Pídenlle á Xunta que declare a caducidade das concesións mineiras da Terra Chá

Manifestación contra as minas na Terra Cha © CAMTC

A Comisión contra as Minas da Terra Chá, integrada por máis dunha vintena de colectivos, reuiniuse esta semana para analizar a situación na que se atopa o conflito coa empresa mineira norueguesa Erimsa. Esta empresa ten tres concesións aprobadas dende o ano 2006 para extraer seixo en 5.700 hectáreas nos concellos de Castro de Rei, Cospeito, A Pastoriza, Abadín, Vilalba e Riotorto. Tras dez anos de loita, dacabalo dos anos 2012 e 2013, Erimsa perdía cinco contenciosos administrativos que tiña interpostos contra os concellos de Castro de Rei, Cospeito e A Pastoriza. Nese mesmo período, a Erimsa denegábanlle as licenzas os concellos, previa denegación da autorización autonómica.

Na xuntanza da Comisión contra as Minas na Terra Chá valorouse que  "aínda que son moi importantes os logros acadados, grazas á loita e organización da veciñanza, a ameaza mineira permanece e a situación segue a ser preocupante". Despois de serlle denegados todos os permisos á concesionaria, varios colectivos instaron á Xunta para que iniciase os expedientes para declarar caducadas as concesións mineiras, aprobadas por trinta anos e prorrogables até noventa. Porén, a única contestación da Xunta foi o silencio administrativo, pois nin iniciou os expedientes de caducidade nin contestou aos colectivos que a interpelaron, sinalan.

A maiores, a empresa segue loitando nos xulgados por acadar o dereito de extraer o seixo da Terra Chá, e ten recorrida diante do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia a autorización previa á concesión de licenza municipal dos proxectos Pastoriza 5562 (A Pastoriza), Karles 5519 e Alicia 5917 (ambos os dous de Cospeito). Nestes procedementos, sinala a Comisión, "chama a atención que, por parte dos gobernos municipais, só se teña personado o concello da Pastoriza, mentres que o de Cospeito, un dos máis afectados, fixo deixadez da súa obriga de defender os intereses da veciñanza e non se persoou".

A xuntanza da Comisión contra as Minas na Terra Chá acordou instar de novo á Xunta para que declare caducadas as concesións a Erimsa na Terra Chá. E decidiu iniciar unha campaña informativa "para que a veciñanza dos diversos concellos afectados polos proxectos mineiros coñezan estas últimas novas".

 

Zona que sería afectada polas minas de seixo © mineriagalicia.org
Xuntanza da Comisión, esta semana © Comisión contra as Minas na Terra Chá
Manifestación contra as minas na Terra Cha © CAMTC

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.