"Hai que explicitar un cambio de rumbo na política urbanística municipal que sexa comprendido pola cidadanía"

Plano da cidade da Coruña en 1840, no que se ven con claridade as murallas Dominio Público Praza Pública

A poxa das tres parcelas que o Ministerio de Defenda posúe na zona da Maestranza, na Coruña, e polas que espera obter case 25 millóns de euros, destinando os predios á construción de vivendas de luxo, está a alimentar o debate non só sobre esta operación senón sobre a xestión global do urbanismo na cidade. En primeiro lugar por tratarse este dun espazo privilexiado, en pleno centro da cidade, unha propiedade pública que pasará a mans privadas. Dáse a circunstancia, ademais, de que estes terreos eran, en orixe, propiedade comunal, sendo ocupados -sen cesión ou expropiación legal- para a construción das murallas da cidade.

A presenza da muralla deu lugar, ademais, a un desencontro entre o Ministerio de Defensa e o Goberno municipal. Defensa ameazou o Concello con esixir unha indemnización se as prospeccións previas ás obras revelan (como se espera) a existencia de restos arqueolóxicos protexidos e, polo tanto, lle restan capacidade de edificación. Xiao Varela, concelleiro de Rexeneración Urbana, respondeu de inmediato negando este suposto dereito a ser indemnizados, pois “a potencial existencia de restos arqueolóxicos era e é coñecida polas distintas administración". E destacando que "afortunadamente, a normativa vixente foi mudando co tempo e Patrimonio xa non permite que por unha edificación se arruínen as murallas defensivas, como ocorreu hai máis de 15 anos coa construción do aparcadoiro da Avenida do Metrosidero”.

O Concello da Coruña insta o Ministerio de Defensa a iniciar negociacións co obxectivo de que a cidade "adquira ou reciba en cesión as parcelas co obxectivo “da súa posta en valor como espazo de titularidade e uso público municipal asociado ao patrimonio histórico da cidade da Coruña”, unha proposta que foi apoiada por todos os grupos municipais no pleno do pasado 7 de marzo. Ademais, está en marcha un movemento cidadán que reclama a paralización da poxa e o aproveitamento destes terreos para uso público, buscando dar resposta ás necesidades da veciñanza dos barrios próximos, nomeadamente da Cidade Vella. Un dos impulsores dese movemento é o arquitecto Xosé Luis Martínez, con quen falamos. 

Cal é a importancia histórica das murallas da Coruña? Que papel xogan no deseño da cidade, no seu urbanismo?

Nas murallas está unha parte da identidade da cidade, dos seus signos propios, unha urbe que acolleu durante 400 anos a Capitanía Xeral do Reino de Galicia, e que polo tanto era un enclave militar de primeira orde. O traslado da Capitanía de Compostela á Coruña en 1563 dá inicio á unha historia da cidade na que o militar é determinante, ao igual que o eclesiástico o é en Santiago. No século XVIII A Coruña pasa a ser unha praza forte, cun sistema de amurallamento que ocupa terreos que eran todos, do común, da cidade. Era un sistema de murallas moi potente, porque A Coruña era a primeira liña dunha potencial fronte de batalla, de cara ao Atlántico, que protexía o rei, que estaba en Madrid. Ocupaba unha extensión de 200 metros de ancho e rodeaba a Cidade Vella, separándoa do arrabalde mariñeiro -A Peixaría-, que quedaba fóra. O que hoxe se denomina A Maestranza (polo cuartel que se situaba nos arredores) en realidade chamábase Campo da Estrada, que era un campo comunal que o exército ás veces utilizaba para facer a instrución.

"En 1840 o pobo da Coruña quixo xa recuperar os terreos, tanto que mesmo asaltaron as murallas. Mesmo o Concello publicou un acordo que deixaba claro que os terreos eran da cidade, non do Exército"

Cal era a relación entre as murallas e os habitantes da cidade nese tempo?

O carácter de praza forte da Coruña convertía a cidade en obxectivo das agresións inglesas. Pero as murallas só protexían a Cidade Vella, mentres que os arrabaldes quedaban desprotexidos e eran quen sufrían os ataques. Vían as murallas como algo negativo ou, cando menos, como algo alleo, que ademais ocupara terras que eran súas. En 1840 o pobo da Coruña quixo xa recuperar os terreos, tanto que mesmo asaltaron as murallas e as destruíron. Mesmo o Concello publicou un acordo, que lle enviou á raíña Isabel II, que deixaba claro que os terreos das murallas eran da cidade, non do Exército.

As murallas constrúense en terreos comunais. Por que a propiedade destes espazos non regresou á cidade?

