0 Gardados para despois

7 de abril: Día Mundial da Saúde... ou de Acción contra a Comercialización da Saúde

Alexandre PichelAlexandre Pichel | @XandrePichel


Diversas organizacións europeas en defensa da sanidade pública organizaron para este xoves, 7 de abril, o primeiro Día de Acción Europea contra a Comercialización da Saúde e dos Servizos Sociais, tamén coñecido como o Día da Saba Branca. Normalmente, cada 7 de abril dende o 1950, vense celebrando o Día Mundial da Saúde en conmemoración ao nacemento da Organización Mundial da Saúde (OMS). Pero os pasos axigantados cara á privatización dos servizos sanitarios (como a opacidade nas listas de espera non estruturais, o incremento das derivacións a centros privados, a non ocupación dos postos baleiros por novo persoal...) levaron a diferentes colectivos a organizar esta xornada de loita.

Este 7 de abril, Día Mundial da Saúde, diversas organizacións en defensa da sanidade pública convertérono no Día da Saba Branca

A escolla do nome (Saba Branca) ven motivada pola acción que se decidiu levar en toda Europa. Os organizadores pediron á cidadanía que colguen das súas fiestras unha saba branca, que lle saquen unha foto e que a suban as redes sociais coa etiqueta #Health4All (Saúde para todos). Dende a Coordinadora Antiprivatización da Sanidade Pública afirman que este momento é crucial para levar a cabo unha mobilización masiva da cidadanía a prol dunha sanidade pública de calidade. Sosteñen, tamén, que este proceso privatizador estase dando nun nivel internacional, mais Galicia está a ser unha das alumnas máis avantaxadas, sendo unha das catro autonomías do grupo de "elevado grao de privatización", segundo a Federación de Asociacións en Defensa da Sanidade Pública (FADSP).

Unha das queixas máis significativas, tanto deste grupo de presión como da Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública (AGDSP), é a existente opacidade nos datos do Sergas nas listas de espera non estruturais, aquelas que aglutinan os pacientes que rexeitaron ser atendidos nun centro privado. Asegurando, incluso, a "eliminación destes nas listas de espera". Polo que lle esixen á Administración os datos reais, pois intúese que falta arredor dun 30% da listaxe, e a verificación de que non se está prexudicando de forma deliberada a aqueles pacientes que decidiron ser tratados unicamente en centro públicos.

O abandono das negociacións do TTIP, TiSA ou CETA é unha das reclamacións das organizacións contra a privatización sanitaria

Ademais, os representantes desta organización mandaron esta semana un comunicado a todos os grupos parlamentarios do Congreso dos Deputados, esixíndolles o abandono inmediato nas negociación dos tratados TiSA, TTIP e CETA, pois "condenan á desaparición de todos os servicios públicos básicos". Estes tratados están a ser negociados en segredo (o TiSA, por exemplo, esixía que non se desclasificara ata que se cumpriran 5 anos tras a súa entrada en vigor) entre a Unión Europea e os diferentes actores internacionais que nel están implicados. José Miguel Rodríguez, membro da Coordinadora Antiprivatizadora da Sanidade Pública, asegura que este tipo de acordos só favorecería a venda da sanidade e doutros servizos públicos a multinacionais, sen a posibilidade de retorno a unha xestión pública. 

Segundo os datos que manexou a AGDSP na elaboración do seu informe sobre a situación da sanidade galega, dende o comezo da crise xa se perderon arredor dunhas 1.800 prazas na sanidade pública. Após, comenta unha das profesionais sanitarias que a non colocación de novo persoal médico nos postos que van quedando baleiros, tanto sexa por baixas, por xubilacións ou por vacacións, fai que a presión interna non pare de aumentar. Afirma, deste xeito, que ela chega a ter entre 50 e 60 pacientes e que, como é obvio, ela trata de dar todo o que pode, mais a costa da súa saúde e a dos seus compañeiros.

Malia aumentarse a partida orzamentaria para a sanidade en Galicia, o montante é de 236 millóns menos que en 2009

Certo é que o montante para sanidade nos Orzamentos aumentou en 2016 (inclúense 3.546,6 millóns de euros, 139 millóns máis a respecto dos anteriores orzamentos, aínda que as políticas sanitarias están dotadas con 236,7 millóns de euros menos que en 2009). E hai máis detalles a ter en conta: a factura do hospital de Vigo en 2016 equivale á metade da suba do orzamento sanitario, xa queu o Executivo galego ten que achegarlle á empresa 68 millóns, 26 deles como canon pola prestación de servizos non clínicos.

Non obstante, isto non é a reclamación principal nesta xornada. Dende a perspectiva dos organizadores, non cren que máis cartos vaian traer consigo unha maior eficiencia, sobre todo cando gran parte do gasto sanitario vai para as concesións coas clínicas privadas. Dende a Coordinadora pensan que un uso do 100% das infraestruturas sanitarias que dispón Galicia, levaría a unha diminución de derivacións a hospitais privados, polo tanto, un menor gasto para as arcas públicas.

A Coordinadora Antiprivatización cre que un uso do 100% das infraestruturas sanitarias suporía moito menor gasto para as arcas públicas

Este 7 de abril, saen diversas marchas en distintos puntos da Unión Europea reclamando o que cren xusto: unha sanidade pública de calidade. De todos xeitos, as organizacións galegas cren que a sociedade aínda non ve o dano que se está a facer nos servizos públicos, pois afirman que mentres os usuarios segan a ser atendidos, estes non van reparar se o persoal é público ou privado. Para tentar reverter esta falta de desinformación, organizouse este xoves unha mesa redonda na capela de San Roque (Sada) con José García Buitrón, senador de En Marea e ex-xerente do CHUAC, e con Manuel Martín García, presidente da FADSP.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.