009. Deles, o 70% presentaba algunha patoloxía en cuxa orixe se podía identificar o efecto do amianto, sobre todo cancro de pleura. O tempo medio de exposición foi superior aos 20 anos e o tempo medio de latencia (os efectos adoitan tardar moitos anos en manifestarse) situouse ao redor dos 43,5 anos dende a primeira exposición. O estudo analiza igualmente a relación co tabaquismo (máis de 7 de cada dez eran fumadores ou fumaran nalgún momento), sinalando o tabaco como un factor de risco, ao igual que o tempo de exposición ao amianto. Falamos sempre en masculino, tendo en conta que das persoas que acudiron á consulta coa sospeita de estar afectadas e que, en consecuencia, forman parte do estudo, só unha é muller, unha paciente que traballou nos estaleiros, concretamente nos comedores, dende 1964 a 1985.

Carmen Diego Roza analizou 681 casos de traballadores que pasaron pola súa consulta entre 2002 e 2009. Deles, o 70% presentaba algunha patoloxía en cuxa orixe se podía identificar o efecto do amianto, sobre todo cancro de pleura

"Na literatura científica o tema está moi estudado e é de sobra sabido que os traballadores que manipularon amianto sofren unha serie de patoloxías" -explica- "O importante da tese, ademais da conclusión da elevada prevalencia nos estaleiros de Ferrol, é que se trata da primeira serie publicada en España, comparable coas que existen noutros países", analizando con detemento e con centos de casos a afectación nunha industria moi concreta e nun lugar determinado.

A doutora Diego Roza explica na súa tese (que obtivo a máxima cualificación de sobresaliente cum laude) que a aparición de asbestose é improbable con exposicións acumuladas por baixo de 25 fibras/ml/ano, e o incremento na incidencia de cancro de pulmón tamén se produce tras exposicións intensas e cunha duración superior a 20 anos. Engade que as enfermidades pleurais benignas, en cambio, poden aparecer a partir dos 10 anos do inicio da exposición e que esta puido ser de pouca intensidade.

Aínda é moito o que se descoñece sobre o nivel de exposición dos traballadores nos estaleiros e noutras empresas, sobre todo nos anos e as décadas previas ao 1984, momento en que as instalacións que manipulaban asbesto comezaron a estar obrigadas a facer medicións da concentración de fibras deste material no ambiente laboral. Os efectos negativos non remataron aí, en todo caso. En 1987 deixou de empregarse na fabricación de barcos, pero foron moitos os traballadores que tiveron que seguir en contacto con el en reparacións e desguaces e, por suposto, no sector da construción. "A pesar de que nese momento xa se coñecían os seus efectos negativos, aínda se tardou tempo en tomar as oportunas medidas preventivas", sinala Carmen Diego Roza. O uso do amianto foi prohibido definitivamente en España en 2002, antes que no conxunto da UE (2005), pero moito máis tarde que noutros países.

Non é un tema do pasado. A enfermidade ten un período de latencia de 30 ou 40 anos, polo que aínda se manifestarán novos casos ata o ano 2030. E máis mortes. As estimacións falan de máis de 80 mil afectados en España, dos que ao redor de 50 mil morreron ou morrerán nesta década ou na seguinte. É imposible saber con exactitude cantas persoas perderon a vida nas últimas décadas en Ferrolterra por mor de enfermidades relacionadas co amianto, sobre todo cantas o fixeron nos anos oitenta e noventa.