Cando chega a revolución burguesa, no século XIX, o solo comeza a entenderse como unha mercadoría, susceptible de ser comprado e vendido. E o Ministerio da Guerra utiliza estes espazos como moeda de cambio, producíndose unha alianza entre o Ministerio (a Administración central) e as burguesías especulativas locais, para a venda e ocupación destes terreos. Así, toda a fronte da Mariña foi para eses poderes locais: o Banco Pastor, o Banco da Coruña, aliados con catro ou cinco ex alcaldes, concelleiros e deputados, que foron que os compraron os soares, onde inicialmente estaban previstos edificios públicos. Mentres, os militares quedaron co espazo que vai de Porta de Aires cara arriba, onde se foron construíndo cuarteis. Eses terreos nunca foran cedidos nin expropiados, foran ocupados para construír o novo sistema de fortificacións abaluartadas. E despois non foron devoltos á cidade, como si sucedeu noutros lugares; por exemplo: Barcelona (Ciudadela, Montjuic), Madrid (Paseo del Prado, Retiro) ou Alcalá de Henares.

"Eses terreos nunca foran cedidos nin expropiados, foran ocupados para construír o novo sistema de fortificacións abaluartadas. E despois non foron devoltos á cidade, como si sucedeu noutros lugares"

Chegamos aos anos 80 do século pasado. Eses terreos e os varios cuarteis que se foron construído ao longo da ditadura franquista están no centro da Coruña. Ao longo desa década o militar na cidade foi desaparecendo e chegouse a un pacto entre a nova clase dirixente, representada polos políticos do reformismo, ligados a intereses inmobiliarios por todos coñecidos na Coruña, e por outra parte a Administración Central. Produciuse unha descapitalización do patrimonio do Estado en beneficio dos grandes operadores urbanos que xurdiran na ditadura, que practicamente se apropiaron como parcelas dos cuarteis, que foron obxecto de grandes negocios nas décadas dos oitenta e os noventa.

Parece que, coas inevitables diferenzas que impón o contexto social e político, estamos ante o mesmo debate, tanto no século XIX, nos anos 80 do século XX e na actualidade: o uso do espazo público para a cidade e os seus habitantes ou o beneficio privado nunhas poucas mans..

Isto forma parte da historia dunha forma de entender a xestión da cidade, os intereses públicos e o patrimonio público do solo, que só considera os espazos como potenciais soares, sexa no porto, sexa debaixo dunha praza para poñer un aparcamento. A historia do dominio que se dá na Coruña da visión especulativa sobre a visión urbanística. Creo que é necesario facer unha relectura da historia oficial da cidade que nos contaron os grupos hexemónicos e desvelar canto hai de usurpacion do común, nuns casos polo poder central, noutros pola burguesía como grupo dirixente dende o século XIX. Unha usurpacion, unha guerra na que a concepcion do público está en xogo e na que a pretendida privatización e poxa dos terreos do Campo da Estrada son unha batalla máis.

"Nos 80 chegouse a un pacto entre a nova clase dirixente, representada polos políticos do reformismo, ligados a intereses inmobiliarios por todos coñecidos na Coruña, e por outra parte a Administración Central"

Hai que velo todo ligado a ese proceso de ocupación do comunal e, despois, de apropiación do comunal por parte de entidades privadas. Trátase de que eses terreos sexan devoltos á cidade, co mesmo espírito expresado pola corporación municipal xa no século XIX. Creo que é o momento de que por parte da administración central -do Exército- se devolva este espazo aos habitantes da Cidade Vella, que son os lexítimos herdeiros dos propietarios daqueles terreos comunais.

Que valor ten hoxe a recuperación das murallas, naqueles lugares, coma o Campo da Estrada (Maestranza) onde poden aparecer restos?

En primeiro lugar, as murallas están catalogadas e declaradas BIC, tanto as que se ven coma as que non se ven. Forman parte do patrimonio da cidade. Non queremos esquecer o pasado da Coruña como cidade-fortaleza; hai un patrimonio cultural que se pode poñer en valor dende o punto de vista educativo. Recuperar a memoria histórica non é só recuperar o que pasou na guerra civil -que tamén e sobre todo- senón iguamente recuperar a idea de cidade da que nós dalgún xeito somos herdeiros. Recuperar, por suposto, a idea de cidade de cidadáns, non de cidade no sentido de praza forte, porque nunha praza forte non hai cidadáns, hai milicia e hai disciplina. A min interésame recuperar esa dimensión cidadá, que fala dun patrimonio común que eran os campos que rodeaban a Cidade Vella, que eran o Campo de San Agustín, o Campo da Leña e o Campo da Estrada, que eran comunais, propiedade da cidade. 

"Isto forma parte da historia dunha forma de entender a xestión da cidade, os intereses públicos e o patrimonio público do solo, que só considera os espazos como potenciais soares, sexa no porto, sexa debaixo dunha praza para poñer un aparcamento"

Que papel debe xogar o Goberno municipal neste tema?

