As oito mulleres asasinadas pola violencia machista en 2015 confirman o pasado ano como o peor en canto a violencia de xénero desde que se recollen estatísticas e os datos dese exercicio como os peores no que vai de século. Nunca tantas vítimas mortais se rexistraran en Galicia desde 1999 -primeiro ano con cifras oficiais-, o que sitúa o país como a terceira autonomía con maior número de feminicidios no Estado, tan só por tras de Catalunya, con doce casos, e Andalucía, con dez.
Son estas parte das cifras que recolle o Informe Anual de seguimento da Lei de Violencia de Xénero que a Secretaría Xeral de Igualdade fai chegar ao Parlamento partindo dos datos do Ministerio de Sanidade, o Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX) ou a Delegación do Goberno para a violencia machista.
O número de asasinatos machistas en 2015 (8) alcanzou niveis récord, a peor cifra desde que hai estatísticas oficiais
Así, o número de asasinatos machistas en Galicia alcanzou niveis récord en 2015, con dúas mulleres falecidas máis que en 2014, cinco máis que en 2013 ou catro máis que en 2012. As oito mortes na comunidade autónoma supoñen o 13,3% do total rexistradas no Estado (60), onde se alcanzou a maior cifra desde 2011. A media de vítimas mortais no país na última década é de máis de catro ao ano e de case cinco de ter en conta o último lustro.
Nos tres meses que van do presente ano 2016, unha muller foi asasinada en Becerreá e na pasada semana houbo outro intento de asasinato machista cunha arma de fogo nas Pontes, do que a muller saíu ilesa. Ademais, hai varias investigacións abertas por crimes e mortes que puideran atribuírse tamén á violencia de xénero.
Das oito mulleres asasinadas polas súas parellas ou ex parellas en Galicia o pasado ano, tan só unha elas -a do crime acontecido en Mos a finais de2015- presentara denuncia previa. Precisamente, e segundo os datos do CXPX, presentáronse na comunidade autónoma 5.210 denuncias nos Xulgados de Violencia sobre a Muller, unha cifra practicamente igual á de 2014, cando se presentaran 5.209. En ambos os dous casos, son máis de 14 ao día.
As denuncias mantivéronse no mesmo número en 2015 pero o número de chamadas ao 016 aumentou en 814
En canto ás ordes de protección, rexistráronse o pasado ano 1.564 solicitudes en Galicia, das que 930 (o 59% do total) se resolveron favorablemente. O número, neste caso, é algo superior ao das ordes incoadas en 2014, cando se rexistraran 1.327. Tamén se incrementou no pasado exercicio a cantidade de chamadas ao 016, número que ofrece información e asesoramento xurídico en materia de violencia de xénero as 24 horas do día os 365 días do ano. Foron 3.715 as veces que en Galicia se telefonou, fronte ás 2.901 do ano anterior, 814 máis.
Ademais, o informe da Secretaría Xeral de Igualdade analiza tamén o servizo Atenpro para vítimas de violencia de xénero, baseado en tecnoloxías de comunicación telefónica móbil e de telelocalización telefónica e que ofrece ás vítimas que conten cunha orde de protección ou medida de afastamento unha atención inmediata e a distancia. Galicia, cun rexistro de 436 altas ocupaba o sétimo lugar a finais de 2015.
Por outra banda, tamén se ofrecen datos sobre o Sistema de Seguimento Integral nos casos de violencia de xénero (Viogén). Son 2.934 casos activos de violencia machista que se están a seguir mediante este método, dos que a maioría (1.978) son catalogados como de "risco non apreciado". Nun nivel "baixo" atópanse 727 mulleres, 216 nun "risco medio", dez como "alto" e tres como "extremo".