A enfermidade ten un período de latencia de 30 ou 40 anos, polo que aínda se manifestarán novos casos ata o ano 2030. E máis mortes. As estimacións falan de máis de 80 mil afectados en España

De igual xeito, non se pode dar unha cifra para o número total de afectados na comarca, que entidades coma Agavida, sitúan en 3.500. Con todo, vendo o nivel de afectación entre o persoal dos estaleiros, e tendo en conta que o sector naval de Ferrolterra chegou a dar traballo a máis de 16 mil persoas ao tempo -no momento de auxe desta industria- o número de persoas prexudicadas pode ser moi superior. CC.OO. sinala a importancia de se inscribir no rexistro oficial de traballadoras e traballadores con exposición ao amianto, alertando que só o fixeron ata o momento o 2% das persoas potencialmente afectadas pola súa exposición a este material. E a propia doutora Carmen Diego Roza recomenda que calquera persoa que pense que puido estar exposta ao amianto pode ir ao seu médico de cabeceira.  

A importancia desta tese está en boa medida en proporcionar unha base ao que xa era unha certeza tanto na literatura científica xeral coma na experiencia cotiá do persoal médico da comarca. Unha realidade que comezou sendo un feixe de historias persoais, de compañeiros ou familiares que morrían por afeccións pulmonares que, de forma cada vez máis sospeitosa, tiñan unha incidencia especialmente alta nos estaleiros. Ata o ano 2000 apenas se falaba do tema. En Ferrol había un número inusitadamente alto de mortes por enfermidades do pulmón, por cancro de pleura, sobre todo entre homes que traballaban ou traballaran nos estaleiros. Pero nin se lle daba un nome nin se atopaba o nexo e orixe. Nese momento, grazas á acción individual dalgúns afectados e dalgúns médicos, conseguiuse rachar o certo tabú e opacidade que parecía rodear esta enfermidade.

A partir do ano 2001 as principais forzas sindicais (CCOO, UGT e CIG) levaron a cabo mobilizacións para crear unha unidade de referencia en Ferrol para o diagnóstico e seguimento da patoloxía provocada polo amianto. Tras diferentes medidas de presión, o SERGAS creou un protocolo de detección e seguimento para traballadores expostos. Tamén se constituíu no Hospital Arquitecto Marcide de Ferrol unha unidade específica, cunha ducia de médicos, entre eles tres neumólogos. A doutora Diego Roza recoñece a pequena dimensión da unidade, que fai difícil ir máis aló en investigación, nun hospital centrado ademais na actividade asistencial. Con todo, salienta que están en contacto permanente con outros centros en toda España que traballan neste mesmo campo, dende o Hospital Vall d'Hebron de Barcelona ao Instituto Nacional de Silicose de Oviedo.

"É xente que enfermou por facer un traballo e é xente á que se lle ten que recoñecer isto. Non deberían estar sempre reclamando e dependendo do xuíz ou do lugar no que se xulgue o seu caso"

Roberto Amado, autor do libro Peregrinos del Amianto, destacaba hai meses en entrevista con Praza que os afectados reclaman xustiza e recoñecemento, máis que cartos, sinalando os obstáculos que as empresas e o Estado adoitan situar ante as reclamacións das vítimas desta enfermidade profesional: "Se o traballador vai reclamar unha indemnización, a compañía defende que ese empregado non estaba en contacto co amianto. E aí comeza a peregrinaxe dos xuízos, durante anos". Carmen Diego Roza dedica o seu traballo "aos traballadores de Ferrolterra que traballaron expostos ao amianto" destacando que "sen eles, esta tese non existiría" e que "é unha débeda que tiña con eles e que espero saldar". E concorda con Amado en que "é xente que enfermou por facer un traballo e é xente á que se lle ten que recoñecer isto". Conclúe que "non deberían estar sempre reclamando e dependendo do xuíz ou do lugar no que se xulgue o seu caso" para ver recoñecido o carácter de enfermidade profesional.

 

A doutora Carmen Diego Roza Dominio Público Praza Pública
A antiga Astano, hoxe Navantia © Navantia
Enterro dunha das vítimas © Rober Amado
Instalacións de Bazán en Ferrol, hoxe Navantia CC-BY-NC-ND Royal Australian Navy
Mobilización en Euskadi de afectados polo amianto nas empresas CC-BY UKBERRI.NET

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.