O pasado 16 de febreiro seis estudantes da Facultade de Económicas da USC denunciaron a actitude dun profesor do centro (Luciano Méndez, docente de Matemáticas), que afirmara durante a clase "desconcéntrame o ruído dos bolígrafos e o escote de María" e que, ante as queixas da alumna aludida, reiterara "xa che dixen o primeiro día que me desconcentraba o teu escote" e "empéñaste en traer escote ata o embigo". Varios estudantes abandonaron a aula en protesta, acusándoo de "machista", ao que o docente contestou -segundo a denuncia presentada- "se fose machista pegábache unha hostia".
A USC decidiu cambiar de grupo á estudante afectada e abrir unha investigación, aínda non resolta. Nos días seguintes Luciano Méndez pediulle perdón á alumna a través dun comunicado, pero reafirmou as súas palabras ("vai seguir alterándome un escote excesivo") e xustificou o seu comportamento e a ameaza de darlle "unha labazada" como produto da "tensión da situación", acusando á estudante de "insultalo", chamándoo "machista asqueroso". No seu comunicado afirmaba que "certos tipos de vestimenta" son "absolutamente inapropiados para unha clase" e negaba ademais que el fose "sexista".
As alumnas manifestaron o seu "desacordo ante o seu discurso sexista e ante a ausencia de consecuencias inmediatas ou medidas por parte da USC a raíz dos seus comentarios discriminatorios"
O malestar entre parte do alumnado da USC fíxose patente dende o día en que se difundiu o sucedido. E este xoves un grupo de nove alumnas do Máster de Xénero, Igualdade e Educación decidiron levar a cabo unha acción de protesta nunha das clases impartidas por Méndez, "coa intención de manifestar o noso desacordo ante o seu discurso sexista e ante a ausencia de consecuencias inmediatas ou medidas por parte da USC a raíz dos seus comentarios discriminatorios ante unha alumna". Pouco despois do comezo da aula as estudantes (oito mulleres e un home) quitaron as súas camisolas, deixando ao descuberto os seus peitos, onde levaban escritas diferentes frases, en resposta ás declaracións realizadas polo docente.
Entre as mensaxes que se podían ler nos peitos das alumnas e do alumno que participaron na protesta estaban “Antes frívola que machista”, “Lado débil = male tears”, “Excesivo o teu machismo”, “Noxo e vergoña na usc” ou “Reeducámoste de balde”.
As estudantes que levaron a cabo a protesta destacan que Mendez tivo varias "saídas de ton", laiándose de que as alumnas levaran o peito pintado porque non lucían tan ben as súas “virtudes femeninas”, anunciou que pechaba a persiana para “ter máis intimidade, porque co ambiente que hai igual vai a máis”, dirixíndose ao único home do grupo díxolle que “ía para mirar as tetas das súas compañeiras” e ameazounos con "botalos" cunhas "patadas no cú”. As alumnas comunicáronlle, finalmente, que ían marchar porque tiñan “unha cita con Domingo Neira” (o profesor da USC denunciado polas súa actitude homófoba). Segundo as organizadoras da protesta, "ao intentar entregarlle o noso comunicado negouse e ao deixarllo na mesa recolleuno e arrugouno agresivamente".
Esixen "a suspensión inmediata" do docente "como medida preventiva durante o proceso de investigación que a institución esté levando a cabo" e o "cese de Luciano Méndez como medida sancionadora final"
As alumnas do Máster de Xénero, Igualdade e Educación sinalan que "o primeiro requisito para que se dea unha verdadeira “calidade docente” responde á transmisión dos valores da igualdade e da non discriminación, xa que os discursos de odio non poden ter cabida dentro da universidade pública". Esixen "a suspensión inmediata" do docente "como medida preventiva durante o proceso de investigación que a institución esté levando a cabo, así como a aceptación por parte da USC de calquera medida en relación co caso que a alumna discriminada decida" e o "cese de Luciano Méndez como medida sancionadora final por parte da USC". Conclúen que "a pesar das moreas de desnudos femeninos que nos rodean, os nosos corpos nús non son aceptados se non están mediatizados pola obxectificación. Aínda é preciso reivindicar o noso dereito a vestir como queiramos, con escote ata o embigo ou sen camisola. Os nosos corpos seguen a ser subversivos".
O docente reitera as súas ideas
"Aínda é preciso reivindicar o noso dereito a vestir como queiramos, con escote ata o embigo ou sen camisola. Os nosos corpos seguen a ser subversivos"
Méndez reiterou a súa posición nun recente artigo publicado en La Voz de Galicia, no que afirmaba que "a testosterona é unha hormona complicada, pode ser unha aliada que estimule e motive e pode ser tamén o peor dos inimigos, que faga o varón vulnerable e débil. Controlala, manexala en beneficio propio é labor de toda unha vida". Engadía que "eu sempre estiven do lado do débil, do indefenso, e nesta problemática eu son o débil". E concluía que "o inimigo é de moita entidade, o inimigo chámase rutinas de pensamento, chámase medo, medo á verdade, á sinceridade, á honestidade, e os seus aliados chámanse feminismo frívolo, irracionalidade, sensacionalismo barato e incluso pode que opinión maioritaria".
Referencia a Domingo Neira
Nun recente artigo Méndez sinala que "eu sempre estiven do lado do débil, do indefenso, e nesta problemática eu son o débil"
No remate da súa acción, as alumnas fixeron referencia a Domingo Neira, o profesor do grao de Educación Primaria de Maxisterio da USC denunciado hai dous anos pola súa homofobia, unha polémica que tivo repercusión en todo o Estado. Un caso, ademais, de actualidade, trala petición de 5 meses de prisión que pesa sobre tres estudantes da Universidade de Santiago por un escrache realizado contra Neira en maio de 2015.