Estudantes de Medicina piden á USC que retire a pseudociencia da súa oferta educativa

Aplicación de acupuntura Dominio Público Kyle Hunter

A Universitat de Barcelona puxo fin definitivamente, hai agora varias semanas, ao seu polémico máster de homeopatía. A "falta de base científica" levou a considerada un dos mellores centros do Estado a prescindir dun curso de posgrao que levaba máis dunha década impartíndose a un prezo de case 7.000 euros. Antes, a UNED, a Universidad de Valencia, a de Córdoba, a de Sevilla ou a de Zaragoza tamén suspenderan cursos sobre homeopatía, unha pseudociencia en continua polémica.

Agora, un grupo de estudantes de Medicina da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e científicos impulsan unha petición creada en change.org na que piden que a USC deixe de impartir cursos doutras disciplinas consideradas tamén pseudociencia. Refírense a cursos de acupuntura, medicina natural ou oncoloxía integrativa e que son sinalados polo colectivo Escépticos en el Pub - Compostela

Estudantes de Medicina e científicos piden á USC que deixe de impartir disciplinas de pseudociencia

Borja Merino, estudante de sexto de Medicina, é o promotor da iniciativa contra estas "pseudomedicinas". En concreto, o manifesto refírese ao Máster Propio en Acupuntura e Moxibulstión, ofertado pola USC no presente curso e en anteriores ao prezo de case 3.000 euros, ao Máster en Medicina Natural. Aplicacións en Atención Primaria (4.000 euros), e ao curso de verán de Oncoloxía integrativa (120 euros), estes dous últimos ofertados por última vez o pasado curso. 

O texto advirte que a evidencia científica é "o pilar básico sobre o que se asenta a medicina moderna" e insisten na responsabilidade "legal e ética" da Universidade por ensinar terapais e tratamentos que conten con esta evidencia científica "sólida" ou "con suficientes evidencias". Así, lembran que os alumnos que se matriculan na USC "non agardan recibir dos profesores información falsa ou dubidosa coma se fose certa" e insiste en que "non deberían aprenderse terapias que non contan con apoio científico ou que, de contar con aparentes evidencias, non se ensinen criticamente". De facerse así, "irase diluíndo a confianza da poboación nunha institución tan importante como a universidade".

"Os alumnos que se matriculan na USC non agardan recibir dos profesores información falsa ou dubidosa coma se fose certa"

O manifesto advirte do "risco na vida de terceiras persoas, a súa saúde ou a súa integridade económica". E pide a retirada das aulas de contidos que "contraveñen os códigos deontolóxicos da medicina por non conar coas suficientes evidencias ao seu favor e ofrecer ao alumnado información falaz que, á súau vez, prexudica a sociedade, os enfermos e o exercicio científico da medicina". Así, reclaman a cancelación do máster de acupuntura e a non repetición do máster de medicina natural e do curso de verán de oncoloxía integrativa. 

Aplicación de acupuntura Dominio Público Kyle Hunter

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.