O Concello ten un papel fundamental, pois ten as máximas competencias en urbanismo. Ten unha oportunidade para construír un discurso novo no que haxa outro urbanismo, outra maneira de ler a cidade que non sexa a cidade especulativa, senón a cidade da participación cidadá. É outra visión, hai que explicitar un cambio de rumbo na política urbanística municipal que sexa comprendido pola cidadanía no seu conxunto e, sobre todo, polos veciños e veciñas da Cidade Vella, onde hai centos de vivendas baleiras e onde os seus habitantes -moitos deles de idade avanzada- non teñen resoltos moitos problemas a nivel de servizos e equipamentos e que, en moitos casos, non teñen recursos para arranxar os seus edificios. Hai que ter en conta tamén que no barrio non hai apenas parques, apenas o Xardín de San Carlos ou a Praza de Azcárraga; pódese tamén crear un gran parque urbano ao servizo dos habitantes da Cidade Vella e de Atochas e Montealto.

"O Goberno municipal ten unha oportunidade para construír un discurso novo, outra maneira de ler a cidade que non sexa a cidade especulativa, senón a cidade da participación cidadá"

Non se necesitan 300 vivendas novas que, ademais, xerarían outros problemas, comezando polo tráfico e o aparcamento, porque 300 vivendas máis son 300 coches máis. O Goberno municipal debe liderar un proceso distinto de construción da cidade, unha lectura diferente da cidade na que a participación, como dixen, é fundamental. Ese espazo debe ser o que os veciños e as veciñas da Cidade Vella queiran. Nese novo relato hai argumentos suficientes para que a Administración central -non este Goberno, pero si un Goberno progresista- axude a recuperar para os coruñeses o que sempre foi terreo dos coruñeses.

Estamos, pois, ante unha oportunidade para repensar a cidade e o seu urbanismo, con criterios moi diferentes aos que rexeron nas décadas dos oitenta e dos noventa?

A partir do ano 82 e 83 iniciouse un proceso alucinante de especulación inmobiliaria, unha visión que se converteu en hexemónica e que durou ata esta crise. A frase esa de que España era o país de Europa no que era máis doado facerse rico foi certa durante 30 anos. Pero é que agora estamos noutro tempo, todos os plans xerais elaborados na década dos oitenta e dos noventa xa non valen. Nos anos oitenta e noventa unha parte importante dos recursos e do aforro dirixiuse ao investimento inmobiliario. Todo iso levou a que hoxe en día na Coruña haxa máis de vinte mil vivendas baleiras. Trátase de identificalas e implementar políticas para rehabilitalas ou para que sexan ocupadas polos sectores necesitados de vivenda. Haberá que poñer o foco noutras cousas: dirixir o esforzo cara á rehabilitación, cara á mellora da cidade existente, a mellora dos espazos públicos, a xerar calidade, para facer a cidade atractiva, confortable.

"O que hai que facer é implementar políticas de mellora do patrimonio edificado existente. Ou pretendemos que a recuperación económica vai vir ligada á recuperación do sector inmobiliario? É que non nos chegou coa hostia que levamos?"

O que hai que facer é implementar políticas de mellora do patrimonio edificado existente. Ou pretendemos que a recuperación económica vai vir ligada á recuperación do sector inmobiliario? É que non nos chegou coa hostia que levamos? Queremos outra? Non podemos seguir pensando Galicia en base ao sector inmobiliario. A non ser que queiramos drenar todos os recursos económicos cara á banca, como se fixo nos últimos 50 anos, sepultando primeiro os aforros da emigración e despois a través de hipotecas. Unha banca que, ademais, xa non é galega. A supremacía do sector inmobiliario non é algo bo, é unha patoloxía. Un brazo que vai inchando non é unha virtude, é un problema. 

Podemos facer unha reflexión semellante cos terreos do peirao e a súa privatización para a construción de vivendas en base ao convenio asinado en 2004?

O tema do peirao é complexo. Pero o que está claro é que non ten sentido construír alí centos de vivendas cando tes esa inmensa cantidade de vivenda baleira na cidade. Os terreos do porto son unha enorme oportunidade para a cidade, que hai que mirala ademais na escala da rexión urbana A Coruña-Ferrol e pensando a 30 ou 40 anos. E, ademais, a cuestión é que o Porto Exterior debe ser financiado polo Estado central, como pasa cos portos en calquera outro lugar. Non hai que vender estes terreos para financiar nada. O que pasa é que aquí houbo durante anos unha clase dirixente que sempre foi moi dependente da Administración central, coa que tiña unha relación fluída, e conseguía un certo grao de poder grazas a someterse sen protestas a eses intereses.

 

Plano da cidade da Coruña en 1840, no que se ven con claridade as murallas Dominio Público Praza Pública
Plano municipal actual, co trazado das murallas. En vermello, a muralla barroca, no Campo da Estrada (Maestranza) Dominio Público Praza Pública
Murallas da Coruña, no Parrote © Turgalicia
Outro treito da muralla no Parrote CC-BY-SA Marvelshine
A muralla, baixo os xardíns de San Carlos © Javier Martín

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.